Skip to Content

Equipo de Dinamización Artística e Cultural do IES Praia Barraña: BARRAÑA ENREDA

 

Neste curso 2021/22 bota a andar o Equipo de Dinamización Artística e Cultural do IES Praia Barraña co nome de BARRAÑA ENREDA. Este equipo, formado pola Biblioteca Escolar, o Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua, o Equipo de Artes e a Vicedirección do centro non ten outro obxectivo que fomentar a participación da comunidade educativa en actividades e proxectos que nos leven máis alá da aula e nos vinculen á nosa contorna.

Para conseguilo, durante cada curso traballaremos na medida do posible sobre un eixo temático vertebrador, tanto nas festividades e conmemoracións educativas, coma nos diversos proxectos e programas que desenvolva o centro, sen olvidar o noso traballo diario dentro das aulas. Neste curso 2021/22 o noso Proxecto Documental Integrado chámase “Cidadáns do mundo”. Achegarémonos aos movementos migratorios, ás diferentes tipoloxías, causas, consecuencias, actitudes que espertan…. tratando de traballar a solidariedade, a empatía, o respecto aos dereitos humanos fundamentais e loitando contra condutas e actitudes xenófobas, racistas e/ou insolidarias. Nos próximos meses achegarémonos a estas realidades a través de charlas e traballo colaborativo con persoas que traballan ou que viviron en primeira persoa as realidades da migración, dos refuxiados, desplazados, exiliados, xornalistas que nos falarán do discurso de odio ou das fake news na prensa, investigaremos sobre outras culturas ou realidades que nos enriquecerán e nos axudarán a seguir crecendo, a través da literatura, a arte, a música, a historia, a ciencia… 

No final do curso, dedicaremos a Semana Temática a compartir as aprendizaxes e experiencias con toda a comunidade educativa. Agardamos que este sexa o comezo dunha andaina colaborativa, de traballo en equipo e acercamento do centro educativo á comunidade e á realidade da que forma parte.

Grazas adiantadas a todos e todas os que van compartir con nós esta aprendizaxe e van colaborar na súa construción.

Sigue ao IES Praia Barraña en Instagram: @barranaenreda, @boiroteca, @endl.ies.praiabarranha, @barranadeportiva.



page | by Dr. Radut