Liga LEGO Junior

Participamos no proxecto Liga LEGO Junior, destinado a alumnado entre 6 e 9 anos de idade. No curso 2017-2018 iniciamos esta experiencia, formando un equipo de 4 alumnos do colexio e traballamos no tema da auga (AQUA ADVENTURE). No 2018-2019 fomos 8 nenos/as no equipo e investigamos sobre a construción dunha base lunar. No 2019-2020 intentaremos ofrecer propostas para construír unha cidade. Espéranos un evento no Auditorio de Ferrol o sábado 15 de febreiro de 2020.

Liga Lego Junior 2019-2020: presentación do proxecto en Ferrol

O sábado 15 de Febreiro tivo lugar a presentación dos proxectos da Liga Lego Junior no auditorio de Ferrol. Saíunos todo xenial e quedamos moi contentos co noso traballo. Ímovos amosar algunhas imaxes dese día:

Diploma de felicitación a CEP Sequelo como gañador do premio "Exploradores Cooperativos"

O equipo coa medalla e o diploma:

Foto cos pais e nais que nos acompañaron:

O noso traballo exposto:

O equipo durante a súa presentación:

O vídeo da nosa presentación, que dura 7 minutos:

Ímovos contar un breve resumo da xornada:

Tivemos que levantarnos da cama ben cedo, pois ás 7 da mañá saímos para Ferrol. Foi moi bonito ver as cores rosadas e azuis do mencer. Chegamos ao auditorio sobre as 9 horas e xa nos estaban esperando para darnos as acreditacións e as entradas.

No auditorio había unha sala grande onde tivemos exposto o noso traballo xunto aos de outros 20 equipos nas categorías de 4 a 6 e de 6 a 9 anos. A iso das 11:30 déronnos un bocata de merenda. Por fin, ás 12:30 chegou a hora de presentar o noso traballo diante do xurado, formado por dous científicos e unha científica (podédelo ver no vídeo anterior).

Sobre as 13 horas déronnos un bocata de almorzo, de lomo con tomate, que estaba ben bo. Xa para rematar, e despois de ir tomar un café cos papás e mamás, asistimos ao acto de clausura no auditorio, onde nos entregaron os diplomas e unhas medallas xeniais feitas con pezas de Lego. Nese acto intervíu un mago moi simpático, que fixo dous trucos divertidos. Nun deles foi capaz de convertir un papel mollado nun montón de copos de neve que nunca remataban.

Temos que agradecer enormemente á organización e a aos voluntarios/as que nos axudaron moito en todo o que necesitamos. Esperamos volver o ano que vén!! Grazas!!

Máis información sobre o evento en :

Televisión de Galicia

Páxina oficial en Twiter

Álbum con todas as nosas fotos do proxecto

Fotos na web oficial de Flickr do evento en Ferrol

Liga Lego Junior 2019-2020 (10)

Na última sesión deste proxecto fixemos un ensaio da exposición diante dos nosos compañeiros/as de 4º curso. Quedamos contentos e esperamos facelo aínda mellor en Ferrol.

Ver a imaxe

Liga Lego Junior 2019-2020 (9)

A novena sesión dedicámolo a montar o noso mural para a exposición, escribimos títulos, coloreamos, recortamos e pegamos na cartulina.

Na segunda parte ensaiamos a exposición. Aínda temos que mellorar!

Para a vindeira e última sesión volveremos ensaiar a presentación e daremos os últimos retoques á nosa maqueta.

Liga Lego Junior 2019-2020 (8)

Na 8ª sesión continuamos mellorando a maqueta do noso edificio, un centro deportivo, e tamén o ascensor con motor e programación. Iniciamos o deseño do noso mural e fixemos a primeira proba de presentación diante do público.

Na vindeira sesión temos que concluír a maqueta do edificio, rematar o mural e ensaiar de novo a presentación. A ver se damos feito!

Engadimos dúas imaxes cos nosos deseños:

Liga Lego Junior 2019-2020 (7)

Na 7ª sesión iniciamos a construción definitiva do noso proxecto de centro deportivo. A metade do equipo traballou na construción do edificio e a outra metade na programación do guindastre para utilizalo como ascensor.

Na vindeira sesión intentaremos rematar a construción e comezar co mural para a presentación. Lembrade traer a vosa presentación con foto nun folio e rematar o deseño cun debuxo do centro deportivo.

Liga Lego Junior 2019-2020 (6)

Despois das vacacións de Nadal continuamos coa 6º sesión. Hoxe traballamos en grupos para  consensuar as características que terá o noso edificio, e acordamos que:

- Será un centro deportivo

- Queremos que sexa respectuoso co medio ambiente: con placas solares ou muíño de vento para obter enerxía e con sistema de reciclaxe de auga

- Será accesible: terá portas automáticas

- Será útil e divertido: con piscina e patio de xogos

Tamén votamos polos nosos valores preferidos e gañou o de Divertirnos.

Na segunda parte da sesión cada neno e nena debuxou nun folio o seu propio deseño do edificio. Houbo propostas moi creativas como darlle forma de bota de fútbol, ou de pelota.

Para a vindeira sesión, onde comezaremos a construír o edificio, traeremos da casa unha mellora do deseño do edificio, que inclúa os elementos acordados. Ademais, cada neno/a traerá a súa presentación nun folio, cunha foto e algunha información sobre idade, curso ou afeccións preferidas, para pegalas no mural.

Liga Lego Junior 2019-2020 (5)

Na quinta sesión investigamos como construír un edificio respectuoso co medio ambiente. Propuxemos que:

- Debe utilizar enerxías limpas e renovables, con paneis solares ou muíños de vento,

- É bo que teña un xardín na terraza, ou mesmo nas paredes se puidese ser,

- Podería ter un sistema de reciclaxe da auga e tamén de reciclaxe dos residuos, etc.

Un equipo utilizou o WeDo para construír un muíño de vento, e despois programalo con distintas velocidades.

Outro equipo construíu unha maqueta do edificio achegando as ideas para facelo respectuoso co medio ambiente.

Na vindeira sesión teremos que deseñar o edificio que será xa definitivo e comezar a construílo. Comezaremos tamén a confeccionar o mural para compartir a nosa aprendizaxe.

Liga Lego Junior 2019-2020 (4)

Na cuarta sesión investigamos qué facer para construír un edificio máis accesible. Así vimos que é importante:

- Construír rampas ademais de escaleiras, para os coches de bebés ou as persoas que utilizan cadeira de rodas,

- Colocar ascensores se o edificio ten varios andares,

- Construír espazos e corredores anchos sen obstáculos, etc.

O equipo de Iria transformou o guindastre en montacargas, que é como un ascensor pero que permite transportar grandes pesos, e tamén seguiron construíndo posibles maquetas para o edificio definitivo.

O equipo de Mateo construíu unha máquina con vaivén con WeDo, coa pretensión de poder convertila nun sistema automático de abrir e pechar portas. De momento aínda temos que perfeccionalo.

Na vindeira sesión veremos como facer o noso edificio respectuoso co medio ambiente.

Liga Lego Junior 2019-2020 (3)

Na sesión de hoxe, o grupo de Iria rematou a construción do guindastre e colocáronlle un motor de WeDo e a programación para poder subir e baixar materiais aos andares do edificio.

Mentres, o grupo de Mateo construíu un edificio coas pezas Lego, intentando aplicar as ideas que tiñamos pensado. A verdade é que no primeiro intento aínda queda moito por mellorar. Finalmente comprobamos que o guindastre funcionaba correctamente.

Na seguinte sesión veremos como facer o edificio accesible, é dicir, con rampa na entrada, portas automáticas, etc., veremos o que se nos ocurre!

Liga Lego Junior 2019-2020 (2)

O luns 18 de novembro tivemos a segunda sesión do grupo. Fixemos a posta en común sobre os debuxos que trouxemos da casa con ideas para o noso edificio: incluían ascensores, piscinas, placas solares, etc.

A seguir dividímonos en dous subgrupos, o de Iria e o de Mateo. O grupo de Iria montou un guindastre seguindo os libros de montaxe de Lego.

O grupo de Mateo utilizou os WeDo 2.0 para construír o robot espía con alarma integrada para detectar movementos. Gravaron os seus propios sons e voces de alarma para introducila na programación e ben que se riron!

O próximo día construíremos o primeiro proxecto do edificio coas pezas Lego e programaremos o guindastre para que poida subir materiais aos andares para a construción. Ah, e non nos esquezamos de seguir pensando en ideas!

Liga Lego Junior 2019-2020 (1)

O pasado luns día 11 comezamos a andaina deste curso da LIGA LEGO JUNIOR. Somos un equipo de 8 nenos e nenas, de 7 a 9 anos: Raúl, Iria, Ramiro, Noa, Mateo, Iván, Miguel e Breixo. Na primeira sesión estivemos presentándonos, falando dos nosos gustos e afeccións, e xa tomamos contacto coas pezas de Lego que utilizaremos no proxecto.

Temos por diante a tarefa de construír un edificio moderno que cumpra as condicións de ser sólido e estable, que facilite a accesibilidade, funcional, que respecte o medio ambiente, que teña eficiencia enerxética,... e que sexa elegante e nos apeteza vivir nel.

Así que agora toca comezar a traballar. Xa fomos pensando en ideas para o noso edificio: que teña piscina, que teña xardín, con placas solares para obter enerxía, garaxe... e moitas máis que iremos pensando.

Esta semana teremos que buscar información na casa, cos nosos pais, sobre edificios que sexan famosos e que nos sirvan de inspiración para construír o noso. E teremos que debuxar nun folio o primeiro deseño do noso edificio. Ánimo!

Liga Lego 2019-2020: Listos para comezar

Xa nos chegou o material para traballar nesta nova edición! Listos para comezar!

Liga LEGO Jr. 2018-2019 (8) Misión Cumprida!

Por fin chegou o día da presentación! Chegamos a Ferrol ás 9 e media da mañá cos nosos papás e mamás e fomos para o Auditorio coa maqueta e o póster. Alí recibíronnos os encargados da organización e asignáronnos unha mesa para colocar a nosa maqueta, xunto á doutros doce equipos máis de toda Galicia.

A iso das 11 da mañá foi o noso turno para expoñer o traballo diante do xurado, que estaba formado por tres científicos/as vestidos coas súas batas brancas. Despois de expoñer fixéronnos unhas cantas preguntas que soubemos responder.

Despois tocou merenda gratis, con froita e bocata. E pasamos o rato xogando na zona de descanso, mirando as maquetas dos outros equipos, e mesmo observando como competían os equipos dos maiores nos xogos do robot.

 Por fin, case ás dúas da tarde chegou a entrega de premios. Primeiro un mago fixo dous trucos que nos deixaron coa boca aberta. A seguir os equipos subiron ao escenario do Auditorio a recibir o diploma e unha medalla feita con pezas de Lego para cada un de nós. No diploma déronnos a mención especial ás mellores ideas explosivas! Despois fixemos a foto de equipo.

Ao saír fumos comer invitados e a comida estaba ben boa!

 

Pola tarde guiáronnos para visitar as instalacións da Universidade, e puidemos ver:

. O túnel do vento

. A canle xeradora de ondas

. As gafas de realidade virtual

. Os raios láser

. A sala de robots

. A sala do coche autónomo e de simulación de excavadoras...

O que máis nos gustou foi o túnel de vento e as gafas de realidade virtual!

 

Moitas grazas a toda a organización porque foron moi amables e fixéronnos sentir moi ben. Foi un día fantástico e para o vindeiro curso volvemos!!

Liga LEGO Jr. 2018-2019 (7)

SÉPTIMA SESIÓN

Para comezar anticipamos o contido do noso póster de presentación, deseñando un borrador coas tres partes a incluír: Explorar, Crear/Comprobar e Compartir.

A seguir dividímonos en dous equipos. O primeiro esforzouse en mellorar a nosa maqueta, aínda que non foi tarefa fácil, pois había moitas ideas diferentes. O segundo equipo deseñou novos robots coa programación correspondente, pero aínda non nos convencen os modelos definitivos.

Na vindeira sesión faremos un boceto de póster e practicaremos a presentación oral. Darémoslle unha volta máis á maqueta e aos robots.

Outro traballo pendente e elaborar o logo do noso equipo, que xa ten unha proposta definitiva.

Liga LEGO Jr. 2018-2019 (6)

Temos noticia importante!  O vindeiro sábado, día 16 de febreiro, teremos a presentación dos proxectos no Auditorio de Ferrol. Así que toca correr!

Hoxe comezamos deseñando o proxecto para a maqueta da base lunar. Que temos que poñer? Pois as seguintes cousas:

- A nave espacial e o sistema de recollida dos contedores.

- Unha fábrica de enerxía

- Algún aparato para obter auga e para obter osíxeno.

- Un invernadoiro para producir alimentos

- Unha antena parabólica para enviar e recibir mensaxes da Terra,

- Algún vehículo motorizado para poder movernos pola lúa,...

- E algo máis que se nos poida ocurrir...

 Bosquexo da maqueta da base lunar

 Así que fixemos dous grupos e o primeiro púxose a construír a maqueta. O segundo grupo construíu un robot lunar capaz de desprazar os nosos contedores.

Construción da maqueta da base lunar

Construción do vehículo especial transportador de mercancías

Para a vindeira semana seguiremos construíndo a maqueta e comezaremos deseñando o panel informativo.

Quedáronnos por contestar algunhas preguntas:

1. Como se alimentan os astronautas?  Ver información ben explicada no enlace http://www.granadadigital.es/astronautas-y-comida-como-cocinar-en-el-espacio/

2. Cantos kilos de mercancías levaremos na nosa nave?

- Para comer:

- Para obter electricidade:

- Para obter auga:

- Para obter osíxeno:

- Para entreternos no tempo libre:

- Para construír a nosa base:

Para acabar temos dous vídeos que explican como se pode conseguir osíxeno a partir de auga!

https://www.youtube.com/watch?v=d9YiX5dY86Y

https://www.youtube.com/watch?v=i-0aEPtEzwY

https://www.youtube.com/watch?v=wlAU0zReIRY

Liga LEGO Jr. 2018-2019 (5)

Hoxe Breixo Sanjorge tróuxonos a famosa nave "Falcón milenario" de Star Wars e amosounos as súas "tripas". Como mola!

Tivemos con nós unha persoa invitada, Lara, que se animou a participar no noso proxecto.

Na 5ª sesión de traballo contestamos ás preguntas da sesión anterior:

1. Que é a lei da gravidade? É a forza coa que nos atrae un corpo celeste, e depende da súa masa (cantidade de materia) e da distancia á que nos atopemos del. Un corpo celeste moi grande, como o Sol ou a Terra, atraen con moita forza, mentres que un pequeno, como a Lúa, atraen con pouca forza.

2. Canto pesaría cada un de nós na Lúa? Máis ou menos que na Terra? Por qué? Chegamos á conclusión de que na Lúa pesaremos 6 veces menos que na Terra, pois a Lúa é moito máis pequena. Se na Terra eu peso 30 Kg, na Lúa pesarei só 5!

