Skip to Content

2018/19

Ópera para principiantes

Quizais o 12 de decembro de 2018 quede marcado para parte do noso alumnado como o día en que por vez primeira se achegaron ao xénero lírico musical por excelencia: a ópera. E se así fose foi da man de dúas grandes artistas galegas que reparten o seu talento fóra de Galicia: Lorena Paz Nieto en Londres e Tamara Lorenzo Gabeiras en Zurich. E con que repertorio marabilloso nos agasallaron...deixámosvos unha pequena reportaxe (e desculpade as carencias técnicas) do que foi unha xornada de música única e irrepetible.

Visita ao laboratorio do NaFoMat

O 4 de decembro o alumnado do STEMBach visitou un dos laboratorios do Grupo de Nanomateriais, Fotónica e Materia Branda, no departamento de Física Aplicada da USC.

Os profesores da USC José A. Rodríguez Añón e María Villanueva, así como outros membros do grupo, como o doutor Juan J. Parajó, foron os anfitrións no percorrido polas instalacións e os diferentes equipos dos que dispoñen.

Tamén deron conta das diferentes liñas de investigación nas que traballa o grupo, así como outras nas que se ten traballado, e explicaron algunhas das técnicas de investigación que empregan.

O alumnado puido ver algún dos equipos en funcionamento. Como actividade práctica, levouse a cabo a preparación dun xel sobre o que se levan a cabo diferentes experimentos para determinar as súas propiedades físicas, como a condutividade ou a estabilidade térmica.

Laboratorio do NaFoMat

Charla para o alumnado de Psicoloxía: "Funcionamiento ejecutivo y emocional en Trastorno Obsesivo Compulsivo. Cuando las emociones llevan la voz cantante."

María Tubío / TOC / 2018

O 30 de novembro de 2018 o alumnado da materia de Psicoloxía de 2BACH recibiu unha charla impartida pola psicóloga e doctoranda María Tubío que grazas á súa claridade, cercanía e bo facer foi quen de achegar dun xeito preciso un amplo cadro no cal poder entender o que o TOC é, e como este pode afectar á vida das persoas que o sofren.

Todos os obxectivos que foron fixados para a actividade quedaron plenamente logrados xa que o alumnado comprendeu a complexidade de definir o que é un trastorno mental e saber sobre a súa orixe (máis aínda se temos en conta que a señora Tubío está a facer a tese dentro do grupo de investigación de Xenómica da USC que dirixe Ángel Carracedo). Tamén foi abordada con enorme empatía e delicadeza a dimensión social do trastorno e as tremendas consecuencias que pode conlevar o TOC, en determinados casos, a aquelas persoas que o padecen.

Charla de medio ambiente

O 29 de novembro a sesión STEMBach consistiu nunha interesantísima charla a cargo do profesor José Rodríguez Añón, do grupo de Nanomateriais, fotónica e materia branda do Departamento de Física Aplicada (Facultade de física, USC).

O profesor Rodríguez Añón imparte docencia nos graos de Bioloxía e Física, así como en programas de Mestrado e no 4º Ciclo da USC, ten unha dilatada traxectoria como investigador en diversos campos da física aplicada, en campos como a microcalorimetría, os materiais poliméricos, a física de solos, os recursos e residuos forestais, o aproveitamento enerxético dos residuos sólidos, o deseño de mapas como ferramenta na prevención de incendios forestais, e ademáis realiza numerosas actividades divulgativas.

Na charla e posterior debate co alumnado analizáronse diversos factores en relación co medio ambiente e o cambio climático desde as perspectivas científica, social e económica.

Charla para o alumnado de Psicoloxía: "A sexualidade dende o punto de vista do pracer"

Noa Tilve / Quérote+ / 2018

A psicóloga e sexóloga Noa Tilve, de Quérote+, charlou co alumnado da materia de Psicoloxía (2BACH) o día 28 de novembro de 2018, sobre aspectos da sexualidade que van máis aló do meramente anatómico, do ámbito da protección fronte ás ETS ou dos embarazos non desexados. 

As orixes destas charlas veñen da solicitude de alumnado doutros cursos pasados que reclamaba porque nunca se lle falaba dunha maneira conxunta de algo tan natural e tan da "vida" (no sentido de todo o longo da vida) como isto.

A orientadora do centro, Cruz Présas, púxonos en contacto con Noa e ela aceptou inmediatamente a petición do alumnado. Dende aquela, e sempre que o permite o calendario, repetimos.

Moitas gracias, Noa. Parabéns pola túa cercanía e polo teu benfacer!

VIII CERTAME Curtas AS-PG

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organizou o VIII CERTAME Curtas AS-PG. Na categoría de Centros de Ensino obtiveron premio varios alumnos do noso centro:

  • Antón Etxeita Figueroa e Pablo Pazos Dominguez pola súa curta Dióxenes
  • Lara González e Iria Insua pola súa curta Estou contigo. 

Os premios entregáronse nun acto celebrado o 27 de novembro ás 18h no CGAI ( Durán Loriga 10, A Coruña).

