Skip to Content

Novas

Queremos ser o teu Cole!

COMO SOMOS

Somos o Cole de Cea un centro educativo innovador e aberto que aposta por un modelo de ensino que integra coñecementos, valores e destrezas en todos os ámbitos da vida persoal e social.

Nun entorno natural e con grupos reducidos que favorecen unha atención máis personalizada, especialmente das NEAE (Necesidades Específicas de Atención Educativa), e inclusiva cara un proceso de formación de persoas críticas, cooperativas, creativas e capaces de adaptarse a situacións novas.

No Cole de Cea levamos adiante unha práctica educativa que fomenta valores e actitudes que enriquecen as nosas relacións persoais tanto dentro da escolar como coa contorna.

AS NOSAS PRIORIDADES

A comunicación. Potenciar o desenvolvemento de todas as linguaxes: oral, escrita, musical, plástica, corporal e audiovisual.

A diversidade. De xeito directamente relacionado cos dereitos humanos: a coeducación, a educación para a paz e a interculturalidade.

A educación ambiental. Potenciar actitudes de respecto, reflexión e análise cara ao medio ambiente e de implicación no seu coidado e mellora.

A NOSA OFERTA EDUCATIVA

Somos un Centro Público Integrado: Infantil, Primaria e Secundaria. 

Contamos con amplas instalacións recentemente reformadas.

Ofrecemos servizo transporte escolar, comedor de xestión propia e acollida temperá con almorzos no cole. Contamos con aula de música, 2 aulas de informática, aula de inglés, laboratorio de ciencias, aula de plástica, aulas específicas de PT e AL e Departamento de Orientación, aula de tecnoloxía, ximnasio, pavillón e patio de infantil pechado con mobiliario específico e areeiro para os máis pequenos, ademais de 3 grandes zonas de patios. 

O QUE FACEMOS

Somos un cole lector grazas á nosa Biblioteca Ramón Caride, facemos e escoitamos radio con Radio Roxar, estamos orgullosos da nosa revista O Picurí, melloramos as nosas destrezas narrativas con Conto Contigo, somos unha fábrica de contos con Applícate o conto, impulsamos a nosa convivencia con Boas maneiras, facemos os deberes co medio con Reciclemos o noso futuro, tomamos consciencia da contorna con O Noso, abrazamos carballos nos nosos Baños de Bosque, somos unha escola titiriteira co proxecto Nas Nosas Mans, cultivamos alimentos e paciencia na nosa Horta Escolar, participamos en Olimpíadas Académicas de Historia ou Xeoloxía e en Rallyes Matemáticos, cantamos en Ourencanto e bailamos e trouleamos no Serán do Cole de Cea. No Samaín creamos Debuxos, Contos e Banda Deseñada; desenvolvemos as nosas capacidades STEM na Hora do Scratch. Neste curso 2020-2021 está en marcha o proxecto Coido de min – Coido de Tipara fomentar o coidado mútuo en tempos de pandemia. Somos moi de festivais, tanto no inverno como no entroido, e facemos deles unha nova oportunidade de aprendizaxe complementaria. E somos unha auténtica factoría cultural coas nosas producións audiovisuais e musicais.

E ademais de todo isto o alumnado do noso centro acada unha excelente preparación e grande porcentaxe de éxito en etapas posteriores: Bacharelato, ciclos de Grao Medio e Superior.

 

BOS USOS NA REDE

   

 Os recentes acontecementos, a situación de confinamento, as aulas virtuais e as restriccións derivadas da pandemia obrigaron a moitos sectores da sociedade, entre eles ás comunidades educativas, a facer unha inmersión no uso de recursos dixitais e plataformas virtuais, en moitos casos de forma brusca, autodidacta, sen asesoramento nen axuda suficiente.

    Por outra parte, as restriccións en canto a mobilidade e relacións persoais que vimos sufrindo ampliaron indiscutiblemente a presenza dos medios audiovisuais e redes sociais nas nosas vidas.

    No Cole de Cea vimos observando as consecuencias de todo isto nos nosos hábitos, e especialmente nos do noso alumnado: moitas horas de pantalla sen supervisión, acceso a plataformas e contidos (xogos, videos…) non sempre axeitados ou incluso non legais atendendo a idade do usuario, dependencia tecnolóxica, falta de interese por outras actividades… De feito, observamos unha baixada no rendemento académico e motivación, que pode estar directamente relacionada con esta realidade.

    Como parte responsable desta situación, e preocupados polo alumnado e familias, iniciamos un programa de concienciación e información ao respecto. Coa colaboración da Garda Civil e Policía Nacional, dentro do seu programa "Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus Entornos", levaranse a cabo charlas informativas co alumnado a partir de 5º de primaria, os días 7 e 19 de Maio.

    Tratase dunha primeira actividade, coa intención de darlle continuidade, achegando tamén información e recursos ás familias e ao profesorado. Cremos que este é un tema moi importante, un verdadeiro reto que nos esixe a toda a comunidade estar alerta e aprender, para poder acompañar e protexer ao noso alumnado e fillos.

Calendario:
Venres 7 de maio: 5º EP, 6º EP e 1º ESO
Mércores 19 de maio: 2º ESO, 3º ESO e 4º ESO

Información á comunidade educativa sobre positivos COVID no noso centro.

Recentemente vimos de coñecer a existencia de 4 casos de positivos COVID no noso centro.

Non podemos confirmar que se traten de casos de contaxio dentro do centro educativo, pero pese a iso estase a actuar seguindo o protocolo establecido polas autoridades sanitarias e educativas ao principio de curso.

Asimesmo, e seguindo a instrucións recibidas por ditas autoridades, estase illando a aqueles membros da comunidade educativa, alumnado e profesorado, que puideron ter contacto con algunha das persoas contaxiadas.

Pregamos que continuemos a extremar as medidas de coidado e precaución como as viñamos cumprindo ata o momento e facemos un chamamento á prudencia e á normalidade para garantir o bo funcionamento do centro.

Ante calquera dúbida podedes escribir a equipocovidcea@gmail.com ou chamar ao teléfono do centro.

Grazas, grazas, grazas

Dende o equipo directivo do CPI Virxe da Saleta informamos que o venres 3 de abril remata o trimestre e comezan as vacacións de Semana Santa, como se contempla no actual calendario escolar. A actividade non se retomará  ata o martes día 14 de abril. Aínda non se dispón de información relativa á organización da actividade lectiva durante o terceiro trimestre.

Dadas as circunstancias excepcionais que estamos a vivir a entrega de cualificacións correspondentes a este segundo trimestre non se realizará do modo habitual senón que serán trasladadas ás familias a través do servizo ABALAR Móbil. Aquelas familias que non dispoñan deste servizo, poden solicitar o envío das cualificacións a través de correo postal ou e-mail, chamando ao centro ou na dirección de correo electrónico  cpi.saleta.sacristovo@edu.xunta.es.

Queremos aproveitar para salientar o esforzo, preocupación e compromiso que está a amosar o alumnado, as familias e o equipo docente nesta situación tan complicada. 

Especialmente queremos enviar unha aperta agarimosa a todas as alumnas e alumnos. Botámosvos moitísimo de menos e estamos desexando poder atoparnos de novo no noso Cole de Cea.

Información importante a familias

IMPORTANTE
A TODAS AS FAMILIAS DO ALUMNADO DO CPI VIRXE DA SALETA
A dirección do Centro, atendendo as directrices recibidas por parte da Inspección Educativa da Consellería de Educación, informa de que mañá venres a asistencia a clases por parte do alumnado será voluntaria.
Por este motivo no Centro supéndense dende mañá exames, e clases dos programas Refórza-T e PRELIN.
Asimesmo comunicamos que dende o luns os centros educativos estarán pechados para o alumnado ata novo aviso.
Pregamos que estean atentos á pax web, facebook ou prensa.
O Equipo Directivo

XOGADE_ BALONMAN

Está mañá o alumnado de 5º e 6º de Primaria participaron nunha nova edición de XOGADE, esta vez, na edición de balonmán.

Tivemos moitos momentos de tensión, deportivaaaa, e outros de ledicia. O importante sempre é participar, ademáis, nesta ocasión acadamos o segundo posto. Noraboa rapaces e rapazas!!

Aquí tedes unha pequena reportaxe: ttps://photos.app.goo.gl/F2HjaGru8jjhBlS32

 

 

MENÚ DO MES DE ABRIL

DIA DA MULLER NA AULA DE TRES ANOS

O alumnado de tres anos estivo recopilando fotografías das mulleres mais importantes na súa vida. Elaboraron un mural de agradecemento. Os nenos e nenas de Sexto de Primaria tiveron a honra de asistir a unha sesión expositora destes traballos. Moitas grazas a todos e todas.

XOGADE_ BADMINTON

Esta mañá o alumnado de 6º de Primaria participou nunha nova edición de XOGADE, esta vez na modalidade de Badminton. Ademais de practicar un deporte pouco usual entre os alumnos e alumnas, ademais de participar nun almorzo saudable na cantina do IES Nº 1 do Carballiño. Noraboa a organización!!

Deixámosvos unha pequena mostra fotográfica do que deu de sí esta xornada.

 

https://photos.app.goo.gl/sJFbJTlBsQkfi0R52

 

 

 

 

MENÚ DO MES DE MARZO

 
Distribuir contido


by Dr. Radut