A folla azul

O alumnado de 6º curso de Ed. Primaria participou no Concurso de animación á lectura, actividade baseada na gamificación que nos axudou a comprobar os resultados finais de todo o traballado desde o club de lectura nos meses de decembro e xaneiro sobre o libro "A folla azul” de Andrea Maceiras. A súa lectura tiña como finalidade principal provocar no lector unha reflexión sobre o futuro da Amazonia, que no fondo sobre é o futuro de todas e todos, sen esquecer a relevancia do concepto da eco-diversidade que este ano estamos a traballar no PDI do noso centro.

A folla azul conta a historia de Husu, unha nena pertencente a unha tribo amazónica non contactada e voluntariamente illada da sociedade. Un día, os membros da tribo vense afectados por unha estraña enfermidade que provén do mundo civilizado. Husu, a nena dos ollos de luz, sálvase grazas ás premonicións da súa avoa. Só ela pode conseguir a cura para a doenza dos seus irmáns e irmás que precisamente é a folla azul que dá título á historia. Deste modo, emprende un longo camiño cheo de aventuras no que toma conciencia do perigo que corre o seu fogar, a selva.

Os lectores e lectoras demostraron o seu coñecemento das vivencias de Hasu, protagonista da historia, respostando directamente ás diferentes preguntas que os moderadores lles ían facendo ou acertando por rebote as que os seus compañeiros non eran quen de adiviñar. Varios grupos demostraron que prepararan moi ben a lectura do libro. Ao final resultou gañador o equipo que máis preguntas acertou: o equipo C Levaron como premio un exemplar do novo libro que traballaremos no Club de lectura, titulado: “Palabras de auga” de Marcos Calveiro.