Skip to Content

Actividades E.Infantil

DÍA DO LIBRO

23 DE ABRIL. DÍA DO LIBRO.

O luns 23 de abril en Infantil celebramos a importante data, por unha banda cunha lectura de contos por pequenos grupos por parte do alumnado de 5º e 6º. A actividade resultou un éxito e os peque quedaron encantados con eses profesionais lectores e lectoras. Por outra banda, sumámonos a iniciativa levada a cabo en todo o colexio, do libro- agasallo para un compañeiro ou compañeira.

 Clicade aquí ou na imaxe para velo.

EXPOSICIÓN CIDADE DA CULTURA

EXPOSICIÓN GALICIA UNIVERSAL.

O xoves 12 de abril, visitamos a Exposición Galicia Universal na Cidade da Cultura onde vimos obras do fondo das Coleccións de arte galega de Abanca e  dos máis importantes artistas galegos como Laxeiro, Maside, Maruxa Mallo, Lugrís, Luis Seoane, Castelao, Colmeiro, Torres, Quessada,  Manolo Paz...Clica aquí ou na foto  para ver o noso percorrido poa exposición.

DÍA DA POESÍA

21 DE MARZO. DÍA MUNDIAL DA POESÍA.

O alumnado de Educación Infantil e 1º ciclo de Educación Primaria, festexamos xuntos e xuntas este importante día adicado á arte das letras. Reunímonos no ximnasio para gozar co espectáculo Animal Fun, do escritor Pepe Sendón co que recitamos en galego e inglés con ritmos distintos, os pequenos poemiñas adicados a distintos animais mentres nos proxectaba as fermosas ilustracións elaboradas en collage por Fausto Isorna.

A continuación, as nenas e nenos de 2º, deleitáronnos coa fermosa montaxe do poema Lela de Castelao.

Preciosos quedaron os poemas pendurados das árbores do patio exterior. Clicade aquí ou na foto para ver as imaxes.

CONCERTO PABLO SEOANE

CONCERTO DO GAITEIRO PABLO SEOANE

O venres 16 de marzo, asistimos a un concerto de música tradicional no salón de actos organizado polo Departamento de Cultura e Educación do Concello,a cargo do grande gaiteiro e artesán Pablo Seoane. Ademais de gozar co repertorio, ensinounos moitos instrumentos dos que utiliza habitualmente. Xa cara o final, animámosnos e botámoslle un baile.

Mirade algús dos momentos do concerto.

CONTACOMIGO MARZO

CONTACOMIGO MARZO

Aquí vos deixamos as fotos do Contacomigo correspondentes ao mes de marzo. Grazas unha vez máis pola vosa colaboración. Preme aquí para velas.

ESPECTÁCULO EN ABANCA

A NENA E O GRILO NUN BARQUIÑO.

Rematando o mes de febreiro, asistimos ao expectáculo músico-teatral de Maxín Blanco no Auditorio de Abanca no Preguntoiro de Santiago. Moita música ao redor das preciosas peripecias vividas polos dous protagonistas. Preme aquí ou na foto para ver máis.

DÍA DE ROSALÍA

 CELEBRAMOS O DÍA DE ROSALÍA.

O 24 de febreiro é un día especial para as nosas letras posto que celebramos o aniversario da grandísima escritora galega. Nas vésperas, todo o colexio quixemos sumarnos á súa festa cun acto conxunto onde poidemos escoitar a Alborada de Rosalía e outras pezas interpretadas polo grupo Carapaus e onde interpretamos unha fermosa canción adicada á importante poeta.

Premede na imaxe ou aquí para ver como resultou.

 

 

ENTROIDO

O NOSO ENTROIDO.

Chegou o día grande. O venres 9, celebramos como xa vén sendo habitual unha festa con toda a comunidade educativa da Ramallosa.

Velaquí algunha das imaxes dese día. Preme aquí ou na imaxe para velo.

 

DANDO A BENVIDA AO ENTROIDO.

Como xa é tradicional antes da celebración do día grande do entroido no noso colexio o venres, imos quencendo motores e toda a semana obedecemos os mandatos do noso esquelético Meco, non vaia ser!

Desta volta, estas foron as súas carnavalescas peticións:

- O luns pon un sombreiro.

- O martes "por favor" trae na solapa unha flor.

- O mércores a festa non remata, debes traer unha gravata.

- O xoves en cada pé un zapato diferente para facer rir á xente.

Deixamos unha mostra destes divertidos atavíos. Preme aquí para velo.

COMEZAMOS 2018

DÍA DA PAZ

O martes 30 de xaneiro comemoramos o día da Paz. Este ano recibimos a especial visita de dous membros da Operación Pangono, Pangono  (pouco a pouco), que nos viñeron falar da importante axuda que prestaron o verán pasado en Malawi construindo pozos de elecricidade para hospitais e escolas. Ademais poidemos comprobar a través de distintas fotos, como é a vida alí.

Grazas Fernando e Ricardo polo voso desinteresado traballo e por vir a contárnolo. Clicade aquí ou na foto para ver a reportaxe de tan especial día.

 Sobre a Operación Pangono, Pangono:

Esta organización solidaria está formada por... "un grupo de profesionais de perfil técnico (enxeñeiros, frigoristas, electricistas…) que decidimos aportar o noso gran de area para mellorar un pouco a vida dos que menos teñen. Moitos de nós dedicámonos profesionalmente á docencia como profesoras e profesores de Formación Profesional en centro públicos de Galicia.Todos os membros da Operación Pangono Pangono realizamos o noso traballo de maneira voluntaria e deixamos a escolla das necesidades de actuación aos que mellor as coñecen, aos que levan anos traballando para reducir as desigualdades sociais e a pobreza. A nosa Operación, simplemente, escoita as necesidades de implantación ou mellora nas instalacións (electricidade, informática..) das entidades coas que colaboramos e tratamos de resolvelas co menor custo posible para a mesma. E se é posible, a custo cero".

Máis INFO en:

http://operacionpangonopangono.org

https://www.facebook.com/operacionpangonopangono/

 

 

CONTACOMIGO

Comezamos o novo ano, compartindo con vós algunha das últimas sesións do contacomigo.

Clicade aquí para acceder a elas.

ZUMBEANDO EN E.I.

REMATAMOS O TRIMESTE ZUMBEANDO.

Como colofón de trimestre e para despedir o 2017, un ano máis volvemos poñer o corpo en danza. Foi unha sesión do máis divertida na que ademais estivemos acompañadas e acompañados por algunhas mamás e papás. A continuacón para repoñer forzas, celebramos unha merendola no corredor das aulas.

Preme aquí ou na foto para vernos en danza!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut