Biblioteca, Club de Lectura

Biblioteca Escolar

Bibliotecas escolares de Galicia

Intervención de Ramón Caride no Serán do Cole de Cea

SERÁN DO COLE DE CEA 25 Maio 2018

Intervención de Ramón Caride Ogando

Boa tarde, antes de nada, moitas grazas por permitirme participar nestes actos, a pesar de que eu nin canto nin toco instrumento ningún tan ben coma calquera dos outros e das outras participantes

É para min un privilexio estar aquí. Aínda que, como saberedes, eu non fun alumno deste cole. Eu fun dos últimos rapaces deste concello en estudar, até os dez anos, nunha escola unitaria, en concreto na da parroquia de Pereda, terra da miña familia materna. A miña primeira mestra, e seguramente a máis decisiva na miña vida, foi María Esther Cortés, a quen sempre lle estarei agradecido.

E non menos agradecemento lle debo agora ao claustro de profesores deste Colexio Virxe da Saleta, por ter iniciado as celebracións destes 50 anos, no pasado mes de Xaneiro, dándolle o meu nome á súa fermosa biblioteca. Eu nunca imaxinara semellante cousa, e aínda menos en Cea, onde case perdera as esperanzas. Até tal punto é verdade isto, que cando no xa algo lonxano ano 1992, como algúns dos que estades aquí lembraredes, acadei o premio Blanco-Amor de novela, o diario La Región publicou unha noticia co seguinte titular: "EL Concello de Cea felicitará a Ramón Caride Ogando por la concesión del Premio Blanco Amor", e como a tal felicitación aínda non me chegou a día de hoxe, nin sequera se me ocurríu protestar polo retraso. E non se pode dicir que semellante adiamento se deba ás mudanzas no grupo de governo municipal, porque tampouco as mudanzas foron tantas.

Pero non desesperemos...

En calquera caso, que lle adiquen a un unha biblioteca é unha alegría, pero tamén unha responsabilidade agradable, e un estímulo impagable. Escribir é un traballo solitario, e ás veces ingrato. O resultado adoita ser incerto, e as dúbidas nunca rematan. Escribir é dalgún xeito como falar, pero ás veces non sabes se falas con alguén, se falas diante dun espello ou se só estás a falar diante dunha parede que che devolve o eco das túas palabras. Gastas horas e gastas enerxía, e non sempre o resultado é o esperado. Logo de tanto traballo e de tantas voltas, a maioría dos escritores ou escritoras dependen do azar ou dos caprichos dun editor, non sempre xustificados, por canto a oferta de manuscritos en calquera sistema literario supera con moito á demanda de libros polo mercado.

Supoño que un dos meus méritos, en todo caso, é ser nativo de Cea, aínda que ninguén escolle onde quere nacer porque isto nunca se dá a escoller; é unha cuestión puramente aleatoria. Aínda así, nacín, ou nacéronme, en Cea e son escritor. Non hai tantos escritores en Cea coma panadeiras, pero hai artistas e escritores abondo para nomear calquera biblioteca, que tampouco hai tantas coma fornos; así que dar o propio nome á deste Cole e ser obxecto de semellante homenaxe e de tanto agarimo e esforzo como puxestes nestes actos, sempre será un mérito inmerecido, mália os moitos anos que levamos zugando na memoria e nas verbas aprendidas en Cea, nos medos e nos anseios da primeira infancia, revividos unha vez e outra, mesmo sen un mesmo decatarse, nunha morea de libros e de soños.

Pero en realidade teño para min que quen recibe unha homenaxe non pasa de ser un punto de referencia, un pretexto necesario para que moita xente con ganas de traballar e de facer cousas positivas, se xunte e traballe en común. Neste caso a responsabilidade do homenaxeado e dobremente gozosa, e a débeda cos colegas ensinantes deste centro, aínda máis impagable. O cole de Cea, coma outros da contorna polos que andiven estes meses, é unha referencia de amor á tradición, respecto á lingua, actualización tecnolóxica e de métodos, entusiasmo e capacidade de experimentar, cousas das que tan necesitados andamos os galegos e as galegas, e que por sorte, non faltan no ensino público, tan maltratado en moitas ocasións polos que nos governan, ou ás veces nos desgovernan.

Remato pois, dando as grazas de corazón. Aínda que sexa cuns meses de retraso, o certo é que tardei menos, así e todo, do que tardou o Concello. Xa son parte deste Centro que sempre será o meu, e considérome moi afortunado de podelo proclamar. Xa sabedes onde me tedes, para o que precisedes, compañeiras e compñeiros. QUE SIGA A FESTA!

VERSOS_AO_LOMBO

VERSOS_AO_LOMBO

A Biblioteca Ramón Caride, do Cole de Cea, convoca o concurso "VERSOS_AO_LOMBO" para conmemorar o Día do Libro, que se celebra o 23 de abril.

O obxectivo é expresarse artísticamente a través dos títulos dos libros e demais referencias presentes nos nosos fondos. Tes ata o 18 de abril, incluído, para entregar o teu traballo. Esperta a túa creatividade e sorpréndenos participando na túa categoría.


Infantil:

1.       Elabora un debuxo relacionado con algún dos libros que levae en préstamo da biblioteca.

2.       Podes empregarse calquera tipo de técnica (ceras, pinturas, témperas, collage...).

3.       O traballo terá que ser elaborado polo alumnado participante.

Primaria:

1.       Escribe un poema, na plantilla entregada polo titor ou titora, empregando 3 títulos de libros (mínimo) para elaboralo.

2.       Cita as referencias dos libros empregados (número de rexistro, título e autor/a), facéndoas constar na parte posterior da plantilla.

Secundaria:

1.       Elabora un poema empregando os títulos que figuran no lombo dos fondos da nosa biblioteca escolar Ramón Caride.
 
Cita as referencias dos libros empregados (número de rexistro, título e autor/a), facéndoas constar na parte posterior da plantilla.

 

Grazas, Ramón.

 

É un pracer imenso e unha honra especialmente impagábel cumprir hoxe dous anceios reais:

O primeiro é voltar. Voltar á miña escola na abertura dos actos do seu primeiro cincuentenario. 50 anos, son talvez, dúas xeracións de ceeses e piñorenses educados, formados aquí, no actual, familiar e cooperativo CPI “Virxe da Saleta”.

O segundo anhelo é verificar a comemoración que nos convida e poder participar na inauguración da Biblioteca escolar que levará o nome de Ramón Caride, persoa merecente, devoto profesor e  escritor merecedor  de tal dedicatoria, por sobretodo, querermos desde esta comunidade educativa que se cumprise a profecía en terra queimada, na súa terra de nacenza.

Que mellores motivos para oferecer esta Biblioteca a quen nos provocou e continúa a provocarnos soños eléctricos a adultos e cativos, quen nos axuda a apaixonármonos pola lectura de historias e aventuras?

De Ramón Caride Ogando eu sabía algunhas cousas antes de chegar ao Cole de Cea. Coñecíao polos manuais de texto dos rapaces da ESO, tiña lido algún artigo del, así como algúns treitos de Said e Shelila. Soábame a súa fama de escritor premiado e a especial sona de autor infanto-xuvenil, a súa prolífica profusión como autor de máis de 50 títulos de xéneros e subxéneros variados (narrador, poeta, ensaísta, profesor de bioloxía, activista cultural e columnista). Evidentemente, moitas destas cuestións foron ampliadas ao porme a indagar sobre el, pois ao chegar aquí, en setembro de 2016, descubrín a súa procedencia local.

Isto serviu para actualizar datos, ler e propor lecturas, preguntar e reflexionarmos todos cantos aquí estamos sobre a vontade de cumprir o afamado dito “é de ben nacidos ser agradecidos”, porque na vida, débense cumprir as vontades que se acreditan xustas.

E aquí nos atopamos para presentarmos a algúen que ten dito que “botou a infancia nunha aldea na que naceu hai 60 anos, nun microcosmos no que todo había, regulado polo ciclo invariable que marcan as estacións. Un mundo que lle desapareceu de súpeto.”

Ramón Caride Ogando é unha persoa na que se axuntan o gusto polas artes literarias, musicais, cinematográficas, plásticas e daí acéndese un autor lexíbel e intelixíbel, froito abofé da súa profesión docente. É insistente, completo, diverso, criado no rural ao que retorna sempre, recorrentemente, desde a súa perspectiva globalmente solidaria e sa. Foi un neno do lugar de Pulledo, na parroquia de Pedreda, que non estudou neste grupo escolar por cuestións cronolóxicas, o cal, xa de pícaro, soñaba electricamente, desexaba ser astronauta e supoño eu que viaxaría polos povos  do planeta Terra e outros mundos exteriores, e á fin, segue nesa singradura sideral na que viaxa el e nos fai viaxar a nós.

El dise lector de literatura fantástica, e define gran parte do que escribe como fantasía con fundamentos científicos, máis que ciencia-ficción. Coida que quizais estes libros sexan os preferidos das miúdas e miúdos porque estes teñen imaxinación, porque eles queren explorar.

Os seus inicios na literatura son de intencións, vontade de creación lírica de mocidade encravada na paisaxe da verde chuvia, a Cea das panandeiras, os lugares de orixe queren ser todo quanto há no mundo.  Unha poesía aberta á vida, ao mundo, expesou o poeta nacional Manuel María, de aprendizaxe que acaba por queimar no  cerne das labaradas.

En toda persoa de proveito, o percurso do tempo debe significar unha evolución, un avance á frente, unha comprobación experimental, que orienta a Ramón Caride á narrativa, aos relatos escuros, negros dun tempo fendido e incerto. 1992 será o ano do premio Blanco Amor con Soños eléctricos, grande novela de ficción cietífica, o seu pulo, recoñecemento, o que lle abre un horizonte aínda infinito, para encetar a pentaloxía das aventuras de Said e Sheila, que inicia con Perigo vexetal (premio Merlín), e logo Ameaza na Antártida, A negrura do mar, o futuro roubado, até finalizar co Camiño da estadea, que non deixa de ser unha antítese espectral dunha realidade tan palmaria como certa ao consolidar brillantemente unha saga literaria fantástica na nosa terra.

Cea, Oseira, Galiza, o compromiso coa lingua a lume son marcos, contextos e pretextos para falármonos ficcionalmente ou con verdades coma mosteiros, a lume frío azul, da terra queimada real, do rural que esmorece e se abandona en diáspora perpetua. O lume, os camiños, a noite, percorren a sangue o apaixonado proceso de escritura de Caride, que amais tamén mostra o creador preocupado polo actual, como afirmou Vázquez Pintor no prólogo de Sarou/Louzós ”Crónica de sucesos a pé de obra...retratos urxentes de xornalismo que se instala na retina...”

Torna á poesía, máis chegada, con amor, erotismo, xeografías do sal, do placer, do sufrimento humano. Para el cada libro de poemas é froito dun fogonazo. Segue a viaxar, unha viaxe poliédrica, entre a palabra e o retorno, paisaxes internas e alleas, recollidas en As Máscaras de Cronos. Caride dispara directo agora: “a esencia da poesía é o misterio,...a poesía non se explica / revélase / ou non é tal.”

Admira a escrita de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro, a Neira Vilas e      A Esmorga de Blanco Amor, influencia que talvez o levase a ser escritor na nosa única lingua propia. E unha recua de plumas internacionais conforman a bagaxe dun ávido lector que se sente afortunado “cando mozas e mozos, eses que len sen prexuízos, gozo, lectores verdadeiramente agradecidos que non están á espreita da fama do autor, lle comentan que unha novela del lles abriu os ollos a novos camiños”. Outravolta os ollos que axexan o tripar dos camiños andados e por andar...Devolve publicamente  a súa gratitude por ter percorrido Galiza e mesmo ter estado no exterior, terse trasladado por centos de quilómetros, conversado con miles de rapazas e rapaces, por colexios e institutos.

Lingua, natureza, ecoloxía, solidariedade, pacifismo, democracia, igualdade, ciencia, país. Exogamia de letras, conviccións e argumentos para unha literatura galega que até os anos 90 tiña estas eivas temáticas e Ramón Caride irrompe coa asunción de todas elas e atinxe a conexión con lectoras e lectores, galegas e galegos, en galego.

Hoxe medran na nosa Biblioteca follas cintilantes, ledas, ceibas e prácidas, en libros inzados de letras con novos relatos que ler para logo contar, a rentes dos amparados Xeranios do Señor Alfonso, ao pé da Sobreira que o destino quixo que plantásemos para representala 50 anos máis.

Obrigados Ramón Caride, grazas por, como che teño lido, “Amar os libros, lelos e facelos”. Ninguén mellor para pór nome á Biblioteca.

26 de Xaneiro de 2018

Matías Rodríguez da Torre.
Foi profesor de Lingua no Cole de Cea

Xornal "O PAPAGAIO"

O Cole de Cea xa está subscrito ao novo xornal "O Papagaio"!!

Trátase dun xornal en papel, integramente en galego,dirixido especialmente aos nenos e nenas de Primaria e Secundaria. Ten  periodicidade mensual.

 

Os seus responsables destacan que a sección de ciencia e tecnoloxía estará asesorada por científicos/as e será presentada por un personaxe fixo: Simio o científico. De igual xeito, a sección de Ecoloxía contará tamén co asesoramento de profesionais e nel trataranse temas relacionados coa agricultura ecolóxica, a bioconstrución ou a reciclaxe. Os temas irán acompañados dun experimento que os e as lectoras poderán poñer en práctica.

 

Na sección de arte, un pintor chamado Pierrot explicará os segredos dos principais movementos pictóricos da historia; este apartado inclúe a proposta dun exercicio práctico sobre o estilo en cuestión. Dentro do obxectivo de fomentar a integración, aparece a sección Pratos para compartir culturas, que achega receitas de distintos paises. No apartado de Natureza terá un papel destacado "a fabulosa fauna lectora do noso hábitat", que relacionará as distintas especies animais autóctonas coa literatura universal; e, de igual xeito, incluirarse a sección SOS Especies ameazadas, na que os animais en perigo de extinción trasladarán as súas queixas a través dunha carta.

 

Tamén se inclúe unha sección fixa de banda deseñada, protagonizada por Wifi, un can intergaláctico que vive intensas aventuras nos distintos universos paralelos que nos rodean. E unha tira humorística, Viladenihil, con temática de ciencia ficción social.

24 DE OUTUBRO. DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

HOXE CELABRAMOS NO COLE O "DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES"!

Contamos cun convidado moi especial, Nilson Leite, que nos vai a contar uns contiños relacionados coa natureza.

REGUEIFAS E BUSCA DO TESOURO EN COMPOSTELA

O club de lectura visitou Santiago para participar da Regueifesta, pola mañá, e para pescudar pistas no Museo do Pobo Galego, pola tarde.

Salvo por todo o que choveu, tivemos un día xenial!

https://goo.gl/photos/zdqVF4DBkBYuuR666

LENDO SOBRE UNHA CLASE DISTINTA Á NOSA... OU NON.

O grupo de 3º e 4º lerá este trimestre, o libro "A clase", que trata sobre o que ocurre nunha clase nun instituto dun barrio de París. Terán os mesmos conflitos que nunha das nosas aulas? De momento, falamos sobre os temas que trataría o libro e barallamos os termos como interculturalidade, conflito, educación ou adolescencia.

 

 

I PROCURA DO TESOURO DA BIBLIOTECA ESCOLAR

A Orientadora xunto con membros do equipo de Biblioteca argallaron a "I PROCURA DO TESOURO DA MEDIATECA DO COLE DE CEA", unha actividade mais dentro da semana adicada ao"Día do Libro 2017", que este ano homenaxeaba a escritora Gloria Fuertes no centenario do seu nacemento.

Por grupos os alumnos e alumnas de 3º a 6º fixeron unha busca seguindo instruccións para compoñer o texuelo dun libro da Sala A.Os mais pequenos traballaron en dous grandes equipos seguindo as pegadas agochadas en diferentes libros.

Preme no seguinte enlace

https://goo.gl/photos/yuY5Sx83hFAGCvMk7

ENCONTRO CON MANUEL IGLESIAS TURNES

 

 

 

 

Distribuir contido