Club de Lectura

REGUEIFAS E BUSCA DO TESOURO EN COMPOSTELA

O club de lectura visitou Santiago para participar da Regueifesta, pola mañá, e para pescudar pistas no Museo do Pobo Galego, pola tarde.

Salvo por todo o que choveu, tivemos un día xenial!

https://goo.gl/photos/zdqVF4DBkBYuuR666

LENDO SOBRE UNHA CLASE DISTINTA Á NOSA... OU NON.

O grupo de 3º e 4º lerá este trimestre, o libro "A clase", que trata sobre o que ocurre nunha clase nun instituto dun barrio de París. Terán os mesmos conflitos que nunha das nosas aulas? De momento, falamos sobre os temas que trataría o libro e barallamos os termos como interculturalidade, conflito, educación ou adolescencia.

 

 

ENCONTRO CON MANUEL IGLESIAS TURNES

 

 

 

 

Os dereitos dos rapaces e rapazas en " O neno can"

O grupo de 1º e 2º  do club de lectura falamos da falta de dereitos nos rapaces protagonistas de "O neno can", da importancia dos cans na vida das persoas e mesmo das citas que se atopaban ó final de cada historia.

Preme na imaxe para ver todas as fotos:

 

DEMOSTRA O QUE SABES!

Os chic@s do club de 3º e 4º, tiveron a súa primeira reunión.

Nun dos xogos que fixemos, competiron para ver quen era o quen sabía máis sobre o mundo dos libros. 

Atréveste a probar? Preme na imaxe para acceder ao xogo.

EN MARCHA DE NOVO!

Este ano coordinaremos o club dúas persoas novas, Matías e Marta, que trataremos de continuar co proxecto que nos deixou a anterior coordinadora (Grazas polo camiño percorrido Paquita!).

Comezamos o día 21 de outubro co grupo de 1º e 2º e o día 28, co de 3º e 4º.

¡Agardámosvos!

 

Na casa de Rosalía

Visitando A Matanza, casa de Rosalía de Castro e o Castro de Baroña na excursión de fin de curso do Clube de Lectura do Cole de Cea.

Visita aquí a galería.

O Club de Lectura recomenda...

Chega o verán e con el as vacacións, o río, a piscina, a praia, andar na bici, sentar baixo unha árbore ler un bo libro, voar coa imaxinación... E fiel á súa cita o noso Club de Lectura achéganos unhas recomendacións para aquelas que queirades coñecer as últimas novidades editoriais adaptadas a cada nivel de lectura.

PARA OS MÁIS PEQUENOS E PEQUENAS DA CASA: Yolanda Castaño, Cando eu saiba ler: Para descubrir as cousas que se poden facer cando aprendemos a ler. "Cando eu saiba ler, moitos libros hei de ter, e as palabras a voar, polos aires vou botar". Así comeza un libro máxico sobre a aventura de aprender as letras. Fina Casalderrey, Papá é meu: Adela e Paulo son dous irmáns que non se poñen de acordo en nada. Están todo o día rifando para conseguir a atención de seu pai… Eva Mejuto, A casa da mosca chosca: Na casa da mosca hai unha torta de amoras, sete pratos, sete banquetas, sete animais a punto de merendar. Xa non cabe ninguén máis. Pero… Oli. Artur: Dentro da casca, Artur estaba seguro, pero moi incómodo. O seu cuarto quedáralle pequeno. Entón descubriu que aquel ovo era unha parte moi mínima dun mundo enorme e descoñecido.

PARA LECTORES AUTÓNOMOS Tomi Ungerer (Autor e ilustrador),Ningún bico para mamá: Toni odia que lle dean bicos e que o esperten cun bico cando está en pleno soño. A Toni Pouta non lle gustan os bicos , mais mamá Pouta non o entende moi ben. Agustín Fernández Paz (Autor) e Enjamio (Ilustrador), Un tren cargado de misterios: Dende a fiestra do seu cuarto, Ana ve pasar o tren todos os días. Un tren que nunca para, porque onde a nena vive non hai estación. Un día o ferrocarril detense ao pé da casa e Ana recibe a invitación do revisor de subir a el.
A verdadeira historia da Carapuchiña. Editorial Kalandraka: Conto popular. A versión máis esperada de Carapuchiña, rescatada do folclore francés, mantén toda a frescura, sabedoría e oralidade dos contos da avoa. Helena Villar Janeiro, As señoras cousas: Arredor de tí hai moitas cousas: libros, xoguetes, animais, a chuvia, a cama, as zapatillas, o trono, o sol, o día, a noite, a primavera, a neve, o vento, o frío, o mar, as nubes... Todas as cousas que ves poden falar contigo e ti con elas.

PARA LECTORES/AS BEN ADESTRADOS/AS E EXPERIMENTADOS/AS X.H. Rivadulla Corcón, Amar unha serea: Barucho ten un ano máxico. Coñece o amor. "Sabedes o que é o amor? Eu seino ben. Non volo podo explicar, o amor séntese pero non hai unha maneira de definilo, aínda que sentír séntese con moita intensidade, podo aseguralo, sei o que digo.” Yves Pinguilly, Soños de fútbol en Bangui: Zangba ten 15 anos. Vive en Bangui, na República Centroafricana. Xa hai tempo que deixou a escola, e aínda máis que é orfo. Para el, o seu único osíxeno é o fútbol. Mesmo sen calzado, mesmo co estómago baleiro, no terreo de xogo, vibra. Fina Casalderrey, O misterio do faro vello: Lorena e os seus amigos queren descubrir a orixe das misteriosas bólas de luz que flotan sobre o Faro Vello de cando en vez, sen que ningunha persoa maior semelle reparar nelas. O que non imaxinan é que hai un rapaz na vila disposto a evitar que desvelen o enigma, aínda que teña que empregar os medios máis perversos para conseguilo. Mar Guerra, Xenaro e a hucha do indiano: A Xenaro Conese Maiúsculo complícanselle moito as cousas esta volta. Ademais de ter que se enfrontar cos irmáns Lourido, uns mangallóns disque malos malísimos, ten que aturar unha nena nova na súa clase, Sefi a madrileña. Por riba, o seu amigo da alma, Flipe Efes, compórtase dun xeito moi estraño, coma se agachase algún segredo.

PARA LER E CANTAR
Uxía, Xiqui xoque, fiú fiú! ( libro +CD + DVD) Apetéceche cantar e Bailar? Pois o tren da música e da poesía está a piques de saír!!!
Xiqui xoque, fiú fiú! é como fai a locomotora máis famosa do mundo, a máis marchosa, a máis chea de vida e alegría que nunca se viu: a locomotora de María Fumaça.  Uxía, Rosalía pequeniña ( libro + CD) Rosalía pequeniña, pirata, poeta, aventureria ou fada. Rosalía pequeniña para cantar, para rir, para gozar ou bailar. Xoán Curiel e Charo Pita, Estamos no verán!!! A historia dun grupo de amigos xusto cando o verán comeza. O seu máis grande soño: ter un grupo de música. Contado en forma de diario e espectacularmente ilustrado por Iván R.  Xoán Curiel e os seus músicos puxeron unha marabillosa e diversa banda sonora a ritmo de rock, blues, funky ou bossa nova, entre outros.

PARA RAPAZAS E RAPACES CON GANAS DE AVENTURAS
1º e 2º de ESO Francisco Castro, Chamádeme Simbad O avó fai cousas raras. Esquécese de todo. Cámbialle o nome a todo o mundo. Incluso ao seu neto. Chámase Paulo, pero que para o avó é Simbad o Mariñeiro. Paulo, ou Simbad o Mariñeiro, tanto ten, loitará contra a enfermidade do avó, contra dos adultos e, sobre todo, contra do egoísmo. Antón Riveiro Coello, A voz do lago En setembro de 1927 María Mariño e os seus deixan Noia para ir a vivir a Escarabote, preto do pazo de Goiáns, onde traballa de cociñeira unha parenta súa, herdeira da fortaleza cercana ao Lago do Mar. Irene, unha nena de dez anos, coñece a María, as dúas fan boas migas e chegarán a compartir segredos e a descubrir o misterio do lago. Xabier P. DoCampo, A illa de todas as illas A illa de todas as illas narra a aventura de tres rapaces, nunha illa deserta que non ten nome, pero a que todos chaman Navalleira. Puxéranlle ese nome os mariñeiros, porque nela había moitas navallas; pero agora, segundo lles conta o patrón do barco que os leva alí, só quedan brétemas mestas e espíritos. Marcos Calveiro, Todos somos Dende a desaparición de Natalia os pais de Antón xa non lle deixaban baixar o lixo á noitiña. Parecía incríbel que a súa vida, a vida de todos eles, dese un xiro tan brusco e dramático en tan pouco tempo.

3º e 4º de ESO Rosa Aneiros, Ámote Leo A. (Premio Irmandade do Libro ao Mellor libro Infantil e Xuvenil do ano 2014) «Mamá, volvo á casa. Xa.» Así lle escribe Leo á súa nai unha noite de primavera, catro meses despois do inicio da súa fascinante viaxe polo mundo. A moza non ten gana de máis. Pero non se trata dunha rendición. Centos de imaxes golpean a súa cabeza: O roubo e as cascudas de Barcelona. A saia de tule de Praga. O piso do Trastévere. O Gran Canal de Venecia. O incendio da Alhambra nos ollos. O cheiro das xardas asadas de Eminonu. A mirada triste de Zerdali na Capadocia… Agustín Fernández Paz, Cartas de inverno (Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado 2012 ) Versión en banda deseñada de Cartas de inverno, a extraordinaria novela de terror de Agustín Fernández Paz. Á volta da súa viaxe, o escritor Xabier Louzao atópase coas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira durante a súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Mais alí, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que talvez as persoas nin tan sequera somos capaces de imaxinar. Fran Alonso, Silencio Un xornalista galego ten que emigrar a Madrid na procura de traballo. Nesa cidade aluga un piso vello e enigmático e, sen querelo, vese envolto nunha situación kafkiana. Da vivenda do lado proceden os estraños ruídos do silencio. A través dunha atmosfera intrigante, Silencio configúrase como unha novela de suspense que non deixa lugar para o respiro. Ruta Sepetys, El color de los sueños Nova Orleans 1940. Ao Barrio Francés chegan Josie e mais a súa nai na busca dunha oportunidade. A protagonista é unha adolescente decidida, independente e loitadora e cuxos anceios de superación e o amor polos libros farán que consiga os seus soños. Francisco Castro, O corazón da Branca de Neve (Premio de Novela de Entregas 2013 de La Voz de Galicia) Esta é unha novela policial e de suspense que xira arredor das pescudas do inspector Hermida para atopar unha bebé roubada a unha rapaza inmigrante. Mais é tamén unha novela arredor das bandas criminais que fan negocio cos seres humanos. Polo medio, intriga e tensión narrativa para unha historia que pode estar acontecendo agora mesmo en calquera das nosas cidades.

SAÍDA CULTURAL A SANTIAGO DE COMPOSTELA

CLUB DE LECTURA: SAÍDA CULTURAL A SANTIAGO DE COMPOSTELA

O 21 de marzo as alumnas e alumnos integrantes do club de lectura acompañados da coordinadora realizamos unha viaxe cultural a Santiago de Compostela.

Pola mañá percorremos acompañados dun guía o MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galicia), visita moi instrutiva que nos permitiu ver a evolución do mundo do ensino no último século. Contemplamos as reproducións exactas de diferentes aulas: a da Restauración, da República, do Franquismo, a escola de indianos e mesmo unha escola doferrado. Sentamos nos pupitres que ben puidesen ser dos nosos avós, escribimos nunhapizarraindividual e comprobamos como eran os libros, cadernos, tinteiros e plumas que antano se utilizaban.

Despois do xantar fomos ao Museo do Pobo Galego onde tiñamos concertada unha visita guiada ás salas de exposición permanente relacionadas coa música. Puidemos coñecer como a música nos acompaña sempre: nas diferentes etapas da vida humana, desde o berce ata a morte; nos traballos e no lecer; nas ledicias e nos pesares. Comprobamos como a creatividade humana foi capaz de producir música con instrumentos moi sinxelos e humildes e como os foi perfeccionando ata elaborar os máis sofisticados.

Visitamos tamén o Panteón de Galegos Ilustres , a Catedral, e paseamos pola alameda e as rúas de Santiago. Hai que dicir que o tempo foi bo e non choveu, algo insólito nun lugar como Santiago.

https://plus.google.com/photos/109992637361574276605/albums/586332172225...

Distribuir contido