Skip to Content

contador gratis para blog

Escolares, Complementarias, 1º Curso, 2º Curso, 3º Curso, 4º Curso, 5º Curso, 6º Curso, Ed. física, Idioma extranxeiro

Cole de Cea - Jerusalema [Dance Challenge]

Entroidar entroidamos a golpe de danza no ximnasio coa profe Patricia e o seu Jerusalema [Dance challenge]

Saúdo do novo equipo directivo


Prezado alumnado, familias, profesorado e persoal do
Cole de Cea:
 
Este curso 2021-22 comeza cun novo equipo directivo que amosa o seu desexo e entusiasmo por estar á altura das circunstancias e seguir adiante co labor desenvolvido polo anterior equipo.
 
Sabemos que hai moitos retos por superar pero, apoiados pola comunidade educativa, seguiremos convivindo coa realidade que nos fai vivir a pandemia e proxectar unha ESCOLA DIFERENTE da que estabamos afeitos. Non obstante, aprendemos do ano pasado que a nosa misión é navegar por estas novas circunstancias transformando as dificultades en posibilidades e dar a luz novas rutinas que melloren o noso pequeno mundo.
 
O novo equipo directivo está formado por Carolina, como directora, Andrea como secretaria, Pablo como xefe de estudos de Primaria e Javier como xefe de estudos de Secundaria.
 
Un exemplo deste navegación foron as quendas de recreo e comedor escalonadas que seguiremos mantendo este curso. Outro exemplo foron os grupos de convivencia estables que conseguiron que entre alumnado e profesorado haxa unha relación máis estreita, case familiar. Este curso voltaremos a seguir coidándonos e para iso, entre outras cousas, manteremos os patios zonificados por cursos.
 
Seguiremos apoiando unha escola cada vez máis comprometida co respecto ao medio ambiente, á diversidade e que aposta polo desenvolvemento das nosas habilidades comunicativas e científicas. Así mesmo o noso proxecto educativo está asentado na idea de pór en valor O NOSO patrimonio social, cultural e humano.
Ademais, como xa sabedes, seguimos a ser un centro no que a inclusión é a nosa bandeira e seguirá sendo grazas ao traballo desenvolvido polo Departamento de Orientación e a Comisión de Convivencia e do que poderás coñecer máis detalles neste curso.
En breve enviaremos información sobre como está previsto este novo curso (entradas, saídas, horarios...), que será bastante similar ao curso pasado porque continuaremos co horario de entrada ás 9:30 e saída ás 16:40 luns e martes; e 15:50 mércores, xoves e venres.
 
Aquí comeza o #curso2122!
Unha aperta
O equipo directivo
CPI Virxe da Saleta

BOS USOS NA REDE

   

 Os recentes acontecementos, a situación de confinamento, as aulas virtuais e as restriccións derivadas da pandemia obrigaron a moitos sectores da sociedade, entre eles ás comunidades educativas, a facer unha inmersión no uso de recursos dixitais e plataformas virtuais, en moitos casos de forma brusca, autodidacta, sen asesoramento nen axuda suficiente.

    Por outra parte, as restriccións en canto a mobilidade e relacións persoais que vimos sufrindo ampliaron indiscutiblemente a presenza dos medios audiovisuais e redes sociais nas nosas vidas.

    No Cole de Cea vimos observando as consecuencias de todo isto nos nosos hábitos, e especialmente nos do noso alumnado: moitas horas de pantalla sen supervisión, acceso a plataformas e contidos (xogos, videos…) non sempre axeitados ou incluso non legais atendendo a idade do usuario, dependencia tecnolóxica, falta de interese por outras actividades… De feito, observamos unha baixada no rendemento académico e motivación, que pode estar directamente relacionada con esta realidade.

    Como parte responsable desta situación, e preocupados polo alumnado e familias, iniciamos un programa de concienciación e información ao respecto. Coa colaboración da Garda Civil e Policía Nacional, dentro do seu programa "Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus Entornos", levaranse a cabo charlas informativas co alumnado a partir de 5º de primaria, os días 7 e 19 de Maio.

