Skip to Content

Biblioteca

Biblioteca Escolar

Bibliotecas escolares de Galicia

O PICURÍ Nº 8 (2011)

O PICURÍ Nº 12 (2019)

O Picurí nº12 (2019)

 Aquí tedes a versión dixital a toda cor do nº 12 da revista escolar do Cole de Cea: O Picurí. Cunha portada de Laura Bravo e unha morea de contidos das tres etapas educativas: Infantil, Primaria e Secundaria. Cunha sección especial adicada ao 50 aniversario do noso centro e artigos referidos ao proxecto #ONoso desenvolvido ao longo do curso 2018/2019

O PICURÍ Nº 13 (2021)

O Picuri nº 13 (2021)

Na ligazón de arriba tedes o nº 13 da revista escolar do Cole de Cea: O Picurí. Cunha portada de Andrea González e unha morea de contidos das tres etapas educativas: Infantil, Primaria e Secundaria. Recolle contidos, artigos e proxectos desenvolvidos ao longo dos cursos 2019-2020 e 2020-2021.

ABRE A BIBLIOTECA!!!

O próximo 25 de outubro abrimos as portas da vosa biblioteca escolar.

Por mor da covid non poderemos festexalo como nos gustaría: conxuntamente; así que iredes vindo consonte o horario estabelecido en cada grupo.           

                                 

En Primaria retomamos as "mochilas viaxeiras", que entregaremos en cada aula ao longo de semana, para que gocedes nas vosas casas de lecturas e filmes no tempo de lecer en familia.

Ao tempo, reactivamos o "pasaporte lector", que premiará as vosas lecturas cun pequeno agasallo.

Abrimos nesta data para coincidirmos (case, fallounos o festivo dominical, ui!) o Día das Bibliotecas, que se conmemora cada ano o 24 de outubro desde 1997, data da tráxica historia acontecida á biblioteca de Saraxevo durante a guerra dos Balcáns. Os esforzos por recuperar os restos da desfeita poden coñecerse nesta reportaxe de pouco máis de 6 minutiños:

Bosnia-Herzegovina: os libros rescatados de Saraxevo.

Os máis pequechos podedes entrar nestoutra ligazón, a un vídeo de animación no que se amosan as vantaxes e os perigos dos libros cando non saben usarse ao xeito:

El increíble niño comelibros.

E para os que prefiran a beleza plástica e musical, velaquí estoutra curtametraxe de animación:

Rachaelefo.

Xeografías Lectoras

 

Viaxa con nós a través dos libros coas Xeografías Lectoras da Biblioteca Ramón Caride.

Navega pola lista de reprodución para poder ver todos os vídeos.

 

Conto contigo desde a casa


#ContoContigo desde a casa

Debido á situación de pandemia que asolaga ao planeta e que nos impide acudir ao noso benquerido Cole de Cea a aprender un feixe de cousas e gozar cos nosos compañeiros e compañeiras, cavilamos desde o Equipo de Tics, o Equipo de Biblioteca Biblioteca Ramón Caride e o Equipo de Dinamización Lingüística que os membros da comunidade escolar poderiamos achegar contos, poemas, historias, textos divulgativos, etc.

Farémolo así:

1 Preferentemente en galego e poderanse empregar todos os recursos que se queiran para adobiar a gravación (vestimenta, efectos, música etc.)

2 Grava un vídeo no que saias ti ou a túa voz contando un conto, un poema, compartindo un texto divulgativo etc. (duración máxima 5 mins.)

3 Envíao a través da plataforma We transfer ao enderezo electrónico: ticscea@gmail.com

4 Compartirémolo nos perfís do cole para que chegue a moitos recunchos do planeta.

Así pois animádevos a enviar os vosos videos para poder compartilos e facer que aínda que sexa virtualmente, nos sintamos máis preto.

Moito ánimo #contocontigo.

Da Paz a Rosalía

Dende o equipo da Biblioteca Ramón Caride e o Equipo de Dinamización Lingüística do Cole de Cea, convidámosvos a participar na celebración de tan senlleiras datas.

1. Cada clase poderá participar escribindo cantos poemas desexe en cartolina de xeito cooperativo entre o alumnado.

2. Todos os traballos poderán ir acompañados de debuxos para ilustrar os versos.

3. A temática sobre a que deben versar os traballos, abranguerá temas como: a paz, o respecto, a igualdade, a tolerancia ou a diversidade.

4. O prazo para participar abrirase o Día da Paz (30 de Xaneiro) e pecharase o Día de Rosalía de Castro (24 de Febreiro).

5. Cada aula participante recibirá un agasallo.

 

Semana da Ciencia en Galego na Biblioteca


Para conmemorar o mes da Ciencia en Galego na Biblioteca Escolar, celebraremos ao longo da derradeira semana do mes, unha serie de actividades dirixidas polos departamentos de Ciencia e Matemáticas do noso CPI.

Mart26N
Experimenta-Cea O alumnado da ESO guía ao de primaria na realización dos seus primeiros experimentos científicos.

Merc27N
Bio_Elas Dramatización da biografía de mulleres que tiveron un papel salientable no mundo.
ciencia ao longo da historia: Marie Curie, Rosalind Franklin e Henrielte Leavitt.
NeuroCea Queres saber como funciona o teu cerebro?
MaxiaCea A Ciencia pode ser algo máxico.

Ven29N
MaxiaCea A Ciencia pode ser algo máxico.

Intervención de Ramón Caride no Serán do Cole de Cea

SERÁN DO COLE DE CEA 25 Maio 2018

Intervención de Ramón Caride Ogando

Boa tarde, antes de nada, moitas grazas por permitirme participar nestes actos, a pesar de que eu nin canto nin toco instrumento ningún tan ben coma calquera dos outros e das outras participantes

É para min un privilexio estar aquí. Aínda que, como saberedes, eu non fun alumno deste cole. Eu fun dos últimos rapaces deste concello en estudar, até os dez anos, nunha escola unitaria, en concreto na da parroquia de Pereda, terra da miña familia materna. A miña primeira mestra, e seguramente a máis decisiva na miña vida, foi María Esther Cortés, a quen sempre lle estarei agradecido.

E non menos agradecemento lle debo agora ao claustro de profesores deste Colexio Virxe da Saleta, por ter iniciado as celebracións destes 50 anos, no pasado mes de Xaneiro, dándolle o meu nome á súa fermosa biblioteca. Eu nunca imaxinara semellante cousa, e aínda menos en Cea, onde case perdera as esperanzas. Até tal punto é verdade isto, que cando no xa algo lonxano ano 1992, como algúns dos que estades aquí lembraredes, acadei o premio Blanco-Amor de novela, o diario La Región publicou unha noticia co seguinte titular: "EL Concello de Cea felicitará a Ramón Caride Ogando por la concesión del Premio Blanco Amor", e como a tal felicitación aínda non me chegou a día de hoxe, nin sequera se me ocurríu protestar polo retraso. E non se pode dicir que semellante adiamento se deba ás mudanzas no grupo de governo municipal, porque tampouco as mudanzas foron tantas.

Pero non desesperemos...

En calquera caso, que lle adiquen a un unha biblioteca é unha alegría, pero tamén unha responsabilidade agradable, e un estímulo impagable. Escribir é un traballo solitario, e ás veces ingrato. O resultado adoita ser incerto, e as dúbidas nunca rematan. Escribir é dalgún xeito como falar, pero ás veces non sabes se falas con alguén, se falas diante dun espello ou se só estás a falar diante dunha parede que che devolve o eco das túas palabras. Gastas horas e gastas enerxía, e non sempre o resultado é o esperado. Logo de tanto traballo e de tantas voltas, a maioría dos escritores ou escritoras dependen do azar ou dos caprichos dun editor, non sempre xustificados, por canto a oferta de manuscritos en calquera sistema literario supera con moito á demanda de libros polo mercado.

Supoño que un dos meus méritos, en todo caso, é ser nativo de Cea, aínda que ninguén escolle onde quere nacer porque isto nunca se dá a escoller; é unha cuestión puramente aleatoria. Aínda así, nacín, ou nacéronme, en Cea e son escritor. Non hai tantos escritores en Cea coma panadeiras, pero hai artistas e escritores abondo para nomear calquera biblioteca, que tampouco hai tantas coma fornos; así que dar o propio nome á deste Cole e ser obxecto de semellante homenaxe e de tanto agarimo e esforzo como puxestes nestes actos, sempre será un mérito inmerecido, mália os moitos anos que levamos zugando na memoria e nas verbas aprendidas en Cea, nos medos e nos anseios da primeira infancia, revividos unha vez e outra, mesmo sen un mesmo decatarse, nunha morea de libros e de soños.

Pero en realidade teño para min que quen recibe unha homenaxe non pasa de ser un punto de referencia, un pretexto necesario para que moita xente con ganas de traballar e de facer cousas positivas, se xunte e traballe en común. Neste caso a responsabilidade do homenaxeado e dobremente gozosa, e a débeda cos colegas ensinantes deste centro, aínda máis impagable. O cole de Cea, coma outros da contorna polos que andiven estes meses, é unha referencia de amor á tradición, respecto á lingua, actualización tecnolóxica e de métodos, entusiasmo e capacidade de experimentar, cousas das que tan necesitados andamos os galegos e as galegas, e que por sorte, non faltan no ensino público, tan maltratado en moitas ocasións polos que nos governan, ou ás veces nos desgovernan.

Remato pois, dando as grazas de corazón. Aínda que sexa cuns meses de retraso, o certo é que tardei menos, así e todo, do que tardou o Concello. Xa son parte deste Centro que sempre será o meu, e considérome moi afortunado de podelo proclamar. Xa sabedes onde me tedes, para o que precisedes, compañeiras e compñeiros. QUE SIGA A FESTA!

Distribuir contido


by Dr. Radut