Animación á lectura

Día da Poesía 2022

O Día Mundial da Poesía, celebrado cada ano o 21 de marzo, conmemora unha das formas máis prezadas da expresión e identidade lingüística da humanidade. A poesía, practicada ao longo da historia en todas as culturas e en todos os continentes, fala da nosa humanidade común e dos nosos valores compartidos, transformando o poema máis simple nun poderoso catalizador do diálogo e a paz.

O noso alumnado participou do impulso dialogante da poesía participando un recital de poesía que se realizou simultaneamente en todas as aulas do centro na Hora de ler coas poesías elaboradas ao longo dos días previos nos diferentes obradoiros desenvolvidos nas aulas.

As súas obras quedaron expostas no corredor do centro nun gran mural:

Asemade, o equipo de biblioteca realizou unha exposición dos fondos bibliográficos de poesía para que o alumnado que quixese,  os levase en préstamo para ler nas súas casas ou momentos de lecer.

Alumnado de Ed. Infantil

 Alumnado de 3º de Ed. Primaria

A folla azul

O alumnado de 6º curso de Ed. Primaria participou no Concurso de animación á lectura, actividade baseada na gamificación que nos axudou a comprobar os resultados finais de todo o traballado desde o club de lectura nos meses de decembro e xaneiro sobre o libro "A folla azul” de Andrea Maceiras. A súa lectura tiña como finalidade principal provocar no lector unha reflexión sobre o futuro da Amazonia, que no fondo sobre é o futuro de todas e todos, sen esquecer a relevancia do concepto da eco-diversidade que este ano estamos a traballar no PDI do noso centro.

A folla azul conta a historia de Husu, unha nena pertencente a unha tribo amazónica non contactada e voluntariamente illada da sociedade. Un día, os membros da tribo vense afectados por unha estraña enfermidade que provén do mundo civilizado. Husu, a nena dos ollos de luz, sálvase grazas ás premonicións da súa avoa. Só ela pode conseguir a cura para a doenza dos seus irmáns e irmás que precisamente é a folla azul que dá título á historia. Deste modo, emprende un longo camiño cheo de aventuras no que toma conciencia do perigo que corre o seu fogar, a selva.

Os lectores e lectoras demostraron o seu coñecemento das vivencias de Hasu, protagonista da historia, respostando directamente ás diferentes preguntas que os moderadores lles ían facendo ou acertando por rebote as que os seus compañeiros non eran quen de adiviñar. Varios grupos demostraron que prepararan moi ben a lectura do libro. Ao final resultou gañador o equipo que máis preguntas acertou: o equipo C Levaron como premio un exemplar do novo libro que traballaremos no Club de lectura, titulado: “Palabras de auga” de Marcos Calveiro.

Mulleres importantes nas nosas vidas

Ao longo da semana do Día da Muller realizamos no cole diversas actividades educativas que buscaban pór de manifesto a loita das mulleres pola igualdade e o recoñecemento e exercicio efectivo dos seus dereitos na busca dunha igualdade real.

O equipo de biblioteca realizou unha exposición de fondos que abordaban dalgún xeito esta temática. Asemade, organizouse a elaboración dun gran cartaz no que a comunidade educativa fixo unha homenaxe ás mulleres máis importantes na súa vida, aportando carteis cos seus nomes e imaxes desas mulleres. O resultado podédelo ver na galería de imaxes, na presentación de máis abaixo e na imaxe do cartaz.

O alumnado, tamén reflexionou sobre as mulleres máis importantes da súa vida e a maioría coincidiu e que foi a na súa nai. As nenas e nenos de 2º de E.P, para facerlle un pequeno agasallo, fixeron un banderín debuxando o retrato delas e escribíndolle algo que lle saíra do corazón. Na hora de ler, escolleron o conto ¡Vivan as uñas de cores! Unha historia real que serviu de inspiración ás escritoras e unha bandeira literaria para falar de igualdade.

Preme aquí para ver a pantalla completa

Día de Rosalía 2022

Ao longo da semana do 23 de marzo celebramos o Día de Rosalía no CEIPP Manuel Sueiro, conmemorando o seu aniversario coa realización de diversas actividades:

  • O alumnado traballou a figura de Rosalía de Castro ao longo de toda a semana empregando, fundamentalmente, os recursos facilitados polo EDL do cole e o Seminario Galán. Rematamos a semana elaborando un gran mural alusivo á escritora con toda a información recadada.
  • A maioría do alumnado, tamén participou nunha proposta expresiva que este ano consistiu na decoración dunha postal na que figuraba impresa a imaxe de Rosalía. Os nenos e nenas decoraron e escribiron unhas estrofas de Rosalía escollidas por eles mesmos na exposición de libros que o equipo de biblioteca elaborou.

 

Día da amizade

Ao longo da semana do 14 de febreiro celebramos no cole o Día da amizade coa realización das seguintes actividades: (preme nas imaxes para ir á nova)

5º Ed. Infantil

O Segredo dos Franciscanos

O martes 8 de febreiro, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria acudiu ao Arquivo Provincial para realizar un obradoiro de escritura medieval.

