EDLG

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Adentrámonos no mundo do cine con Algarabía Animación (2)

Grazas á xente de Algarabía Animación podemos adentrarnos esta semaniña no mundo do cine e coñecer máis da linguaxe que lle é propia a través desta curta GOODNIGHT centrada no mundo literario de Castelao, coa axuda dunha unidade didáctica que eles mesmos nos proporcionaron.

Podes descargalo un pouquiño máis abaixo nos ficheiros adxuntos

Que sabemos de Guinea Ecuatorial?

A estas alturas seguro que xa sabes moitas cousas sobre Guinea Ecuatorial, máis aló do texto que nos deixaron Dani e o seu pai.

1. Déixanos nos comentarios dúas cousiñas que aprenderas sobre Guinea Ecuatorial.

2. Responde tamén alí, como se chama a árbore que aparece na bandeira e de que tipo é?

Manualidades dende a casa (15): Da terra á lúa / Un castelo de Naipes (Stop Motion)

Esta é só unha pequena mostra dalgúns dos que nestes días se atreveron a fedellar con Stop Motion Studio.

A  primeira película fainos retroceder á primeira película de ciencia ficción da historia do Cine en 1902, dirixida por aquel entón polo cineasta francés George Melies e curiosamente levaba o mesmo título "Un viaxe á Lúa", neste caso a dirección é cousa de Breixo e Darío Xosé Vidal.

Estoutra realizada por Irene Estévez Pazos ten como nome  "Un castelo de Naipes". Xa vedes eles fixérono, VOS TAMÉN PODEDES.

Coplas dos Maios

Tódolos anos máis ou menos por esta altura aos de 5º e 6º dámoslles un manual para que saiban como facer en debida forma unha copla de maio. Como parece ser que este ano non imos poder facer o maio, polo menos copla imos intentar facer e cantalo aínda que telematicamente tamén.

ANIMÁDEVOS COA AXUDA DESTE MANUAL A FACER A VOSA PROPIA COPLA e enviárnola a sequelonacasa@gmail.com


Podédelo descargar en pdf dende a sección de ficheiros adxuntos nesta entrada un pouco máis abaixo
E para rematar, un cuestionario de 16 preguntas, para comprobar o que aprendeches. A ver cantos puntos eres capaz de conseguir. Vai á páxina Kahoot.in para comezar o cuestionario. Sorte.

Titorial Stop Motion

Facer unha curta animada pódevos parecer unha cousa moi complicada pero tendo un teléfono ou unha tablet convértese en algo moi sinxelo tendo instalada neles unha App gratuita chamada Stop Motion Studio. E para que vos animades a mandarnos as vosas creacións logo deixámosvos dúas curtas dos nenos de 5º. Polo de agora e para empezar recomendámosvos este titorial feito por Luz Beloso que é mestra de Artística en Cangas.

Se alguén se animou e domina o Stop Motion Studio, aquí tedes outras ideas para levar a cabo as vosas curtas, contadas por nenos só dous anos maiores ca vós.

Contos dende a casa (33): Como na casiña dun... en lado ningún!

E imos comezar coa nosa propia pandemia de contos tradicionais e os primeiros en contaxiarse foron Breixo e Darío, que dende o seu retiro no rural, e co apoio dunha voz en off que non identificamos, dramatizan este conto popular que nos invita a quedarnos na casa. 

Animádevos, seguide o exemplo e dende a casa contádenos un, se cabe longo, se cabe curto.

Contos dende a casa (32): Xosé Iglesias Fernández - Porque os cans se cheiran o cu uns aos outros

Músico, guitarrista, cantou case unha década con Suso Vaamonde, cantautor baixo o nome artístico e familiar do Buxán, excompoñente de Fuxan os Ventos, contista, e sobre todo dos bos e xenerosos é Xosé Iglesias.  Xeneroso seguro, bo xa se verá no Xuizo Final onde o sentán; pois coma en moitos dos nosos contos populares cheos de sabiduría que el tan ben coñece, Deus é bo e o demo non é malo.

E iso foi o que tan ben nos contou Xosé neste vídeo, un anaquiño da nosa rica tradición, que foi pasando de boca en boca e de xeración en xeración.

 

O Coronavirus na Guinea Ecuatorial

Daniel Quintana de 5º ten a sorte por medio do seu pai, Miguel Ángel, de coñecer outras realidades; ten a sorte de poder poñerse, aínda que só sexa polo que lle conta seu pai, no sitio de persoas doutros lugares do planeta con menos recursos cós que nós temos.  Entre os dous relatáronnos como é que viven esta pandemia na África máis achegada a nós.  Lembrade que durante algún tempo Guinea foi unha colonia española e aínda hai xente alí que fala o español.

"A situación en Guinea por agora non é preocupante pero neste mes seguro que vai ser un pouco mais dramática. En Guinea como se dea unha pandemia os casos de mortos poden ser moi elevados porque non teñen a sanidade nin os métodos de prevención que temos nós.

Dende o día 14 de marzo que se confirmou o primeiro caso de coronavirus procedente de España, están tamén na casa. O problema e que alí aínda non tomaron as medidas de illamento tan estritas como aquí, porque agora mesmo non teñen datos exactos dos que están afectados; a xente segue facendo mais o menos a súa vida normal.  Os hospitais non están preparados  por se ven unha pandemia, os hospitais mais preparados son os privados e son para ricos.

Nas casas están algo illados e os rapaces lévano  peor que aquí, divírtense con videoxogos sen rede, porque moi poucos teñen internet na casa, ven a televisión, tamén xogan facendo crebacabezas, lendo contos, fan artesanía, facendo debuxos e algúns baixan algo á estrada.

Nos traballos seguen igual porque aínda non hai moitos casos de afectados pero tomaron medidas de hixiene. Pero o problema é que non hai un sistema seguro para contabilizar os casos afectados e as medidas de hixiene son insuficientes.

Os meus familiares xa tomaron medidas de illamento porque encóntranse en Malabo e alí hai algún caso. Xa non están os colexios abertos debido a pandemia e moitos máis establecementos fecharon. Eles  están ben, por agora, cumprindo os requisitos: Lavarse as mans oito veces ao día, estar a un metro das persoas, levar mascarillas e guantes, fan a compra para toda a semana...

A diferencia de nós, eles están afeitos a ter poucas cousas e adáptanse mellor a esta situación, están afeitos a non ir de vacacións, a non ter actividades de ocio, a pasar enfermidades sen medicamentos, é dicir, son felices tendo menos que nós.

Esperan, porén, a que dado que teñen un bo clima o virus non se propague porque non sendo na capital e arredores, no resto do país non están tomando as medidas suficientes e pode traer moitos problemas"

Guinea é o anaquiño de África en Verde

Poemas dende a casa (14): No niño novo do vento

"No niño novo do vento hai unha pomba dourada"... se cabe un dos poemas máis coñecidos de Álvaro Cunqueiro ao ser musicado e interpretado por distintos cantautores, pero aqui dende a súa casa quen o interpreta é Xoel Sequeiros de 5º

Introducímonos no mundo do cine con ALGARABÍA ANIMACIÓN

Tomás Conde e Virxinia Curia, Virxinia Curia e Tomás Conde, Cádiz e a Coruña, a Coruña e Cádiz. Eles son Algarabía Animación un dos proxectos de animación máis interesantes do país con sede na Coruña. Eles son as cabezas pensantes que se ocultan ano tras ano cando chega o Nadal detrás dos anuncios de Estrela Galicia; mais Algarabía Animación e moito máis.

Virginia Curiá e Tomás Conde son unha parella de cineastas especializados en animación stop motion con personaxes modeladas con plastilina. En 1994 finalizaron os seus estudos na Escola de Imaxe e Son de A Coruña; alí realizaron o seu primeiro traballo de animación Alegrías de Puerta Tierra, seleccionado polo Ministerio de Cultura como mostra de cine español no estranxeiro. Fundaron daquela a productora Algarabía Animación, e ata agora dirixiron e animaron catorce curtametraxes, dúas series, continuidade televisiva e campañas publicitarias para Gadis, Unicef, Inditex, MMT, Estrella Galicia, TVG, EVO Banco, Galicia Calidade e Cosmopolitan TV. Tamén dirixiron a longametraxe de animación 3D Meigallos.

