INFORMACIÓN ESO

       

 

INFORMACIÓN FP

RESERVA E ADMISIÓN CURSO 2024-2025

Publicada a listaxe definitiva de admisión

no taboleiro do IES Lamas de Abade o día 22-05-2024

 

Chapuza ou paripé?, artigo de Manuel Portas no xornal El Correo Gallego

Manuel Portas 

Chapuza ou paripé?  

 11/06/2009 El Correo Gallego

O pasado 24 de maio, publicábamos unha colaboración baixo o epígrafe Unha política lingüística incendiaria, que versaba sobre as primeiras medidas anunciadas pola Consellaría de Educación en materia idiomática. Debo recoñecer agora, pasados xa uns días e á vista dos acontecementos, que o título ficou algo desfasado. Despois de sabermos as preguntas da consulta que lles van facer ás familias dos estudantes, o adxectivo incendiario resulta insuficiente para abranxer o que se albisca no horizonte. Temos diferentes opcións para recualificar a política lingüística dos novos gobernantes, segundo a interpretación, benévola ou malévola, que lle deamos á iniciativa, e que podemos resumir en dúas: ou chapuceira, ou lingüicida.

Sendo bempensados, diríamos que chapuceira, porque se realmente se pretende coñecer a opinión dos pais e nais para elaborar o novo decreto que regule os usos lingüísticos no ensino, por qué se pregunta só polas materias troncais, casualmente as que a lexislación actual estabelece como de ensino preceptivo en galego, e non sobre o conxunto das materias, incluídas as que non se denominan dese xeito? Un esquecemento? Desde esta interpretación indulxente, o inquérito adoece de rigor e da seriedade que se espera para un tema tan delicado e que desde o goberno se afanan en atizar e converter en polémico.

Contodo, desde a outra hipótese, sendo xa que logo malpensados, as preguntas si que están dirixidas con precisión milimétrica, e cun evidente tufo tendencioso. Imaxinemos un resultado utópico en que todo o mundo respondese que quere o ensino das troncais en galego. Que pasaría? Que, como máximo, todo ficaría como agora está, o 50% do ensino na lingua do país. Mais como ese resultado utópico non se vai dar, o que pretende o PP coa consulta non é outra cousa que darse un verniz democratista e xustificar unha redución dos usos do galego no próximo decreto, contentando así aos sectores galegófobos que se proclaman os grandes motores da vitoria popular nas urnas. Máis nada. Ou van estabelecer no decreto unha compensación equilibradora no uso lingüístico nas materias non troncais, sen ter montado o paripé consultivo que pensan facer coas troncais? Como van garantir o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística que determina que o alumnado ao finalizar os seus estudos acabará dominando por igual as dúas linguas? En que lingua terán os rapaces e rapazas un maior déficit expresivo? Se noutras etapas podíamos falar da inacción da administración, do lingüicidio por omisión, desta volta vai ser por acción.

Triste papel para un conselleiro. Máis triste aínda para un secretario xeral que ten participado na elaboración do actual Plano Xeral de Normalización Lingüística. Casualmente na parte do ensino. Casualmente tamén, esa parte que inspirou o decreto que agora se pretende eliminar. E triste tamén, e contraproducente, e condenábel, o papel dalgún descerebrado que gasta a súa única neurona en atentar contra o coche e en pintar nas paredes do domicilio da portavoz de Galicia Bilingüe.

este é o enlace  coa nova do xornal

http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/chapuza-ou-paripe/idEdicion-2009-06-11/idNoticia-436230/

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer