Skip to Content

Escolares, Complementarias, 1º Curso, 2º Curso, 3º Curso, 4º Curso, 5º Curso, 6º Curso, Ed. física, Idioma extranxeiro

Manifesto polo Clima

 

Velaquí o manifesto polo clima elaborado polo alunado de 4º da ESO co gallo da celebración, o 27 de setembro en todo o mundo, da Semana polo Clima. Este manifesto toma prestados parágrafos do manifesto do Movemento Galego polo Clima.

Medran as plantas, os ríos se chove, os días no verao, os tomates da horta -ás veces-, a masa do pan...
Medramos tamén as crianzas.
E medraron tamén os que nos venderon aquilo que non precisabamos: cereixas no inverno,
casa fría no verao, coches, máis coches, un teléfono móbil cada ano, comidas exóticas no súper, roupa, moita roupa… e nada chegaba.
Algunhas empresas eran donas do mundo, do planeta enteiro. A custa dos pobos e do noso futuro. E iso, seica, era crecemento económico.
E os estudos científicos avisaron: dos gases efecto invernadoiro, do quecemento do planeta, do esgotamento de recursos, das consecuencias do modelo CONSUME, CONSUME; CONSUME!
De que a nosa supervivencia (a dos seres humanos) na Terra estaba en perigo.
E nada se fixo.
En Galiza, o incremento da temperatura global está a provocar a desaparición de especies animais e de plantas autóctonas.
Nas nosas rías hai actualmente milleiros de toneladas de auga máis, por iso nos afectan máis as mareas e tas tormentas. O crecemento do nivel do mar asociado ao aumento da temperatura fará que parte das cidades de A Coruña, Vigo, Ferrol e Pontevedra fiquen inundadas de xeito permanente pola auga do mar. Outro tanto vai suceder coa maioría das vilas (Betanzos, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Cangas, ..) situadas no litoral galego.
Vemos ademais despropósitos ambientais que agravan a situación de emerxencia climática como os monocultivos de eucaliptos, políticas agrarias que favorecen a contaminación,
proxectos de megaminaría, contaminación por plásticos dos nosos territorios e alimentos…
Vémolo aquí, ao noso lado.
Por iso sumámonos á declaración de emerxencia climática e reclamamos o noso futuro.
Reclamamos tamén o compromiso dos gobernos e das escolas.
Porque queremos ver medrar a masa do pan e os días no verao.
Queremos futuro.

Fotos do NOSO

Desperta a túa creatividade! Apaña o teu móbil ou a túa cámara de fotos e lánzate a descubrirnos as mellores imaxes do NOSO.

Queremos ver a perspectiva máis orixinal do cabaceiro que hai no teu pobo; o perfil dunha peza de pan de Cea, a congostra máis bonita da comarca ou o mandil que tes pendurado na cociña.

Tes ata o 30 de abril para enviar as túas fotos a ticscea@gmail.com co asunto "Fotos do NOSO". Acompañado co nome e curso da persoa que a fixo, un título da foto e o lugar onde foi feita.

Con todas as fotos faremos unha exposición no centro e entre elas elixiranse 12 para publicar nun calendario do Cole de Cea no vindeiro curso 2019-2020.

#FotosdoNoso #ONoso

Concurso: O Noso Outono

Concurso O Noso Outono
 
O Equipo de Actividades Extraescolares e o Equipo de Dinamización Lingüística do centro animan ás familias a participar no concurso artístico #ONosoOutono. A Actividade consiste na elaboración dunha obra artística para celebrar a chegada do outono e o Samaín.
 
Existen dúas modalidades para participar. Pódese presentar unha peza en cada unha delas.
 
#Collage: Realizarase sobre unha cartolina de tamaño máximo A3. O material debe estar ben pegado para poder expoñela en vertical.
 
#Escultura: Pódense empregar arames como base ou pegar os materiais entre si.
 
Os materiais empregados deben ser típicos do outono: follas, castañas, cascas de noz, landras, cabazas, carrabouxos, ourizos...
 
A data límite para entregar os traballos é o 5 de novembro.
 