  • Meigallos (largom.), 2015
  • Carrera de la Mujer (spot), Cosmopolitan TV, 2015
  • Equilibrium (cortom.), Inditex, 2012
  • O soldadiño de chumbo (cortom.), 2008
  • Serie ¿E por qué? (52 cortom.), 2005
  • Serie A lingua animada (7 cortom.), 2000-2003

Entre os múltiples premios dos que foron merecentes destacan: 

  • Premio del Público Joven, Festival Ecozine de Zaragoza (Equilibrium), 2014
  • Premio Mestre Mateo «Mejor anuncio publicitario» (Estrella Galicia Feliz Navidad), 2013-2014
  • Premio Mejor Cortometraje de Animación, Festival Pata Negra de Guijuelo (O soldadiño de chumbo), 2009
  • Premio Mestre Mateo «Producción publicitaria» (Las noticias del Guiñol, Canal+), 2007
  • 1er premio, Federación de Cineclubes de Galicia-Portugal (Good night mon ami), 2003

É grazas á xentileza de Algarabía Animación que hoxe podemos dispor no noso cole desta estupenda curtametraxe baseada nas personaxes de Álvaro Cunqueiro, xunto cunha unidade didáctica para investigar ao redor dela e que eles mesmos nos enviaron. Invitámosvos a que entredes con ela ao marabilloso mundo do cine. Podédela descargar dende o arquivo adxunto como documento de Word ou Libre Office Writer.

Poemas dende a casa (13): Polos teus ollos que pasou amiga

Álvaro Cunqueiro na voz de Elva Pintos Omil, dende a súa casa, tráenos a memoria da nosa lírica trobadoresca á que deu nova vida ao autor con poemas coma este logo da guerra civil.

Poemas dende a casa (12): Elvira Riveiro Tobío

Elvira Ribeiro Tobío naceu no lugar do Cunchido, na pontevedresa parroquia de Cerponzóns, aínda que pasou case toda a súa infancia e mocidade na casa familiar do lugar de Guxilde, na freguesía de Alba, tamén pertencente ao municipio de Pontevedra. é profesora, tradutora e poeta. Ten publicados os poemarios Andar ao leu (2005), Arxilosa (2005), ademais de numerosos poemas visuais en diversos espazos web. En Xerais ten publicados os libros PAlAbrAs brAncAs (Xerais 2008), finalista do Premio Merlín 2007 e Premio Xosé Neira Vilas ao mellor libro infantil do ano 2008 e As redes de Inés (Xerais, 2014).
 
Hai un tempo traballamos no colexio o seu máis que interesante vídeo de poesía para nenos "Palabras Brancas", do libro por algunha razón que descoñecemos o poema que máis lle gusta é este Ana.

Poemas dende a casa (11): No país dos ananos

Durante toda esta semana os alumnos de 5º en colaboración coa propia autora do libro, Helena Villar Janeiro, estiveron traballando co seu libro "As señoras cousas". O primeiro paso do traballo foi elixir o poema que máis lles gustase e recitalo.  O primeiro que nos chegou foi este de Candela Bermúdez

Música dende a casa (11): Hai unha liña (Seso Durán)

Seso Durán profesor de Secundaria, músico, historiador, compositor, vídeo creador e productor marinense (CANTODAREA), que dende os 90 (como integrante do grupo de música folk Liorna, entre outros) publica a súa obra, centrada nos últimos anos en contido relacionado coa didáctica musical.

Comprometido coa innovación, é invitado regularmente a compartir os seus proxectos e experiencias nos foros educativos máis destacados (Culturgal, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade Autónoma de Madrid, etc). Conseguiu numerosos recoñecementos a nivel galego e estatal.

