Saltar navegación.
Inicio

Chispa e Raio, as mascotas de 1º A de Primaria

08/05/2014

Con motivo da explicación dos animais ovíparos, os alumnos de 1ºA de Primaria xunto co noso profe, Felipe Vila, comezamos o pasado 6 de marzo unha aventura que puidemos facer realidade grazas á familia de Andrea Dopico Fraga.

Todo comezou cando Laura Rodríguez (profesora de 2º) nos regalou dez ovos de parrulo e Andrea trouxo unha incubadora. Durante 28 días tivemos alí os ovos, dándolles a volta dúas veces cada xornada e, a partir da novena, fomos humedecéndoos cun algodón.

Cando chegamos á clase o 2 de abril, sorprendeunos que un ovo xa estaba un pouco estalado e unhas horas despois, comezou a quebrarse outro. O profe foi rompendo o primeiro pouco a pouco para axudar a saír ao parrulo. Todos os nenos e pais puidemos ver como nacía esa tarde e decidimos chamarlle Chispa.

O segundo parrulo (Raio) naceu un día despois pola mañá, e non perdemos ollo á incubadora durante as horas seguintes. Tamén houbo que axudar a Raio rompendo pouco a pouco o ovo. Axiña abandonaron a incubadora e cambiámolos á caixa que nos fixeron no taller de Tecnoloxía de Secundaria. Como podedes ver no vídeo, xa comezaban a comer e beber.

Na última parte do vídeo, podedes ver aos parrulos 20 días despois. Xa creceron moito e os nenos gozan con eles. Foi unha experiencia inesquecible para 1º A e todo o colexio. Fomos uns grandes granxeiros!

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com