A temática das curtas xirou ao redor da literatura, interpretando ou explorando calquera texto de calquera época da Literatura Galega e podían ser das seguintes modalidades: videocreacións, curtametraxes, videoclips… e utilizando calquera técnica de elaboración.

Parabéns aos gañadores

O alumnado do STEMbach asiste ao acto de entrega do premio Stephen Hawking

Invitados polo IES Rosalía de Castro, o alumnado do STEMBACH e profesorado do noso centro asistiron ao acto de entrega do premio Stephen Hawking celebrado o martes 27 de novembro no salón de actos do IES Rosalía de Castro. Este ano o acto contou coa presenza do Premio Nobel Jean-Pierre Sauvage, unha autoridade mundial no campo da química supramolecular.

O IES Arcebispo Xelmírez II participa nas xornadas STEMBach

O 27 de novembro tivo lugar a inauguración da xornada formativa sobre o STEMBach no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago.

A conselleira de educación, Dna. Carmen Pomar, tivo unha breve intervención inicial e a continuación os asistentes puideron participar en diferentes actividades e charlas, nas que se abordaron cuestións de actualidade na ciencia, a presenza das mulleres na mesma, na actualidade e ao longo da historia, ou a presenza das pseudociencias nos medios.xornadas 

Presentación

Asistiron alumnos e profesores de diferentes centros nos que se imparte STEMBach, entre eles todas as rapazas e rapaces que cursan esta modalidade no noso centro.

O profesorado tivo tamén a ocasión de facer contactos con docentes doutros centros, así como cos coordinadores encargados nas Universidades de A Coruña, Santiago e Vigo da colaboración cos centros de secundaria.

Nadia Iglesias, campioa.

O pasado xoves 22 de novembro tivemos a sorte de ter connosco á patinadora de Bertamiráns Nadia Iglesias de Salvador. A campioa de Europa júnior e cuarta nos últimos mundiais conversou co alumnado de ESO sobre a disciplina deportiva que escolleu amais de facer unha pequena exhibición para todo o centro acompañada polo noso alumnado patinador. Todo un exemplo e un luxo. Velaquí uns pequenos retallos da súa intervención.

Magosto 2018

O martes 13 celebrouse un magosto no patio de columnas do instituto coa participación dos membros da comunidade escolar.

Finalistas no VIII CERTAME Curtas AS-PG

A AS-PG vén de publicar a relación de finalistas do seu VIII Certame de curtas. Dúas curtas do IES Arcebispo Xelmírez II foron seleccionadas na categoría de centros de ensino. Estas son:

  • Dióxenes, de Antón Etxeita Figueroa e Pablo Pazos Dominguez
  • Estou contigo, de Lara González e Iria Insua

Moitos parabéns ao alumnado por estes excelentes traballos.

Máis información: VIII CERTAME DE CURTAS DA AS-PG. CURTAS FINALISTAS

Inma Gil, da BBC ao Xelmírez II

O pasado xoves 15 de novembro estivo nas aulas de Bacharelato a xornalista Inma Gil Rosendo, unha viguesa que leva xa 20 anos no Reino Unido traballando para a BBC e sendo unha das activistas máis importantes da comunidade galega en Londres. Neste eido creou o grupo Galegos morriñentos en Londres no facebook así como a comunidade Troula para socializar en galego a nenos fillos de galegos.

Mais nesta ocasión veunos falar do seu traballo e fundamentalmente do novo proxecto que coordina, o BBC Ideas, unha canle de videos curtos en youtube creada dentro da propia BBC.

E velaquí algunhas fotos:

E outra vez no LGx15

Para a comunidade do EDL do IES Xelmírez II o LGx15 é xa un dos eventos máis agardados do curso. Alí cada ano, desta o 15 de novembro, atopamos novas ideas e xente moi nova que achega toda a súa enerxía, vitalidade e ganas de facer pola lingua. Nesta ocasión, falouse de química, de deporte, de superacións persoais, de deseño, de caer da burra, de cultura pop... Pasámolo en grande, así que xa contando os días para o seguinte.

Laboratorio de química no STEMBach

Nas sesións do 25 de outubro e do 8 de novembro o alumnado do STEMBach traballou no laboratorio de química diversas técnicas experimentais.

Na primeira sesión puxeron en práctica, entre outras actividades, diferentes técnicas de separación.

Laboratorio de química

O fío condutor da segunda xornada foi a análise de diferentes tipos de reaccións químicas. Nun dos experimentos, tentaron medir a cantidade de gas producida empregando unha técnica un tanto “rústica”…

Laboratorio de Química

A USC xa coñece o novo bacharelato do IES Xelmírez II

A vicerreitora de titulacións da USC, Victoria Otero Espinar, reuniuse con docentes e alumnado para escoitar impresións e expectativas

SANTIAGO / LA VOZ 07/11/2018 05:00 H

A vicerreitora de titulacións da USC, Victoria Otero Espinar, coñeceu onte o novo bacharelato de excelencia en ciencia e tecnoloxía nunha visita ao IES Xelmírez II, un dos quince centros galegos que o implanta este curso. Vitoria Otero coordina ás tres universidades galegas en relación con estas novas ensinanazas.

Distribuir contido


by Dr. Radut