3. Con cantas toneladas de material pode cargar unha nave espacial para saír da atmósfera terrestre? Pois a verdade é que non moito. As naves para saír da atmosfera terrestre necesitan moitísimo combustible, varios centos de toneladas, e polo tanto canto menos peso leven a maiores, moito mellor, como moito unha tonelada.

4. Ao chegar á Lúa poderemos sobrevivir grazas aos nosos traxes, pero tamén necesitaremos un lugar onde refuxiarnos... como te imaxinas que pode ser? Podemos construír un invernadeiro con impresora 3D, dun material que resista o frío e o calor, mellor que sexa transparente para deixar pasar a luz e poder ter prantas. Tamén poderiamos refuxiarnos nunha cova, igual nos abriga máis, pero necesitamos moita enerxía para a luz.

Hoxe traballamos cos temas 5 e 6, construíndo aparellos cos que utilizar a enerxía conseguida, pinzas robóticas para agarrar obxectos, e unha alarma.

Na seguinte sesión deseñaremos os últimos aparellos tecnolóxicos para resolver problemas diversos que poidamos ter, e a proposta vai ser construír un robot lunar e algún outro que se nos ocurra.

E imos pensando no deseño da nosa maqueta, que escenario e que robots construímos!

Liga LEGO Jr. 2018-2019 (4)

Na cuarta sesión comezamos por decidir cal vai ser o nome do noso equipo, e o resultado é...

Base MMMS (Mission Moon Marín-Sequelo)

A seguir admiramos a construción con Legos que nos trouxeron Pablo e Hugo, sobre o sistema solar, que fixeron durante este Nadal.

 

Logo dividímonos en dous equipos para construír as máquinas que nos van axudar a atopar e a almacenar auga na lúa, e fixemos o seguinte:

O equipo 1, con Xoel e Breixo deseñaron a máquina de barrer, para quitar o pó lunar e descubrir o xeo oculto.

O equipo 2, con Breixo, Roberto, Pablo e Hugo deseñaron un guindastre con perforadora para cavar un pozo na procura de auga.

Logo estivemos perfeccionando os nosos modelos para que funcionasen dun modo eficiente, e puidemos comprobar que coa tablet poden funcionar os dous aparatos ao mesmo tempo, pois temos dúas unidades de control.

 Para a seguinte sesión deseñaremos e construíremos cos LEGOS os instrumentos que nos permitirán obter osíxeno e enerxía na Lúa.

E para rematar imos coas  preguntas que aínda temos sen contestar:

1. Que é a lei da gravidade?

2. Canto pesaría cada un de nós na Lúa? Máis ou menos que na Terra? Por qué?

3. Con cantas toneladas de material pode cargar unha nave espacial para saír da atmósfera terrestre?

4. Ao chegar á Lúa poderemos sobrevivir grazas aos nosos traxes, pero tamén necesitaremos un lugar onde refuxiarnos... como te imaxinas que pode ser?

Hoxe atopamos no xornal que na expedición China da sonda lunar á cara oculta da Lúa conseguiron que xerminasen sementes .

Liga LEGO Jr. 2018-2019 (3)

SESIÓN 3

Hoxe comezamos respondendo ás preguntas da semana pasada:

1. Cal é a temperatura na Lúa? Entre que valores varía? Na súa superficie acádanse 123 graos ao Sol e -153 cando non dá o Sol. Pero ademais nos pólos da Lúa, onde nunca da o Sol, pódese chegar a -240ºC. Agora imaxinade que supertraxe de astronoauta temos que levar para non pasar frío nin calor!

2. En verdade hai auga na Lúa? Podería conseguirse sen levala da Terra? Pois si, os científicos atoparon xeo nos pólos.

3. Que obxectos deberiamos levar da Terra para obter enerxía na Lúa? Todos coincidimos en que temos que levar paneis solares e baterías.

4. Que deberemos levar para obter aire para respirar? Botellas de osíxeno,  un aparato de fabricación soviética chamado Elektron que separa o osíxeno que contén a auga, tamén algas, CO2,...