    Tratase dunha primeira actividade, coa intención de darlle continuidade, achegando tamén información e recursos ás familias e ao profesorado. Cremos que este é un tema moi importante, un verdadeiro reto que nos esixe a toda a comunidade estar alerta e aprender, para poder acompañar e protexer ao noso alumnado e fillos.

Calendario:
Venres 7 de maio: 5º EP, 6º EP e 1º ESO
Mércores 19 de maio: 2º ESO, 3º ESO e 4º ESO

Conto contigo desde a casa


#ContoContigo desde a casa

Debido á situación de pandemia que asolaga ao planeta e que nos impide acudir ao noso benquerido Cole de Cea a aprender un feixe de cousas e gozar cos nosos compañeiros e compañeiras, cavilamos desde o Equipo de Tics, o Equipo de Biblioteca Biblioteca Ramón Caride e o Equipo de Dinamización Lingüística que os membros da comunidade escolar poderiamos achegar contos, poemas, historias, textos divulgativos, etc.

Farémolo así:

1 Preferentemente en galego e poderanse empregar todos os recursos que se queiran para adobiar a gravación (vestimenta, efectos, música etc.)

2 Grava un vídeo no que saias ti ou a túa voz contando un conto, un poema, compartindo un texto divulgativo etc. (duración máxima 5 mins.)

3 Envíao a través da plataforma We transfer ao enderezo electrónico: ticscea@gmail.com

4 Compartirémolo nos perfís do cole para que chegue a moitos recunchos do planeta.

Así pois animádevos a enviar os vosos videos para poder compartilos e facer que aínda que sexa virtualmente, nos sintamos máis preto.

Moito ánimo #contocontigo.

Queremos ser o teu cole

 

Queremos ser o teu cole!

O Cole de Cea está listo para recibir novo alumnado e novas familias.

Solicita a túa praza entre o 1 e 20 de marzo a través da sede electrónica da Xunta ou na secretaría do centro.
O martes 3 de marzo de 15h a 17h recibímoste coas portas abertas e contámosche todo o que agarda por ti se queres formar da nosa Comunidade Educativa. E estes son os nosos motivos.

Instalacións

- Aulas amplas e todas dotadas de ordenador e encerado dixital interactivo.

- Dúas aulas de Informática, unha aula de inglés, dúas aulas de Pedagoxía Terapéutica e unha aula de Audición e Linguaxe.

- Departamento de Orientación para Ed. Infantil, Ed. Primaria e ESO.

- Laboratorio de ciencias.

- Taller de Tecnoloxía e Aula de Plástica.

- Ximnasio e Polideportivo.

- Espazo de convivencia.

- Amplas zonas deportivas e de lecer.

- Patio de Ed. Infantil pechado e con mobiliario axeitado e areeiro.

- Biblioteca escolar Ramón Caride con programación propia e organización de diferentes actividades.

- Recuncho lector.

- Horto escolar.

Niveis e horarios

Niveis educativos: Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria.

Horario do centro: 

Luns e martes de 9:30 a 16:40 h.

Mércores, xoves e venres de 9:30 a 15:50 h.

Servizos

- Comedor con cociña de xestión directa.

- Almorzos no cole: almorzo e custodia dende as 7:15 h.

- Actividades extraescolares ofertadas e xestionadas pola AF.

- Programa Reforza-T de 3º EP a 2º ESO ao finalizar a xornada escolar.

- Programa PRELIN, para 3º e 4º de ESO ao finalizar a xornada escolar.

- Saídas pedagóxicas e culturais (teatro, cine, exposicións, visitas…) en todos os niveis, programadas por trimestres.

- Organización de charlas temáticas para toda a comunidade educativa. 

- Celebracións abertas a toda a comunidade educativa (O Noso Nadal, Entroido, O Serán do Cole de Cea…)

 Proxectos de Centro

- Cole polo clima – Reciclamos o Noso Futuro.

- Proxecto ContoContigo.

- Plan Proxecta.

- Escola Titiriteira – Nas nosas mans, monicreques na aula.

- Radio escolar: Radio Roxar.

- Taller de canto coral e participación do alumnado en eventos como Ourencanto.

- Animación á lectura: Hora de Ler (Infantil e Primaria) e Club de Lectura (ESO).

Obxectivos permanentes de centro:

- Obxectivo FALAMOS BEN

- Obxectivo BOAS MANEIRAS

- Obxectivo EMOCEANTE

 E ademais:

- Moi bo ambiente de estudo e convivencia.

- Grupos reducidos.

- Excelente preparación e gran porcentaxe de éxito en etapas posteriores (Bacharelato, ciclos de Grao Medio e Superior).

- Ferramentas STEM: Robótica, Impresión 3D e Programación.

- Fomento do uso das TICs.

- Produccións audiovisuais (Un día, 50 anos, O Cole que mola, A lingua sabe a pan, Os xeranios do Sr. Alfonso, Cóntame e cántame avoa, Unha cuestión de educación…)

- Fomento de hábitos saudables e deportivos. Participación en competicións deportivas (Xogade)

- Participación destacada en certames nacionais e internacionais:

- Finalistas Rally Matemático Toulousse 2019.

- Finalistas Olimpiada de Historia.

- Diversos Premios en festivais de creación audiovisual nacionais e internacionais (Os Xeranios do Sr. Alfonso).

- Fomento das comptetencias e autonomía do alumnado, que participa activamente na organización do centro, asumindo responsabilidades e xestionando actividades.

 + Información

 

Un mundo en paz

Só temos un planeta.
E queremos vivilo en paz.
Feliz Día Escolar pola NonViolencia e a Paz.

Concurso de Árbores de Nadal


O Equipo de Actividades Extraescolares do Cole de Cea, organiza un Concurso de Árbores de Nadal.

Para participar só tedes que deseñar e crear unha Árbore de Nadal, elaborada con materiais procedentes da reciclaxe, a reutilización ou a natureza.

O concurso ten como obxectivo promover a participación de grandes e pequenos en familia, nunha actividade creativa que «fomenta actitudes de consumo responsable, reutilización e coidado do medioambiente».

BASES do Concurso:

Cada familia poderá presentar unha árbore, elaborada con materiais reciclados ou naturais. Se son varios irmáns poderán presentar, se o desexan, un único traballo.

As árbores que se presenten deberán ser de creación propia, podendo empregar calquera material para a elaboración das mesmas.

As árbores non poderán medir máis de 1 metro de altura e deberán ter unha base que permita manterse en pé por si soa.

Non entrarán no concurso árbores mercadas ou adornadas con obxectos mercados.

Cada árbore traerá o nome do participante oculto na base do traballo.

Todas as árbores serán expostas no cole e as familias poderán disfrutar da exposición o día do Festival de Nadal.

A data límite de entrega será o día 14 de decembro.

Os premios ás árbores gañadoras entregaranse no Festival de Nadal.

As tres árbores máis votadas obterán premio.

A árbore premiada co 1º premio, será exposta no escenario do Festival de Nadal.

Por un #nadalconcabeciña

Animádevos a participar!!!!

 

Semana da Ciencia en Galego na Biblioteca


Para conmemorar o mes da Ciencia en Galego na Biblioteca Escolar, celebraremos ao longo da derradeira semana do mes, unha serie de actividades dirixidas polos departamentos de Ciencia e Matemáticas do noso CPI.

Mart26N
Experimenta-Cea O alumnado da ESO guía ao de primaria na realización dos seus primeiros experimentos científicos.

Merc27N
Bio_Elas Dramatización da biografía de mulleres que tiveron un papel salientable no mundo.
ciencia ao longo da historia: Marie Curie, Rosalind Franklin e Henrielte Leavitt.
NeuroCea Queres saber como funciona o teu cerebro?
MaxiaCea A Ciencia pode ser algo máxico.

Ven29N
MaxiaCea A Ciencia pode ser algo máxico.

Escola Titiriteira

PROXECTO “ESCOLA TITIRITEIRA”. COLE DE CEA.

