Skip to Content

Participación do alumnado de Artes no II catálogo Ilustradas

O II Catálogo Ilustradas é un interesante proxecto promovido pola Deputación da Coruña e desenrolado pola empresa Promove a través do Programa de Axudas para a produción de proxectos singulares de especial interese cultural (2020) destinado a favorecer iniciativas que fomenten o desenvolvemento cultural da nosa comunidade e un fermoso xeito de visibilizar o traballo, en moitos casos silenciado, das mulleres galegas e un xeito máis de traballar pola igualdade.

 

Na elaboración deste catálogo participaron a totalidade dos centros educativos relacionados coas artes plásticas da provincia da Coruña e serviu como ferramenta de intervención pedagóxica en materia de igualdade entre o alumnado participante no proxecto, favorecendo non só a aprendizaxe técnica, senón tamén a reflexión e a investigación sobre mulleres para coñecer o

seu legado.

O II Catálogo Ilustradas está centrado en mulleres que naceron ou desenvolveron a súa actividade en Galicia, e que non estaban recollidas no primeiro catálogo. Mulleres do pasado ou do presente, máis ou menos coñecidas, todas elas foron fonte de inspiración para o alumnado, e este catálogo é unha homenaxe para darlles a visibilidade que merecen.

 

Das ilustracións que presentou o alumnado de 1º e 2º de bacharelato de Artes do noso centro, foron seleccionados oito traballos para formar parte do catálogo final. Rita Sánchez Dosil de 1º bacharelato E, acadou un dos premios dos patrocinadores polo seu retrato da escritora María Reimóndez.

 

Esta semana fixemos entrega do premio, os diplomas e os agasallos ao noso alumnado alumnado.

 

Os traballos presentados xunto co catálogo estarán expostos no centro. Tamén podedes consultar os catálogos I e II na biblioteca.

 

 



page | by Dr. Radut