Skip to Content

contador gratis para blog

Intervención de Ramón Caride no Serán do Cole de Cea

SERÁN DO COLE DE CEA 25 Maio 2018

Intervención de Ramón Caride Ogando

Boa tarde, antes de nada, moitas grazas por permitirme participar nestes actos, a pesar de que eu nin canto nin toco instrumento ningún tan ben coma calquera dos outros e das outras participantes

É para min un privilexio estar aquí. Aínda que, como saberedes, eu non fun alumno deste cole. Eu fun dos últimos rapaces deste concello en estudar, até os dez anos, nunha escola unitaria, en concreto na da parroquia de Pereda, terra da miña familia materna. A miña primeira mestra, e seguramente a máis decisiva na miña vida, foi María Esther Cortés, a quen sempre lle estarei agradecido.

E non menos agradecemento lle debo agora ao claustro de profesores deste Colexio Virxe da Saleta, por ter iniciado as celebracións destes 50 anos, no pasado mes de Xaneiro, dándolle o meu nome á súa fermosa biblioteca. Eu nunca imaxinara semellante cousa, e aínda menos en Cea, onde case perdera as esperanzas. Até tal punto é verdade isto, que cando no xa algo lonxano ano 1992, como algúns dos que estades aquí lembraredes, acadei o premio Blanco-Amor de novela, o diario La Región publicou unha noticia co seguinte titular: "EL Concello de Cea felicitará a Ramón Caride Ogando por la concesión del Premio Blanco Amor", e como a tal felicitación aínda non me chegou a día de hoxe, nin sequera se me ocurríu protestar polo retraso. E non se pode dicir que semellante adiamento se deba ás mudanzas no grupo de governo municipal, porque tampouco as mudanzas foron tantas.

Pero non desesperemos...

En calquera caso, que lle adiquen a un unha biblioteca é unha alegría, pero tamén unha responsabilidade agradable, e un estímulo impagable. Escribir é un traballo solitario, e ás veces ingrato. O resultado adoita ser incerto, e as dúbidas nunca rematan. Escribir é dalgún xeito como falar, pero ás veces non sabes se falas con alguén, se falas diante dun espello ou se só estás a falar diante dunha parede que che devolve o eco das túas palabras. Gastas horas e gastas enerxía, e non sempre o resultado é o esperado. Logo de tanto traballo e de tantas voltas, a maioría dos escritores ou escritoras dependen do azar ou dos caprichos dun editor, non sempre xustificados, por canto a oferta de manuscritos en calquera sistema literario supera con moito á demanda de libros polo mercado.

Supoño que un dos meus méritos, en todo caso, é ser nativo de Cea, aínda que ninguén escolle onde quere nacer porque isto nunca se dá a escoller; é unha cuestión puramente aleatoria. Aínda así, nacín, ou nacéronme, en Cea e son escritor. Non hai tantos escritores en Cea coma panadeiras, pero hai artistas e escritores abondo para nomear calquera biblioteca, que tampouco hai tantas coma fornos; así que dar o propio nome á deste Cole e ser obxecto de semellante homenaxe e de tanto agarimo e esforzo como puxestes nestes actos, sempre será un mérito inmerecido, mália os moitos anos que levamos zugando na memoria e nas verbas aprendidas en Cea, nos medos e nos anseios da primeira infancia, revividos unha vez e outra, mesmo sen un mesmo decatarse, nunha morea de libros e de soños.

Pero en realidade teño para min que quen recibe unha homenaxe non pasa de ser un punto de referencia, un pretexto necesario para que moita xente con ganas de traballar e de facer cousas positivas, se xunte e traballe en común. Neste caso a responsabilidade do homenaxeado e dobremente gozosa, e a débeda cos colegas ensinantes deste centro, aínda máis impagable. O cole de Cea, coma outros da contorna polos que andiven estes meses, é unha referencia de amor á tradición, respecto á lingua, actualización tecnolóxica e de métodos, entusiasmo e capacidade de experimentar, cousas das que tan necesitados andamos os galegos e as galegas, e que por sorte, non faltan no ensino público, tan maltratado en moitas ocasións polos que nos governan, ou ás veces nos desgovernan.

Remato pois, dando as grazas de corazón. Aínda que sexa cuns meses de retraso, o certo é que tardei menos, así e todo, do que tardou o Concello. Xa son parte deste Centro que sempre será o meu, e considérome moi afortunado de podelo proclamar. Xa sabedes onde me tedes, para o que precisedes, compañeiras e compñeiros. QUE SIGA A FESTA!



blog | by Dr. Radut