Pero o que é moito máis importante que todo o anterior, Seso é o orgulloso pai de Manuel, un neno autista de 11 anos, para o que compuxo "Hai unha liña"

O Papagaio

O PAPAGAIO é un xornal para a xente miúda, impreso en papel reciclado e a cor. Non contén publicidade, ten periodicidade mensual, e ao longo das 12 páxinas que o compoñen trata temas de ciencia, ecoloxía, arquitectura, banda deseñada, literatura... Os contidos das seccións están supervisados por especialistas na materia e ilustrados por diferentes autores e autoras. 
O obxectivo do xornal é que as nenas e nenos se interesen pola ciencia, a ecoloxía, a historia ou a arte, entre outras, dunha forma amena e divertida.
 
Se premes nesta imaxe que pertence a unha das súas portadas poderás acceder gratuitamente de xeito dixital a cinco das súas revistas.
 
 

#Non sexas burro o primeiro de Abril

Facédelle caso a Darío Xosé Vidal Salgueiro e a ver o que facedes o primeiro de Abril. Non sexades burros, oh.

Contos dende a casa (30): Sabela Núñez Singala

Como cada día unha persoa vencellada a nosa cultura quixo estar connosco amosando o mellor de si mesmo, hoxe é Sabela Núñez Singala, a autora dun libro que limos haberá dous ou tres aniños no cole.  Sabela esta vez escolleu esta súa narración que ten por nome "Dous elevado a once", cuxos beneficios van destinados a dotar de libros a nenos coma vos con moitas menos posibilidade e que viven nun campamento do Sahara Occidental.

A Sabela teño entendido que lle gustan as Matemáticas e a vos? Quen é quen de dicir cantas palabras son 2 elevado a 11 palabras coas que conta a narración?

Contos dende a casa (29): Gatiño e a neve

Xa case que nos mandaron 30 contos dende a casa. A ver quen é quen de redondear a cifra, o número 29 é o que nos deixa Roberto Armada de 5º.

Poemas dende a casa (10): Fran Alonso

Fran Alonso hai case unha década pasara polo noso colexio para amosarlle aos nenos un libro que xa é referencia dentro do eido poético destinado ao mundo infantil "O meu gato é un poeta" e agora volve estar connosco a través das redes, para lernos outro dos seus poemas este STREET POEMS.

Deuse a coñecer en 1991 ó gañar o Premio Blanco Amor con Tráiler, unha novela que xira en torno á vida e mitos dos transportistas. En 1994 publicou Cemiterio de elefantes, unha colección de relatos centrados no mundo da noite, e en 1995 Silencio, unha novela curta na que explora a esquizofrenia do mundo urbano. 

Como poeta é autor dunha innovadora obra dende 1992, cando deu ó prelo Persianas, pedramol e outros nervios. A vontade rupturista e rebelde dos seus poemas está presente nas súas sucesivas entregas: Tortillas para os obreiros en 1996, Subversións en 2001.

Traduciu para o galego o Polgariño de Charles Perrault, foi un dos animadores das Edicións do Dragón e coordinou e editou o libro Mini.relatos, publicado pola Librería Cartabón (1999), onde participaron 27 autores galegos novos. Foi responsable das coleccións de poesía Ablativo Absoluto e de narrativa Abismos, durante o seu período de vixencia. Foi subdirector para edición xeral de Edicións Xerais (2001-2018) e o seu director desde o 20 de abril de 2018. Tamén foi vicepresidente da Asociación Galega de Editores (2006-2010).

Como a súa obra é tan extensa só imos resaltar aquela destinada ao público infantil e xuvenil:

-Cidades, 1997, Edicións Xerais (Ilustracións de Pablo Otero Rodríguez "Peixe"). Traducida ao castelán.[5][6]

-O brillo dos elefantes, 1999, Edicións Xerais (Ilustracións de Luis Castro Enjamio).

-A casa da duna, 2002, Edicións Xerais.

-O brillo dos elefantes, 2006, Edicións Xerais.

-Cartas de amor, 2006, Edicións Xerais. Traducida ao castelán.

-Poetízate. Antoloxía da poesía galega, 2006, Edicións Xerais.

-A vida secreta de María Mariño, 2007, Edicións Xerais (Ilustracións de Fino Lorenzo).