A saída do centro foi ás 9,25 horas e despois de camiñar 20 minutos chegamos ás portas do Arquivo histórico de San Francisco onde nos estaban agardando para a comenzar a realización de dous obradoiros: escritura medieval e visita ao Claustro de San Francisco.

O obradoiro, consistiu en descubrir os diferentes materias que se utilizaban para a escritura, así, vimos os pergameos, papiros e papel e os útiles como as plumas, plumis,... Ao rematar, démonos conta da dificultade que tiñan os nosos antepasados á hora de escribir e o difícil que é non mancharse.

O segundo dos obradoiros consistiu na visita ao Claustro de San Francisco e ao arquivo histórico onde nos ensinaron non so as marabillosas columnas senón a historia do Convento de San Francisco. Antes de rematar a visita estivemos vendo uns libros moi antigos.

A visita foi impresionante... e a verdade... tal e como dicía Breogán... hoxe foi unha clase de historia ben distinta...

A actividade rematou cun percorrido pola cidade de Ourense ata chegar ao colexio, visitando: Praza da Magdalena, Concello de Ourense, Oficina de Turismo, Parque de San Lázaro onde vimos por fóra onde trouxeron a igrexa de San Francisco e ás 13,45 chegamos ao colexio.


   

Encontros con Andrea Maceiras

O venres, 4 de febreiro, realizamos a actividade encadrada dentro da XXXII CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA, promovida pola Concellería de Educación do concello de Ourense, que leva por título Encontros co autor/a. Este ano a elixida foi a autora Andrea Maceiras que nos veu a falar do seu libro “A folla azul” que previamente traballamos no noso Club de lectura nos meses de decembro e xaneiro.

O libro A folla azul relata a historia dun mundo verde así como  o fogar de moitas tribos indíxenas que viviron alí desde o inicio dos tempos. Relata a historia de Husu Aké, membro da tribo dos Tacaré, filla da Nai Terra e habitante do mundo verde.

Andrea Maceiras presentounos o seu libro a través dunha presentación que nos fixo reflexionar sobre a natureza. Logo tivemos a oportunidade de facerlle preguntas sobre o seu libro. E para rematar as sinaturas adicadas dos nosos libros.  Foi un enorme pracer ter connosco a Andrea Maceiras e xa estamos agardando a que escriba o seu próximo libro.

Contacontos con Benjamín

O xoves, 3 de febreiro, realizamos a actividade encadrada dentro da CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA, promovida polo CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, que leva por título Contacontos no colexio coa colaboración do grupo CGA.

A actividade foi levada a cabo por Benxamín que foi capaz de marabillar coas súas historias aos nosos nenos e nenas con dúas sesións.

A primeira das sesións foi para o alumnado de Educación Infantil, 1º e 2º de Educación Primaria. Benxamín conseguiu que a partir de tres historias, nas que os protagonistas fosen tres nenos/as: o medroso, o máis rechulo e presumido e o máis valente, facendo participar, nestas divertidas historias ao resto dos nenos e nenas. Como conclusión, destes pequenos contos, pediulles aos nenos e nenas do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro “pedirlles aos seus pais e nais” para que lles seguisen contando bonitas historias e contos.

A segunda das sesións foi para o alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria. As historias centráronse en dúas historias. A primeira delas relacionada coa maxia e todos aqueles desexos que puidesen ter. A segunda das historias relacionouse co “Porquiño de San Antón” e como o alumnado desfrutouse facendo carreiras de cabalos para poder salvar ao porquiño do seu San Martiño.

Foi un día marabilloso que gustou a grandes e pequenos. Xa estamos agardando polo seguinte contacontos.

Celebración do Día da Paz 2022

Para conmemorar o Día da Paz o profesorado representou a obra "Por catro esquiniñas de nada" de Jérôme Ruillier. Caracterizados coma os personaxes do conto puxeron en valor o respecto ás diferencias e a integración desde dito respecto, sen pretender que todas as persoas sexamos iguais e entendendo que o traballo en equipo sempre é a mellor canle para solucionar os problemas.

Como este ano O SUEIRIÑO A DIVERSIDADE RESPECTA, TRABALLEMOS XUNTOS A PROL DO PLANETA! dende a biblioteca fixemos unha  pequena homenaxe ao premio Nobel da Paz,  Wangari Maathai, polo labor que fixo en defensa da natureza e a loita polos dereitos e melloras da situación das mulleres do seu país. Contamos un conto (no que queremos agradecer a participación do alumnado de 6º) sobre a verdadeira historia de Wangari e aprendemos unha bonita canción sobre a súa vida.

Para rematar, realizamos un mural (todo con material reciclado) no que quixemos reflictir  o "Movemento Cinturón verde" que fundou Wangari  en 1977 e que na actualidade en Kenia conta con 4000 grupos comunitarios  que plantan árbores e protexen o medio ambiente. Cada neno/a fixo unha folla co seu mensaxe de paz que posteriormete foi colocada no mural.

Asemade, nestes tempos escuros que estamos a vivir, no noso cole prendemos candeas pola PAZ. Candeas que alumeen o camiño cara ao respecto, igualdade e comprensión.

Distribuir contido