Os ultimos anos o Cole de Cea ten realizado numerosas actividades vinculadas á figura dos títeres, todos eles englobados no proxecto de centro “Escola Titiriteira”, tales como o deseño e fabricación de títeres, a construcción do escenario, ou a creación e representación de diferentes obras, a ultima delas no entroido do curso pasado.

 Seguindo nesta liña de traballo, este curso 2019-2020 o Cole de Cea vai colaborar coa asociación “Morreu o Demo”, que traballa dende o ano 2012 pola Recuperación do Títere Tradicional Galego, para dar a coñecer este patrimonio cultural.

A asociación naceu co obxectivo de investigar e afondar na recuperación do patrimonio dos títeres tradicionais en Galicia, divulgar este legado e reactivar o personaxe de Barriga Verde entre as novas xeracións.

Co seu proxecto Barriga Verde, da Barraca á aula, pretende falicitar a integración do mundo titiriteiro nas aulas.

O Cole de Cea embarcarase neste proxecto, no que se propoñen varias actividades, como o encontro co profesorado (xa previsto para o vindeiro 21 de novembro) coa visita de membros da compañía de títeres títeres VIRAVOLTA, seguida da asistencia ao documental “Morreu o Demo, acabouse a peseta” sobre a historia de Barriga Verde e as súas conexións cos títeres europeos.

A intención é continuar coa realización de obradoiros de guión, obradoiros de construcción e manexo de títeres, obradoiros de monicreques en igualdade, ademáis da dotación de lotes de material documental ao centro, e a instalación da  exposición Onde foi Barriga Verde? no Cole.

 

Para dar inicio a esta colaboración, e facer un primeiro achegamento ao mundo do títere, a asociación convidounos a visitar o festival de títeres tradicionais TITIRIBERIA, que terá lugar en Teo (A Coruña) entre o 9 e o 12 de novembro. Poderemos coñecer a membros da asociación “Moreu o Demo”, e desfrutar da obra de títeres “Manulengo Capiroto” en compañia do alumnado da ESO do IES Cacheiras de Teo, o outro centro que está a colaborar neste proxecto.

“Mamulengo Capiroto”

Marcelo la Fontana (Portugal)

 

O barriga Verde brasileiro, o Mamulengo, chega ao Titiriberia da man de Marcelo Lafontana, titiriteiro afincado en Portugal. Novos acentos e formas achegan como se entende da outra banda do atlántico esta tradición escénica.

cun alto compoñente de improvisación, este espectáculo baséase nunha interacción constante co público con grandes doses de música e danza, que completan en grande medida o que os bonecos apenas chegan a dicir.

Samaín Creativo

Samaín Creativo

Bases dos concursos

Concurso de Disfraces
O mércores 30 de outubro.
Categorías:
Infantil. Mellor Disfraz
1º, 2º e 3º de Primaria. Mellor Disfraz
4º, 5º e 6º de Primaria. Mellor Disfraz
Secundaria. Mellor Disfraz
Participación individual.

O disfraz farase exclusivamente empregando materiais reutilizados ou reciclados.

Os premios entregaranse o día do Magosto.

Concurso de Banda Deseñada
Categorías:
Infantil. Mellor Debuxo
Primaria. Mellor Banda Deseñada
Secundaria. Mellor Banda Deseñada
Pódese participar individualmente ou en grupos de ata tres persoas.
O prazo está aberto até o 30 de novembro.
A Banda Deseñada debe ter un tema relacionado co SAMAÍN, o misterio, o medo, ou temas semellantes.
O formato da banda deseñada será o seguinte:
Extensión: de 1 a 4 páxinas, tamaño A4 ou proporcional.
Técnica: libre, sobre papel de debuxo (non folios), tendo en conta que debe permitir a súa lexibilidade, reprodución e impresión.
Os traballos irán acompañados dunha folla de texto onde aparezan os datos dos autores e o título da obra.
Os traballos serán entregados ao titor/a ou a membros do E.D.L.
Os traballos serán valorados por un xurado que decidirá os gañadores.
Non se admitirán obras que non sexan orixinais.
As BDs que cumpran os requisitos de participación exporanse e/ou publicaranse no lugar e data por determinar.
Os premios entregaranse o día do Festival de Nadal.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut