Skip to Content

E.D.L.

O PICURÍ Nº 8 (2011)

O PICURÍ Nº 12 (2019)

O Picurí nº12 (2019)

 Aquí tedes a versión dixital a toda cor do nº 12 da revista escolar do Cole de Cea: O Picurí. Cunha portada de Laura Bravo e unha morea de contidos das tres etapas educativas: Infantil, Primaria e Secundaria. Cunha sección especial adicada ao 50 aniversario do noso centro e artigos referidos ao proxecto #ONoso desenvolvido ao longo do curso 2018/2019

O PICURÍ Nº 13 (2021)

O Picuri nº 13 (2021)

Na ligazón de arriba tedes o nº 13 da revista escolar do Cole de Cea: O Picurí. Cunha portada de Andrea González e unha morea de contidos das tres etapas educativas: Infantil, Primaria e Secundaria. Recolle contidos, artigos e proxectos desenvolvidos ao longo dos cursos 2019-2020 e 2020-2021.

CONCURSOS DE SAMAÍN DO COLE DE CEA 2021

Chega o mes de novembro, o Samain e os concursos convocados polo EDL do centro, en colaboración coa Biblioteca Ramón Caride e a Radio Roxar. Este ano temos unha nova modalidade, ademáis das xa habituais. Podedes concursar con:

- Contos

- Banda Deseñada

- Debuxo

- Poemas

Podedes consultar as bases na seguinte ligazón : BASES CONCURSOS SAMAIN 2021

A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA NO COLE DE CEA

 

A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA NO COLE DE CEA

 

O Cole de Cea, ao tratarse dun CPI (Centro Público Integrado), cunha oferta educativa que abrangue as etapas de Educación Infantil, Educación Primaria e E.S.O., conta cun moi amplo rango de idades (de 3 a 16-18 anos). Isto fai que a nosa programación teña que adaptarse ás necesidades concretas e moi diferentes do alumnado e ofrecer actividades con grande variedade e ampla flexibilidade. Ao tempo, temos tamén unha importante vantaxe que tentamos aproveitar permanentemente: o amplo rango de idades permite que o alumnado maior (o da E.S.O.) poda deseñar, elaborar e levar a cabo actividades para o resto.

O noso alumnado é consumidor cultural e nativo dixital. Cada día consome produtos como debuxos animados, videoclips, series, películas, xogos de mesa, ordenador ou consola... Estamos asistindo a un cambio moi profundo no que aumenta o tempo de ocio usando tabletas e móbiles. Aprenden a usar apps antes que a ler ou escribir. A escola non é allea a esta mudanza e nos últimos anos vemos como estas tecnoloxías están a entrar nas nosas aulas: miniportátiles, encerados dixitais, PCs, tablets… 

Por outro lado, a gran maioría do noso alumnado é galegofalante. O uso da nosa lingua no centro e no seu contexto inmediato está plenamente normalizado. A comunidade educativa colabora activa e permanentemente co labor que desenvolve o EDL, polo que o traballo de promoción da lingua non é visto como unha responsabilidade de tal ou cal individuo ou grupo concreto, senón como un traballo permanente, intimamente ligado ao noso labor docente e ao noso proxecto educativo, como centro de ensino.

Este é o contexto en que naceran iniciativas, como o APPLÍCATE O CONTO ou MISTERIO NO COLE DE CEA. Estes proxectos naceron de xeito natural, como ferramentas motivadoras para completar e desenvolver o traballo diario na aula. Tal vez, a utilización da nosa lingua en proxectos como estes sexa unha das súas maiores singularidades, xa que, infelizmente, o galego non é unha lingua moi empregada nos produtos deste tipo aos que o noso alumnado ten acceso. Estamos a ligar a nosa lingua ás novas tecnoloxías e a produtos adaptados a un alumnado nativo dixital. Pensamos que o potencial normalizador das ferramentas que empregamos (ou doutras semellantes) é enorme, e a súa utilización por parte do profesorado e do alumnado non é moi complicada. 

 

BREVE RELATO DOS ÚLTIMOS DEZ ANOS DE TRABALLO DO EDL:

Partimos dun momento traumático para toda comunidade educativa do Cole de Cea: o incendio das instalacións, que aconteceu a comezos de setembro de 2010, pouco antes de comezar o curso. Podemos dicir que foi un xeito de tocar fondo para moitos/as das/os que estábamos alí. A imaxe da biblioteca do cole cos libros cheos de feluxe e o cheiro a fume (que pode ser percibido aínda agora) nunca se apagará da nosa memoria. Outros acontecementos tristes, paralelos, anteriores e posteriores foron sumándose. Problemas que se acumulaban. A nosa moral estaba baixo mínimos e precisábase un revulsivo. As actividades extraescolares e complementarias foron ese revulsivo. Podemos marcar o inicio da recuperación da nosa enerxía cando lanzamos o lipdub “A LINGUA SABE A PAN”, que acadou unha cifra de visitas enorme e que nos encheu o correo de frases de apoio e parabéns. Desde ese momento, entendimos que a nosa programación de actividades extraescolares e complementarias (entre elas, as do EDL) era para nós moito máis que un anexo ao noso traballo na aula e fomos adaptándonos a esta filosofía de traballo, que ten funcionado ben, até hoxe. Na actualidade, o noso programa anual culmina a finais do mes de maio co SERÁN DO COLE DE CEA, uma festa aberta para toda a comunidade educativa, que está a ter moi boa acollida. 

Para rematar, no podemos esquecer que todas as iniciativas que ven desenvolvendo o EDL son posíbeis pola xenerosidade do colectivo docente e o apoio e participación da nosa comunidade escolar.

 

DE CARA AO FUTURO

O traballo de dinamización ou normalización que se fai na escola non é suficiente, segundo o noso punto de vista. É precisa unha implicación moito maior da sociedade e dos poderes públicos na recuperación e promoción da nosa lingua. Infelizmente, cada vez máis, os centros de ensino están a se converter no “último reduto” do galego. Nós pensamos que esta situación pode ser rectificada (en palabras de Carvalho Calero) cunha política lingüística digna de tal nome, que logre a complicidade da maioría social na defensa deste ben común tan valioso, chamado “lingua galega”. Temos, seguindo o dito polo ilustre profesor ferrolán, que explorar o camiño da lusofonía, poñendo en contacto o noso alumnado coa vertente internacional do galego e que vexan que, parafraseando a Castelao, a nosa lingua “florece” arredor do mundo.

E.D.L. do Cole de Cea

 

Artigo orixinal publicado no nº 78 da Revista Galega de Educación.

 

 

 

Novembro de concursos

Novembro é mes de concursos no Cole de Cea.
A Biblioteca Ramón Caride e o EDL do centro, en colaboración coa Radio Roxar convocan concursos de:  
- Contos
- Banda Deseñada
- Debuxo

Aquí tes as bases:

CONCURSO DE DEBUXO E BANDA DESEÑADA DE SAMAÍN 2020
● Categorías:
○ Infantil. Mellor Debuxo
○ Primaria e Secundaria. Mellor Banda Deseñada
● Pódese participar individualmente ou en grupos de até tres persoas. IMPORTANTE:
Para respectar o protocolo anti-COVID, a participación en grupo e colectiva
será sempre VIRTUAL, isto é, só por medios telemáticos (vídeoconferencia,
whatsapp, e-mail…).
● O prazo está aberto até o 30 de novembro.
● A Banda Deseñada debe ter un tema relacionado co SAMAÍN, o misterio, o medo,
ou temas semellantes.
● O formato da banda deseñada será o seguinte:
○ Extensión: de 1 a 4 páxinas, tamaño A4 ou proporcional.
○ Técnica: libre, sobre papel de debuxo (non folios), tendo en conta que debe
permitir a súa lexibilidade, reprodución e impresión.
● Os traballos irán acompañados dos datos dos autores e o título da obra.
● Os traballos serán entregados ao titor/a ou a membros do E.D.L.
● Os traballos serán valorados por un xurado que decidirá os gañadores.
● Non se admitirán obras que non sexan orixinais.
● As BDs que cumpran os requisitos de participación exporanse e/ou publicaranse no
lugar e data por determinar.

CONCURSO DE CONTOS DE SAMAÍN e CONTO CONTIGO ESPECIAL SAMAÍN 2020

O equipo da biblioteca RAMÓN CARIDE e o EDL do Cole de Cea organizan, como xa é tradicional, o CONTO CONTIGO ESPECIAL SAMAÍN.
Nesta edición de 2020, adaptamos o sistema de participación para respectar o protocolo anti-COVID. Deste xeito, convocamos o CONCURSO DE CONTOS DE SAMAÍN e adaptaremos as obras gañadoras para as converter en guións radiofónicos que posteriormente serán emitidos pola nosa radio escolar RADIO ROXAR dentro do proxecto CONTO CONTIGO.

BASES:
Pode participar todo o alumnado de Primaria e E.S.O.
O prazo de participación está aberto até o 16 de novembro.
A participación no concurso será INDIVIDUAL, EN GRUPO (máximo 3 compoñentes) ou COLECTIVA (unha obra por aula). IMPORTANTE: Para respectar o protocolo anti-COVID, a participación en grupo e colectiva será sempre VIRTUAL, isto é, só por medios telemáticos (vídeoconferencia, whatsapp, e-mail…).
Os traballos deberán ter un tema relacionado co SAMAÍN, o misterio, o medo, ou temas semellantes.Os traballos irán acompañados dos datos dos autores e o título da obra.
Os traballos serán enviados por correo electrónico a ticscea@gmail.com ou entregados ao titor/a ou a membros do E.D.L.
Non se admitirán obras que non sexan orixinais.
As obras que cumpran os requisitos de participación exporanse e/ou publicaranse no lugar e data por determinar.
As obras gañadoras serán adaptadas para as converter en guións radiofónicos que posteriormente serán emitidos pola nosa radio escolar RADIO ROXAR dentro do proxecto CONTO CONTIGO.

Conto contigo desde a casa


#ContoContigo desde a casa

Debido á situación de pandemia que asolaga ao planeta e que nos impide acudir ao noso benquerido Cole de Cea a aprender un feixe de cousas e gozar cos nosos compañeiros e compañeiras, cavilamos desde o Equipo de Tics, o Equipo de Biblioteca Biblioteca Ramón Caride e o Equipo de Dinamización Lingüística que os membros da comunidade escolar poderiamos achegar contos, poemas, historias, textos divulgativos, etc.

Farémolo así:

1 Preferentemente en galego e poderanse empregar todos os recursos que se queiran para adobiar a gravación (vestimenta, efectos, música etc.)

2 Grava un vídeo no que saias ti ou a túa voz contando un conto, un poema, compartindo un texto divulgativo etc. (duración máxima 5 mins.)

3 Envíao a través da plataforma We transfer ao enderezo electrónico: ticscea@gmail.com

4 Compartirémolo nos perfís do cole para que chegue a moitos recunchos do planeta.

Así pois animádevos a enviar os vosos videos para poder compartilos e facer que aínda que sexa virtualmente, nos sintamos máis preto.

Moito ánimo #contocontigo.

Da Paz a Rosalía

Dende o equipo da Biblioteca Ramón Caride e o Equipo de Dinamización Lingüística do Cole de Cea, convidámosvos a participar na celebración de tan senlleiras datas.

1. Cada clase poderá participar escribindo cantos poemas desexe en cartolina de xeito cooperativo entre o alumnado.

2. Todos os traballos poderán ir acompañados de debuxos para ilustrar os versos.

3. A temática sobre a que deben versar os traballos, abranguerá temas como: a paz, o respecto, a igualdade, a tolerancia ou a diversidade.

4. O prazo para participar abrirase o Día da Paz (30 de Xaneiro) e pecharase o Día de Rosalía de Castro (24 de Febreiro).

5. Cada aula participante recibirá un agasallo.

 

Escola Titiriteira

PROXECTO “ESCOLA TITIRITEIRA”. COLE DE CEA.

Os ultimos anos o Cole de Cea ten realizado numerosas actividades vinculadas á figura dos títeres, todos eles englobados no proxecto de centro “Escola Titiriteira”, tales como o deseño e fabricación de títeres, a construcción do escenario, ou a creación e representación de diferentes obras, a ultima delas no entroido do curso pasado.

 Seguindo nesta liña de traballo, este curso 2019-2020 o Cole de Cea vai colaborar coa asociación “Morreu o Demo”, que traballa dende o ano 2012 pola Recuperación do Títere Tradicional Galego, para dar a coñecer este patrimonio cultural.

A asociación naceu co obxectivo de investigar e afondar na recuperación do patrimonio dos títeres tradicionais en Galicia, divulgar este legado e reactivar o personaxe de Barriga Verde entre as novas xeracións.

Co seu proxecto Barriga Verde, da Barraca á aula, pretende falicitar a integración do mundo titiriteiro nas aulas.

O Cole de Cea embarcarase neste proxecto, no que se propoñen varias actividades, como o encontro co profesorado (xa previsto para o vindeiro 21 de novembro) coa visita de membros da compañía de títeres títeres VIRAVOLTA, seguida da asistencia ao documental “Morreu o Demo, acabouse a peseta” sobre a historia de Barriga Verde e as súas conexións cos títeres europeos.

A intención é continuar coa realización de obradoiros de guión, obradoiros de construcción e manexo de títeres, obradoiros de monicreques en igualdade, ademáis da dotación de lotes de material documental ao centro, e a instalación da  exposición Onde foi Barriga Verde? no Cole.

 

Para dar inicio a esta colaboración, e facer un primeiro achegamento ao mundo do títere, a asociación convidounos a visitar o festival de títeres tradicionais TITIRIBERIA, que terá lugar en Teo (A Coruña) entre o 9 e o 12 de novembro. Poderemos coñecer a membros da asociación “Moreu o Demo”, e desfrutar da obra de títeres “Manulengo Capiroto” en compañia do alumnado da ESO do IES Cacheiras de Teo, o outro centro que está a colaborar neste proxecto.

“Mamulengo Capiroto”

Marcelo la Fontana (Portugal)

 

O barriga Verde brasileiro, o Mamulengo, chega ao Titiriberia da man de Marcelo Lafontana, titiriteiro afincado en Portugal. Novos acentos e formas achegan como se entende da outra banda do atlántico esta tradición escénica.

cun alto compoñente de improvisación, este espectáculo baséase nunha interacción constante co público con grandes doses de música e danza, que completan en grande medida o que os bonecos apenas chegan a dicir.

Samaín Creativo

Samaín Creativo

Bases dos concursos

Concurso de Disfraces
O mércores 30 de outubro.
Categorías:
Infantil. Mellor Disfraz
1º, 2º e 3º de Primaria. Mellor Disfraz
4º, 5º e 6º de Primaria. Mellor Disfraz
Secundaria. Mellor Disfraz
Participación individual.

O disfraz farase exclusivamente empregando materiais reutilizados ou reciclados.

Os premios entregaranse o día do Magosto.

Concurso de Banda Deseñada
Categorías:
Infantil. Mellor Debuxo
Primaria. Mellor Banda Deseñada
Secundaria. Mellor Banda Deseñada
Pódese participar individualmente ou en grupos de ata tres persoas.
O prazo está aberto até o 30 de novembro.
A Banda Deseñada debe ter un tema relacionado co SAMAÍN, o misterio, o medo, ou temas semellantes.
O formato da banda deseñada será o seguinte:
Extensión: de 1 a 4 páxinas, tamaño A4 ou proporcional.
Técnica: libre, sobre papel de debuxo (non folios), tendo en conta que debe permitir a súa lexibilidade, reprodución e impresión.
Os traballos irán acompañados dunha folla de texto onde aparezan os datos dos autores e o título da obra.
Os traballos serán entregados ao titor/a ou a membros do E.D.L.
Os traballos serán valorados por un xurado que decidirá os gañadores.
Non se admitirán obras que non sexan orixinais.
As BDs que cumpran os requisitos de participación exporanse e/ou publicaranse no lugar e data por determinar.
Os premios entregaranse o día do Festival de Nadal.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut