Skip to Content

Andorra, branca ilusión.

 

Cando somos de mar eso da neve é tan poético como alonxado. Sabemos de oleaxe, bateas, mexilón e area. Soñamos con navidades brancas e emocionámonos cando o frío pinta de branco as mañás dalgún inverno, poucos.  Así que ese sábado 27 de xaneiro a expedición á Andorra partiu con tanta ilusión como descoñecemento. Sabiamos que iamos pasar frío, que nos vestiriamos de astronoutas para equiar ou facer snow...Pero Andorra, Grandvalira, foi máis que iso. Foi unha aventura e unha lección de vida impulsada por Pilar e Gustavo dende Educación Física. 

Despois de oito días apredimos uns, confirmamos outras, que con tenacidade, ilusión e  traballo en equipo podemos conseguir case todo. Que despois de eses primeiros días coa dor insoportable nas canelas, a moral e o cú desfeito; días onde a frustración e o cansancio querían facerte abandonar, cando sentías que non podías e vías que ao teu redor todo eran filigranas e conquista; cando todo era negro chegaban unhas palabras de ánimo dun monitor arxentino, unhas risas paliativas, unha terapia nun telesilla cos Pirineos como horizonte, unha bágoas, moitas bágoas e abrazos.  E volta a empezar, e dalle, e volve a darlle.  E entón depois de horas e horas...subidón!! Comezas  a deslizarte a máis de 2000 metros de altura sobre aquel mar que deixamos atrás, a berrar e sorrir a sentir a montaña. Seguía habendo dor, cansancio e desencontros pero daba igual. Todo era branco. Hotel, cea, risas, balneario...Compartir e compartir e loitar coa ilusión como bandeira. Conseguido. 

Despedimos Andorra nevando. De branco tinguiremos as feridas da batalla e intentaremos conservar aquela ilusión que nos facía invencibles e que tanto risco corre nas nosas rutinas e aulas. Algo haberá que facer para mantela. Pensemos. 

 

 

 



story | by Dr. Radut