Actividades no centro

Actividades no centro

A revolução dos cravos

O pasado venres 27 de abril celebramos "a revolução dos cravos". Foi un acto fermoso, con grande participación do alumnado e bastantes profes. Conmemoramos con música a data, xa histórica, do 25 de abril  tan importante para Portugal e tan simbólica para os pobos que loitan pola súa liberdade. Un importante grupo de estudantes, dirixidos por Anxo Abalde, o profesor de música, interpretou o "Grândola, vila morena", a canción do Zeca Afonso que representa o berro de fraternidade e xustiza que puxo fin á ditadura en 1974.
25 de Abril sempre! Fascismo nunca máis!

Xornadas de Abril de Historia das Neves

Este luns 16 de Abril comezaron as Xornadas de Historia das Neves. Organizadas polo Concello, comezaron cunha conferencia de Eduardo Méndez, arqueólogo e gran coñecedor do xacemento paleolítico de Porto Maior.
Continuarán coa época castrexa e romanización (a cargo do catedrático e tamén arqueólogo Francisco Calo Lourido), o vindeiro luns 23, e co petróglifo da Coutada, de Taboexa, polo historiador Xosé Lois Vilar, o luns 7 de Maio.

Plantación de árbores

Aproveitando unha tregua do tempo, despois de tanta chuvia continuada, en colaboración co voluntariado e Concello das Neves, realizamos a plantación das árbores e outras especies vexetais que nos quedaban. Fronte ao escenario do lume e da destrucción, plantamos vida e futuro. Grazas a todas e todos pola colaboración. Lumes Nunca Máis! Por un Monte Vivo!
Un agradecemento especial a Alejandra, exalumna deste instituto que, cos seus coñecementos técnicos, asumiu a función de coordinar todas as plantacións, subministrou as árbores e abonos e se encargou de que o realizado fose un éxito.

Revista o Serodio

Podedes descargar o segundo número do Serodio deste curso. Ten contidos variados e actuais. Un agradecemento expreso para o alumnado e profesorado colaborador. Animamos, unha vez máis,  á participación nesta iniciativa normalizadora da lingua.

DÍA DE ROSALÍA. UN CALDO DE GLORIA PARA CELEBRAR O SEU ANIVERSARIO

Mañá celebramos no centro o Día de Rosalía e seguindo a iniciativa da Fundación Rosalía de Castro imos elaborar un “Caldo de Gloria”, inspirado no poema “Miña casiña, meu lar”. Repartirase este caldo durante o recreo (11:30 a 12:10) na entrada cara ao Edificio Novo. Leranse varios poemas da autora ao comezo do acto e logo as actividades continuarán na Biblioteca con música e recitados. Estades todas e todos convidados a celebrar connosco o aniversario da poeta.

No poema de “Miña casiña, meu lar” podedes atopar a receita por se o queredes elaborar vós e facer que as redes sociais lle renda homenaxe a Rosalía. Para iso é preciso facer un Caldo de Gloria -tedes a receita na páxina-, ler un poema de Rosalía e compartir unha foto nas redes sociais cos seguintes cancelos (hashtags): #CaldodeGloria #DíadeRosalía.

Animádevos!

Distribuir contido