-A araña e máis eu, 2009, Kalandraka. Foi traducida ao castelán, ao portugués, ao inglés, ao italiano e ao coreano.

-Folerpas de Novoneyra, 2010, Edicións Xerais.

-O meu gato é un poeta, 2011, Edicións Xerais.

-A punta de pistola, 2012, Edicións Xerais.

-Poemas birollos para ler cos ollos, 2016, Xerais.

Entrevista a unha ENFERMEIRA

María José Portabales traballa no Centro de Saúde de Marín e posto en contacto con ela, Breixo Sanjorge Boullosa de 5º B, fíxolle a seguinte entrevista:

1- Bos días, María José, en que centro sanitario traballas?

 Dende esta semana traballo no centro de saúde de Marín.

 2-Dende que xurdiu esta crise sanitaria que equipos de protección individual utilizas para non contaxiarte?

 Dende que xurdiu a crise sanitaria os equipos de protección individual que utilizo son: bata desbotable, mascarilla desbotable e luvas.

 3-Fáltavos material de protección para traballar con seguridade?

 O material que utilizamos é desbotable, pero dende o primeiro día de alerta temos que reutilizalo, xa que hai escaseza del.

 4-Tes medo de contaxiarte? Vas tranquila ao traballo?

 Naturalmente que os primeiros días, debido á desinformación, que tiñamos medo de contaxiarnos, sen embargo agora vou moito máis tranquila ao traballo, xa que estou comprobando que o meu labor é moi importante e útil para axudar nesta situación crítica.

 5-Fixeches o test para saber se tes ou non a enfermidade?

Non, non fixen o test, porque nin tiven síntomas, nin estiven nun centro sanitario onde se declararan  casos da enfermidade entre o persoal, como puido ser o centro de saúde de San Roque en Vilagarcía de Arousa.

6-Nesta situación ségueche a gustar o teu traballo?

Ségueme gustando cada vez máis, sobre todo cando penso que podo axudar á xente que está enferma ou a que se prevé que poida estalo. 

7-Cres que o noso sistema sanitario está preparado para afrontar esta pandemia?

Creo que nunca imos estar preparados para afrontar unha pandemia deste tipo, porque só estamos afeitas a un número reducido de enfermos, porén nesta situación excepcional loxicamente nin temos medios suficientes, nin estamos preparadas, porque non houbo unha previsión, nin se estaban adicando os recursos económicos suficientes nos últimos anos.

8-Son importantes para vós as mostras de apoio recibidas cada día por toda a cidadanía?

Claro que son moi importantes as mostras de apoio por parte da cidadanía, xa que nós temos medo máis que nada pola nosa familia e si que nestes intres de  tensión e descoñecemento, onde non sabemos o que poida pasar e cal vai ser a forma máis correcta de actuar, ter o apoio é moi importante tanto para nós como para a xente que está traballando para que non nos falte de nada a ningunha persoa da poboación.

Moitas grazas María José por todo o voso esforzo e moitísimo ánimo nesta situación.

Distribuir contido

PDI 2023-2024

PLAMBE

Radio na Biblio

Froita na escola

Xadrez


Proxecto "Colexio do Benquerer"

PDI 2022-2023

"Protexo o meu planeta! Protéxome eu!"  PDI "Protexo o meu planeta! Protéxome eu!" 

PDI 2021-2022: Os inventos

Camiño Portugués

Camiño Portugués

Blog Aprendo Programando 2016/2017

Pais/Nais

Eventos

« Xuño 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930

Iniciar sesión

Faite socio!

Pincha enriba do Xabarín para aceder á súa páxina

Portas Abertas Virtuais

  Visita guiada ao noso colexio

Punto Laranxa contra o acoso escolar

INFANTIL: Brincando no Sequelo

Visita o Blogue de Infantil cunha enchente de actividades

A mascota Tuxiña

Pincha na mascota da Biblioteca e acede ao Blog externo

Radio Sequelo

O Sequelo na prensa

Liga Fútbol Sala

1) Clasificación. *

2) Xornadas. *

3) Equipos. *

4) Noticias. *

* Fai clic enriba de cada categoría e abrirache unha nova fiestra.