Skip to Content

O Proxecto Erasmus plus do noso Centro: "A importancia da Educación e a Historia"

 

Durante os vindeiros dous cursos o IES Praia Barraña vai participar nun proxecto Erasmus plus de intercambio escolar co colexio Bellahoj Skole de Copenhague (Dinamarca).

O proxecto está dirixido ao alumnado de 3º de ESO, pero esperamos que teña un impacto positivo en  todos os membros de ambas comunidades educativas 

O título do noso proxecto "A importancia da Educación e a Historia" resume a nosa motivación para levalo a cabo.

Durante o presente curso centrámonos na importancia da educación.

Queremos que antes de rematar o seu período de escolarización obrigatoria os nosos alumnos e alumnas comprendan a verdadeira importancia que a educación ten, non so neste momento das súas vidas, senón tamén, e moi especialmente, no  seu futuro.

O noso obxectivo principal é que cando deixen o noso Centro teñan completado os seus estudos e teñan claro o seu itinerario formativo posterior, ben sexa a través da Formación Profesional de Grao Medio ou de Grao Superior ou ben da Formación Universitaria.

Tamén queremos que sexan conscientes da importancia que ten na vida dos nenos e as nenas a crianza e a educación que reciben. Que entendan todo o que se necesita para conseguilo, que comprendan a responsabilidade que supón e que valoren o esforzo que realizan as súas familias para levar a cabo a difícil tarefa de sacalos adiante e educalos.

Así mesmo imos reflexionar sobre a influencia que o lugar de nacemento ten na vida das persoas.

De aí que consideremos fundamental coñecer mellor un período moi duro e especial da historia europea, as décadas dos anos 30 e 40 do século XX, e a súa trascendencia tanto para Dinamarca como para España e o resto de Europa.

A amizade, o bo entendemento, o intercambio cultural entre países da Unión Europea e a mellora no dominio da lingua inglesa, tamén son obxectivos do noso proxecto.

 

 

 

Como coordinadora do proxecto no IES Praia Barraña, estarei encantada de resolver calquera dúbida que teñades sobre o desenvolvemento do mesmo.

Ana Isabel Urbieta Balado 



page | by Dr. Radut