blogue dejosean

Música dende a casa (15): XOSÉ IGLESIAS BUXÁN

Houbo un tempo en que esta canción inspirada no poema de Manuel María "O Cuco", e con melodía de Suso Vaamonde era ben coñecida polas xentes do pobo. Foi moi popular e a súa gravación en vivo nun concerto en Moaña tivo grande repercusión na nosa zona. 

Eses tempos por desgraza xa pasaron, mais Xosé que estivo presente daquela cantando e tocando no concerto, reinterpreta para nós dun xeito maxistral a canción. Non é unha estrea en todo o sentido da palabra, pero case, porque a súa axente artística que é aguda coma un allo, ao pouco de gravala mandouna á TVG con saúdo ao noso colexio e todo.

ANIMÁDEVOS E MANDÁDENOS UN VÍDEO CANTANDO UN ANAQUIÑO DESTA CANCIÓN PARA MANDARLLO AO ARTISTA.

Manualidades dende a casa (22): Xaque Mate (Stop Motion)

Os alumnos deste colexio son uns monstros, non polo feos que son, senón polas cousas que son quen de facer. Dende Ponteareas os irmáns Vidal Salgueiro, Darío e Breixo, co Stop Motion, enxeño, paciencia e tempo mándannos esta incrible partida de xadrez PUNTO E FINAL

O Mago Daniel

O Mago Daniel e a súa axudante Clara saúdannos a nós e ao seu equipo de fútbol e amósannos o mellor da súa maxia. Con dous pases da súa variña máxica son capaces de facer desaparecer calquera obxecto. Serían capaces de facer desaparecer o coronavirus para así poder volver todos a vernos? Terán que intentalo!

Dani Quintana de quinto explícanos os pasos que fixeron para elaborar este sorprendente vídeo:

"-Primeiro baixamos a aplicación INSHOT

-Logo fixemos os videos ao revés pensando o que vai a ser o último e onde empezaría o video

-Co programa de edición de video do Ipad IMOVIE pegamos tódolos vídeos e engadímoslle a música.

-E o resultado ABRACADABRA aquí o tedes!!"

LXVII CONCURSO DE MAIOS DE MARÍN

Como tódolos anos, chegadas estas datas, o Ateneo Santa Cecilia convoca o seu concurso de Maios; este ano por mor das especiais circunstancias que vivimos non imos poder facer o maio e saír con el polas rúas da vila. Pero o que supón un inconveniente é unha oportunidade única para que todos vós poidades aprender a facer a vosa propia copla tanto de barcos como de Maios.  

A guía para facer a copla dos maios xa hai uns días que a subimos á nosa páxina web. Para acceder a ela clicade no link seguinte:

Manual de Coplas

Cando as teñades rematadas mandádeas cos vosos datos (Nome, Idade, curso, telefono e correo electrónico se tedes a estoutro correo ceipsequelo@gmail.com)

Lede ben as BASES

 Concurso de Maios e Embarcacións 2020 by Josean Pazos on Scribd

ESTADE ATENTOS

Entre mañá e pasado daremos os pasos para construir unha copla de embarcacións sinxeliñas.

Contos dende a casa (35): Voy a comedte

Séguennos chegando contos dende a casa, desta tocoulle a vez a Roberto Armada Aneiros con este divertido "Voy a comedte".

Contos dende a casa (34): Adivina cuanto te quiero

Carla Vilela Fernández dende a súa casa xa hai un tempo nos mandou este conto que por falta de tempo non puideramos poñer na páxina. Xa vedes o que nos conta, un contiño tradicional dentro dun libro cheo de contos.

Entrevista a Inés Lobeira

A Radio Sequelo desta vez tráenos a voz de Inés Lobeira, natural de Ardán e veciña de Bueu, que leva dende que empezou esta pandemia traballando dende o seu posto de enfermeira cos afectados polo Covid 19 en Montecelo. Graciñas Inés por facer un buratiño no teu tempo libre para nós, nestes tempos tan duros para todos, pero especialmente para os que traballades en primeira liña cos enfermos.  Moi interesante todo o que nos contas.

O coronavirus na base militar de Kabul en Afganistán

Neste planeta noso, onde non haberá galegos? Se vas a Alemania, galegos; a Francia, galegos; a Suiza, galegos; a Alemania, galegos, en Inglaterra, galegos; na Arxentina, aí todos son galegos.... ata na Lúa hai un galego.  Pois se ata agora non os había no Afganistan agora xa hai un Fran Armada, orixinario da parroquia de Dúas Igrexas en Forcarei e pai de Roberto Armada Aneiros de 5º B.  Isto é o que nos conta Roberto de como están pasando o confinamento na base de Kabul onde está o pai.

"A corentena do coronavirus, na miña familia está afectando de moitas maneiras, como en todos os fogares. A miña nai e a min que estamos en Marín pois aféctanos como a todos, porque non saímos da casa, fago cole virtual, miña nai só sae unha vez por semana a comprar para nós e os meus avós...

Ao meu pai que está en Kabul (Afganistán) aféctalle doutra maneira: El e os seus compañeiros xa estaban confinados antes do Covid19 na base militar onde está, soamente saían os que traballan co exército afgano. Dende o covid19, xa ninguén pode saír ni entrar da base, os que están dentro é porque viven e traballan alí. Agora pecharon todas as zonas comúns como ximnasio, campo de deportes, biblioteca... so está aberto o comedor, e teñen que comer un por mesa como no colexio cando facemos un exame. Poden saír a camiñar e correr pola base, pero sempre mantendo unha distancia de dous metros cos compañeiros. Non poden ir en grupos como se estivesen enfadados uns cos outros.

Inda que xa están acostumados a estar confinados, leva alí 5 meses, o Covid19 fará que o seu regreso se atrase, xa que moitos aeroportos están pechados."

 

Moito ánimo a todos.

 

 

Sara Fernández Blanco entrevista ao seu pai

O pai de Sara, Pablo, ten nestes momentos, nos que estamos confinados nas nosas casas, unha das profesión máis decisivas para que todos nós superemos esta pandemia que nos tocou vivir.  El non é enfermeiro, nin meédico, nin celador, nin empregad@ dun supermercado... que todos son importantes, el como moitos dos seus compañeiros encárgase do mantemento das redes informáticas.  Imaxinádesvos como sería isto se se viñesen abaixo.

-Naceches en Marín?

-Non, nacín no concello de Cotobade-Cerdedo, na parroquia de Loureiro.

-Cal é o teu traballo?

-Instalador de fibra óptica

-Para que compañía?

-Movistar, pero tamén estiven traballando para Orange e Jazztel

-Cal foi o máximo de vivendas que fixeches nun día?

-10, sen parar dende as 8 da mañá ata as 10 de noite

-Traballaches noutro traballo que non fose telecomunicacións?

-Si, 15 anos de albanel e en tempos difíciles, no que fixese falta

-Gústache o teu traballo?

-Sí, aínda que moitas veces cansa máis o psicolóxico que o físico.

-Que tal levas o traballo nestas circunstancias?

-O traballo non se leva moi ben, cada vivenda é un mundo e non sabes o que te podes atopar nela.  Cando entramos nas casas é máis incómodo o traballo, sobre todo psicolóxico; moitos nolo agradecen, polo esforzo.

Manualidades dende a casa (18): Debuxa a man

Atrévete con algunha das divertidas manualidades, e nunca mellor dito, que se nos amosan neste vídeo e mándanolas.

Manualidades dende a casa (17): De viaxe / Visita ao Museo (STOP MOTION)

Séguennos mandando dende a casa máis probiñas do Stop Motion Studio, desta vez Roberto Armada Aneiros e Candela Bermúdez Santiago de 5º.

Adentrámonos no mundo do cine con Chaplin

Ata agora todalas mostras de cine que vos deixamos na paxina web mesturaban imaxe e voz, pero tamén é posible crear cine só con imaxe. Ao principio o cine era así e artistas como Charles Chaplin crearon un xénero coñecido polo slapstick e que se caracterizaba pola mímica, pola acrobacia e por un ritmo frenético. Os actores como neste "The Adventurer" están continuamente a piques do accidente, do golpe, do tartazo. A persecución e a axitación son os seus estados naturais.

ES QUEN DE FACER ALGO PARECIDO COA TÉCNICA DO STOP MOTION?. O ACTOR PODES SER TI OU FACER QUE PARTICIPEN OS TEUS IRMÁNS.

Entrevista a María Fraguas

María Fraguas é a nai de Roi Rodiño Fraguas, e ademais diso, que xa é dabondo, é limpadora na quenda de noite do Hospital Montecelo.  Como á Radio do Sequelo non a para nin o coronavirus, os nosos intrépidos reporteiros fixéronlle esta entrevista que montou co Audacity Breixo Vidal.

Adentrámonos no mundo do cine con Algarabía Animación (2)

Grazas á xente de Algarabía Animación podemos adentrarnos esta semaniña no mundo do cine e coñecer máis da linguaxe que lle é propia a través desta curta GOODNIGHT centrada no mundo literario de Castelao, coa axuda dunha unidade didáctica que eles mesmos nos proporcionaron.

Podes descargalo un pouquiño máis abaixo nos ficheiros adxuntos

Que sabemos de Guinea Ecuatorial?

A estas alturas seguro que xa sabes moitas cousas sobre Guinea Ecuatorial, máis aló do texto que nos deixaron Dani e o seu pai.

1. Déixanos nos comentarios dúas cousiñas que aprenderas sobre Guinea Ecuatorial.

2. Responde tamén alí, como se chama a árbore que aparece na bandeira e de que tipo é?

Manualidades dende a casa (15): Da terra á lúa / Un castelo de Naipes (Stop Motion)

Esta é só unha pequena mostra dalgúns dos que nestes días se atreveron a fedellar con Stop Motion Studio.

A  primeira película fainos retroceder á primeira película de ciencia ficción da historia do Cine en 1902, dirixida por aquel entón polo cineasta francés George Melies e curiosamente levaba o mesmo título "Un viaxe á Lúa", neste caso a dirección é cousa de Breixo e Darío Xosé Vidal.

Estoutra realizada por Irene Estévez Pazos ten como nome  "Un castelo de Naipes". Xa vedes eles fixérono, VOS TAMÉN PODEDES.

Coplas dos Maios

Tódolos anos máis ou menos por esta altura aos de 5º e 6º dámoslles un manual para que saiban como facer en debida forma unha copla de maio. Como parece ser que este ano non imos poder facer o maio, polo menos copla imos intentar facer e cantalo aínda que telematicamente tamén.

ANIMÁDEVOS COA AXUDA DESTE MANUAL A FACER A VOSA PROPIA COPLA e enviárnola a sequelonacasa@gmail.com


Podédelo descargar en pdf dende a sección de ficheiros adxuntos nesta entrada un pouco máis abaixo
E para rematar, un cuestionario de 16 preguntas, para comprobar o que aprendeches. A ver cantos puntos eres capaz de conseguir. Vai á páxina Kahoot.in para comezar o cuestionario. Sorte.

Titorial Stop Motion

Facer unha curta animada pódevos parecer unha cousa moi complicada pero tendo un teléfono ou unha tablet convértese en algo moi sinxelo tendo instalada neles unha App gratuita chamada Stop Motion Studio. E para que vos animades a mandarnos as vosas creacións logo deixámosvos dúas curtas dos nenos de 5º. Polo de agora e para empezar recomendámosvos este titorial feito por Luz Beloso que é mestra de Artística en Cangas.

Se alguén se animou e domina o Stop Motion Studio, aquí tedes outras ideas para levar a cabo as vosas curtas, contadas por nenos só dous anos maiores ca vós.

Contos dende a casa (33): Como na casiña dun... en lado ningún!

E imos comezar coa nosa propia pandemia de contos tradicionais e os primeiros en contaxiarse foron Breixo e Darío, que dende o seu retiro no rural, e co apoio dunha voz en off que non identificamos, dramatizan este conto popular que nos invita a quedarnos na casa. 

Animádevos, seguide o exemplo e dende a casa contádenos un, se cabe longo, se cabe curto.

Contos dende a casa (32): Xosé Iglesias Fernández - Porque os cans se cheiran o cu uns aos outros

Músico, guitarrista, cantou case unha década con Suso Vaamonde, cantautor baixo o nome artístico e familiar do Buxán, excompoñente de Fuxan os Ventos, contista, e sobre todo dos bos e xenerosos é Xosé Iglesias.  Xeneroso seguro, bo xa se verá no Xuizo Final onde o sentán; pois coma en moitos dos nosos contos populares cheos de sabiduría que el tan ben coñece, Deus é bo e o demo non é malo.

E iso foi o que tan ben nos contou Xosé neste vídeo, un anaquiño da nosa rica tradición, que foi pasando de boca en boca e de xeración en xeración.

 

Distribuir contido

PDI 2023-2024

PLAMBE

Radio na Biblio

Froita na escola

Xadrez


Proxecto "Colexio do Benquerer"

PDI 2022-2023

"Protexo o meu planeta! Protéxome eu!"  PDI "Protexo o meu planeta! Protéxome eu!" 

PDI 2021-2022: Os inventos

Camiño Portugués

Camiño Portugués

Blog Aprendo Programando 2016/2017

Pais/Nais

Eventos

« Xuño 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930

Iniciar sesión

Faite socio!

Pincha enriba do Xabarín para aceder á súa páxina

Portas Abertas Virtuais

  Visita guiada ao noso colexio

Punto Laranxa contra o acoso escolar

INFANTIL: Brincando no Sequelo

Visita o Blogue de Infantil cunha enchente de actividades

A mascota Tuxiña

Pincha na mascota da Biblioteca e acede ao Blog externo

Radio Sequelo

O Sequelo na prensa

Liga Fútbol Sala

1) Clasificación. *

2) Xornadas. *

3) Equipos. *

4) Noticias. *

* Fai clic enriba de cada categoría e abrirache unha nova fiestra.