5. Que deberemos levar para obter auga? Botellas de auga, un taladro xigante para perforar o xeo...

6. Que outras cousas interesantes levarías para non aburrirte? Unha tele, uns libros, moitos LEGOS, un balón antigravidade, xogos de mesa, consola...

 Ao rematar seguimos o proceso que usan os enxeñeiros (EXPLORAR, CREAR, COMPROBAR e COMPARTIR) para deseñar un vehículo que nos permite descargar os contedores da nave e transportalos ata lugar seguro.

Para construír os vehículos seguimos as indicacións da nosa guía, e construímos dous: MILO, o vehículo científico, e o Robot de tracción. Tivemos algún problemilla para descargar porque un remolque non era suficientemente grande, e o outro era demasiado grande.

Tamén nos axudamos coas tablets para programar os vehículos para que se desprazasen. Os dous funcionaron á perfección e ata nos deu tempo para botar unha carreira cos dous. Quen credes que gañou?

Para a seguinte sesión deseñaremos e construíremos cos LEGOS os instrumentos que nos permitirán obter auga, osíxeno e enerxía na Lúa. Así que este Nadal xa podemos ir recollendo ideas!!

E para rematar imos coas novas preguntas:

1. Que é a lei da gravidade?

2. Canto pesaría cada un de nós na Lúa? Máis ou menos que na Terra? Por qué?

3. Con cantas toneladas de material pode cargar unha nave espacial para saír da atmósfera terrestre?

4. Ao chegar á Lúa poderemos sobrevivir grazas aos nosos traxes, pero tamén necesitaremos un lugar onde refuxiarnos... como te imaxinas que pode ser?

Algunha idea podemos sacala do enlace que vimos na primeira sesión:

Un equipo español vence nun concurso da Nasa para construír unha base en Marte

Liga Lego Jr. 2018-2019 (2)

SESIÓN 2

Hoxe construímos a nave espacial que nos levará á Lúa e pensamos nas cousas (ferramentas, materiais, etc.) que precisamos levar nos catro contedores da nave para construír a base lunar:

No contedor branco levaremos o preciso para conseguir aire para respirar,

No contedor amarelo para conseguir enerxía,

No contedor azul para conseguir auga,

No contedor verde outras cousas para o noso entretemento.

Breixo S., Hugo e Pablo buscando as cousas que levar á Lúa

Darío, Xoel e Breixo construíndo a nave

Por certo, xa descubrimos as respostas ás preguntas da primeira sesión:

1. A que distancia está a Lúa?  A uns 380.000 Kilómetros.

2. Canto tempo tardaremos en chegar nunha nave espacial? Sobre uns 3 días.

3. Como son os cráteres, que tamaño teñen? Desde uns poucos de metros ata 250 Kilómetros de diámetro.

4. Na Lúa hai mares? Si, chámanlle así, pero son diferentes aos da Terra, pois non teñen auga. Teñen nomes como Mar da Serenidade, Mar de Tranquilidade, Mar da Fecundidade, etc.

5. Na Lúa hai aire para respirar? Hai auga? Non hai aire. Si, que se descubriu auga, en zonas concretas, parece que hai xeo nos polos.

6. En relación co seu tamaño, cantas Lúas collerían dentro do planeta Terra? Sobre unhas doce.

E para o vindeiro día, aparecen novas preguntas:

1. Cal é a temperatura na Lúa? Entre que valores varía?

2. En verdade hai auga na Lúa? Podería conseguirse sen levala da Terra?

3. Que obxectos deberiamos levar da Terra para obter enerxía na Lúa?

4. Que deberemos levar para obter aire para respirar?

5. Que deberemos levar para obter auga?

6. Que outras cousas interesantes levarías para non aburrirte?

Ánimo investigadores!

Para rematar podemos ver uns vídeos curiosos: o primeiro sobre os mares da Lúa:

No segundo podes observar a Lúa como se foses un paxaro que planease sobre ela! Ideal para elixir o lugar no que construír a nosa base!

O terceiro fálanos sobre os cráteres.

Liga Lego Jr. 2018-2019: Imos á Lúa (1)

Hoxe comezamos co proxecto de Liga Lego Jr. para este curso 2018-2019, que leva por título Mission Moon.

Somos 6 participantes, de 3º e 4º de primaria: Pablo, Hugo, Breixo V, Breixo S, Roberto e Xoel, aos que sumamos o noso adestrador Xosé e o seu axudante Darío. E todos nós somos un equipo, un superequipo, que temos por valores:

- Descubrir, innovar, inventar, incluír, colaborar e divertirnos!

Ata mediados de febreiro levaremos a cabo as sesións propostas no programa, co obxecto de construír unha base lunar e presentar o proxecto en Ferrol.

Na primeira sesión puxemos en común os nosos coñecementos sobre a Lúa e pensamos nun nome para o noso equipo. Sabemos que:

- A Lúa é un satélite do planeta Terra.

- A Lúa ten cráteres, é redonda, é máis pequena que a Terra...

- A Lúa protexe á Terra dos meteoritos

- Xa chegaron foguetes á Lúa, que levaron cans, e tamén algún astronauta, e polo tanto o home xa pisou a Lúa...

Pero quédannos preguntas por contestar:

1. A que distancia está a Lúa?

2. Canto tempo tardaremos en chegar nunha nave espacial?

3. Como son os cráteres, que tamaño teñen?

4. Na Lúa hai mares?

5. Na Lúa hai aire para respirar? Hai auga?

6. En relación co seu tamaño, cantas Lúas collerían dentro do planeta Terra?

 Seguro que nos vídeos que temos a seguir podemos responder a algunha das preguntas:

La Luna (Happy Learning), 5 minutos

 Curiosidades da Lúa (Happy Learning)

Paxi e a nosa Lúa: Fases e eclipses

E xa pensamos tamén no nome para o noso equipo, estas son as propostas por agora:

- Extraterrestres ou marcianos?

- Os estelares

- Unha misión lunar

- Os galácticos

- As lunáticas

- Os astrónomos

- Os astronautas

- Os novos enxeñeiros

- Os enxeñeiros máis amigos

- Os JR Moon

- Os MM (Mission Moon)

- Como levaremos pizza á Lúa?

 

IDEAS PARA CONSTRUÍR A NOSA BASE NA LÚA

 A NASA dá 100.000 dólares para un concurso de construír unha base en Marte.

Un equipo español vence nun concurso da Nasa para construír unha base en Marte

 

Distribuir contido

PDI 2023-2024

PLAMBE

Radio na Biblio

Froita na escola

Xadrez


Proxecto "Colexio do Benquerer"

PDI 2022-2023

"Protexo o meu planeta! Protéxome eu!"  PDI "Protexo o meu planeta! Protéxome eu!" 

PDI 2021-2022: Os inventos

Camiño Portugués

Camiño Portugués

Blog Aprendo Programando 2016/2017

Pais/Nais

Eventos

« Marzo 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031

Iniciar sesión

Faite socio!

Pincha enriba do Xabarín para aceder á súa páxina

Portas Abertas Virtuais

  Visita guiada ao noso colexio

Punto Laranxa contra o acoso escolar

INFANTIL: Brincando no Sequelo

Visita o Blogue de Infantil cunha enchente de actividades

A mascota Tuxiña

Pincha na mascota da Biblioteca e acede ao Blog externo

Radio Sequelo

O Sequelo na prensa

Liga Fútbol Sala

1) Clasificación. *

2) Xornadas. *

3) Equipos. *

4) Noticias. *

* Fai clic enriba de cada categoría e abrirache unha nova fiestra.