#concurso#outono#arteescolar

Intervención de Ramón Caride no Serán do Cole de Cea

SERÁN DO COLE DE CEA 25 Maio 2018

Intervención de Ramón Caride Ogando

Boa tarde, antes de nada, moitas grazas por permitirme participar nestes actos, a pesar de que eu nin canto nin toco instrumento ningún tan ben coma calquera dos outros e das outras participantes

É para min un privilexio estar aquí. Aínda que, como saberedes, eu non fun alumno deste cole. Eu fun dos últimos rapaces deste concello en estudar, até os dez anos, nunha escola unitaria, en concreto na da parroquia de Pereda, terra da miña familia materna. A miña primeira mestra, e seguramente a máis decisiva na miña vida, foi María Esther Cortés, a quen sempre lle estarei agradecido.

E non menos agradecemento lle debo agora ao claustro de profesores deste Colexio Virxe da Saleta, por ter iniciado as celebracións destes 50 anos, no pasado mes de Xaneiro, dándolle o meu nome á súa fermosa biblioteca. Eu nunca imaxinara semellante cousa, e aínda menos en Cea, onde case perdera as esperanzas. Até tal punto é verdade isto, que cando no xa algo lonxano ano 1992, como algúns dos que estades aquí lembraredes, acadei o premio Blanco-Amor de novela, o diario La Región publicou unha noticia co seguinte titular: "EL Concello de Cea felicitará a Ramón Caride Ogando por la concesión del Premio Blanco Amor", e como a tal felicitación aínda non me chegou a día de hoxe, nin sequera se me ocurríu protestar polo retraso. E non se pode dicir que semellante adiamento se deba ás mudanzas no grupo de governo municipal, porque tampouco as mudanzas foron tantas.

Pero non desesperemos...

En calquera caso, que lle adiquen a un unha biblioteca é unha alegría, pero tamén unha responsabilidade agradable, e un estímulo impagable. Escribir é un traballo solitario, e ás veces ingrato. O resultado adoita ser incerto, e as dúbidas nunca rematan. Escribir é dalgún xeito como falar, pero ás veces non sabes se falas con alguén, se falas diante dun espello ou se só estás a falar diante dunha parede que che devolve o eco das túas palabras. Gastas horas e gastas enerxía, e non sempre o resultado é o esperado. Logo de tanto traballo e de tantas voltas, a maioría dos escritores ou escritoras dependen do azar ou dos caprichos dun editor, non sempre xustificados, por canto a oferta de manuscritos en calquera sistema literario supera con moito á demanda de libros polo mercado.

Supoño que un dos meus méritos, en todo caso, é ser nativo de Cea, aínda que ninguén escolle onde quere nacer porque isto nunca se dá a escoller; é unha cuestión puramente aleatoria. Aínda así, nacín, ou nacéronme, en Cea e son escritor. Non hai tantos escritores en Cea coma panadeiras, pero hai artistas e escritores abondo para nomear calquera biblioteca, que tampouco hai tantas coma fornos; así que dar o propio nome á deste Cole e ser obxecto de semellante homenaxe e de tanto agarimo e esforzo como puxestes nestes actos, sempre será un mérito inmerecido, mália os moitos anos que levamos zugando na memoria e nas verbas aprendidas en Cea, nos medos e nos anseios da primeira infancia, revividos unha vez e outra, mesmo sen un mesmo decatarse, nunha morea de libros e de soños.

Pero en realidade teño para min que quen recibe unha homenaxe non pasa de ser un punto de referencia, un pretexto necesario para que moita xente con ganas de traballar e de facer cousas positivas, se xunte e traballe en común. Neste caso a responsabilidade do homenaxeado e dobremente gozosa, e a débeda cos colegas ensinantes deste centro, aínda máis impagable. O cole de Cea, coma outros da contorna polos que andiven estes meses, é unha referencia de amor á tradición, respecto á lingua, actualización tecnolóxica e de métodos, entusiasmo e capacidade de experimentar, cousas das que tan necesitados andamos os galegos e as galegas, e que por sorte, non faltan no ensino público, tan maltratado en moitas ocasións polos que nos governan, ou ás veces nos desgovernan.

Remato pois, dando as grazas de corazón. Aínda que sexa cuns meses de retraso, o certo é que tardei menos, así e todo, do que tardou o Concello. Xa son parte deste Centro que sempre será o meu, e considérome moi afortunado de podelo proclamar. Xa sabedes onde me tedes, para o que precisedes, compañeiras e compñeiros. QUE SIGA A FESTA!

Outro Misterio No Cole de Cea

Os misterios non paran no noso cole!

Se o pasaches ben con #MisterioNoColedeCea prepárate a vivir unha nova e emocionante aventura con #OutroMisterioNoColedeCea.
Leva a #Xiana a coñecer á #RataRita e axúdalle a atopar a saída do cole.

Lembra que o xogo está nun arquivo "exe" e é posible que o teu antivirus ou o teu sistema operativo dean algún aviso, pero trátase dun arquivo totalmente confiable.
#xogos #games #misterio #coledecea

DESCARGA

Regueifesta e paseo por Santiago

O alumnado de 1º e 2º da ESO participaron da gran festa da improvisión oral en Galicia, puidendo ver actuacións de participantes galegos, vascos, cataláns... ¡e ata de Cabo Verde! 

Pola tarde, coñeceron a historia que hai detrás dos principais recunchos de Compostela.

Podes ver máis fotos premendo no enlace.

Grazas, grazas, grazas.

O Cole de Cea quere agradecer a colaboración de todas as persoas e colectivos implicados na celebración do noso #50aniversario:

Grazas a todas as familias e veciñanza dos concellos por ceder as súas fotos para a expo #FotoMemoria.

Grazas ao Concello de Cea e ao Concello de Piñor por colaborar na produción artística dos eventos do aniversario, en colaboración coa ANPA CEPI.

A todo o profesorado e persoal do centro que está a colaborar na realización da exposición e do documental, así como na organización dos dous eventos.

Aos establecementos: Kanela Drink, Bar Paxariño, Farmacia Hilda, Sol y Luna, Perruquería Marisol e Bar Ojea por axudar á difusión do evento “O Reencontro” e pola venda de tickets e camisetas.

Ao noso antigo alumnado e profesorado e a toda a comunidade educativa actual polo entusiasmo e o amor que manifestan pola nosa escola. Sodes a alma do cole de Cea.

A todas as persoas que puxeron cara e voz no documental "1 día, 50 anos" para contar a historia do noso centro educativo.

Ademais, dende o centro queremos informar de que o importe íntegro dos tickets para a festa do Reencontro destinarase ao aluguer da carpa, ao servicio de catering e ao menú.

XOGADE_ BALONMAN

Está mañá o alumnado de 5º e 6º de Primaria participaron nunha nova edición de XOGADE, esta vez, na edición de balonmán.

Tivemos moitos momentos de tensión, deportivaaaa, e outros de ledicia. O importante sempre é participar, ademáis, nesta ocasión acadamos o segundo posto. Noraboa rapaces e rapazas!!

Aquí tedes unha pequena reportaxe: ttps://photos.app.goo.gl/F2HjaGru8jjhBlS32

 

 

Misterio no Cole de Cea - O noso primeiro videoxogo

ATENCIÓN ATENCIÓN!! XA TEMOS XOGO DO Cole de Cea

Temos a honra de vos anunciar que o cole de Cea estrea o seu primeiro videoxogo!
#MisterionoColedeCea

Xa podes descargalo e xogar no teu PC.

Tan só clica na seguinte ligazón e descarga o arquivo executable. DESCARGA

Ignora as advertencias que fai google, o arquivo é totalmente confiable.

 Descomprímeo nunha carpeta e.. a xogar!

O reencontro. 50 anos despois

 Xa temos programa para a nosa festa de aniversario.
12.30h  Visita á expo “FotoMemoria” do Cole de Cea.
Lugar: 1º andar do edificio histórico.
12.30h Visita ao centro.
14.00h Estrea do documental “1 día, 50 anos”
14.30h Xantar Popular.
Lugar: Carpa no patio de primaria.
Menú: Polbo á feira, carne ao caldeiro, sobremesa, viño, café e chupitos. Catering: A morena
Ao remate do xantar intervención de antigo alumnado
e festa amenizada polo Dúo Sabrosito.

A nosa festa de aniversario é posible grazas á colaboración do Concello de Cea e do Concello de Piñor.

Distribuir contido


by Dr. Radut