Comedor 6S

COMEDOR 6S

O comedor escolar ten unhas funcións que exceden a estrita nutrición dos escolares, este servizo ten unha finalidade educativa, a través del pretendemos:

1.       Proporcionar unha alimentación de calidade adaptada ás necesidades e ás características dos escolares.
2.       Ensinar  as pautas dunha dieta equilibrada.
3.       Educar aos cativos en hábitos de alimentación sans, solidarios e responsables.
4.       Educar en normas e en valores ( respecto, solidariedade, coidado da saúde, responsabilidade co medio ambiente...).
5.       Ensinarlles aos nenos  a comer e  a relacionarse de maneira positiva.

O noso comedor é  un  bo recurso  para o desenvolvemento de habilidades individuais e sociais: utilización de garfos, comportamento correcto na mesa, lavado de mans, mastigar correctamente os alimentos, axudar aos que están a nosa beira...

OBXECTIVOS DO COMEDOR 6S:

 Pretendemos que o noso comedor sexa un recurso educativo:

SENSIBLE: Ao responder  ás necesidades de cada cativo, partindo da súa situación e buscando solucións adaptadas á realidade  de cada neno  dietas especiais, dificultades para inxerir algúns alimentos, hábitos adquiridos... Para elo contamos cun menú xeral e con varios menús específicos: sen glute, sen ovo, sen leite, e hipocalórico,  con varias actividades de reforzo que animarán aos nenos a que proben novos sabores, e cun equipo de colaboradores ilusionados e comprometidos con este proxecto.

SAUDABLE:  Proporcionándolles unha alimentación equilibrada, saudable e variada.

SOLIDARIO: Fomentando  comportamentos de axuda e de cooperación entre iguais.

 SILENCIOSO: Intentando que aprendan a controlar o ton de voz, e a respectar o tempo no que hai  que estar en silencio, para comentar os logros de cada día e para  pasar lista  e organizar a incorporación ás actividades.

SORRINTE:  Creando un ambiente agradable para todos.

 SOSTIBLE:  Ensinándolle aos nosos nenos a comer de maneira responsable, saudable e respectuosa co medio ambiente.

 

Este ano centrarémonos na consecución do último obxectivo, un comedor sostible, ao considerarmos que os 5 obxectivos anteriores: saudable, solidario, silencioso, sorrinte e sensible, xa foron adquiridos ao longo de varios cursos ,e  que os nenos os teñen interiorizados nun grado óptimo. Para elo seguiremos desenvolvendo as accións que xa puxemos en marcha ao longo dos cursos anteriores, combinándoas con outras que intentaremos desenvolver ao longo deste curso:

Fomentar e favorecer a incorporación de alimentos ecolóxicos, frescos, do entorno e de temporada.

Introducir  o consumo ecolóxico de alimentos progresivamente.

Promover  o consumo responsable: preparando  e servíndolle  aos cativos cantidades de comida equilibradas para evitar o despilfarro de recursos.

Reducir o consumo de panos.

Aproveitar a auga de lavar patacas, verduras, hortalizas …para regar as plantas do interior.

Empregar os restos do comedor para abonar o horto.

Aproveitar a comida que sobra para as familias, da nosa comunidade educativa, que teñan peor situación económica.

Consumir as verduras e as hortalizas que cultivamos no horto no comedor, tratadas unicamente con métodos ecolóxicos.

Comprar alimentos baseados en criterios de cercanía, buscando sempre ao provedor que estea máis cerca da escola.

 

 OS COLABORADORES:

 

Consideramos que no funcionamento deste servizo, o COLABORADOR ou COLABORADORA é unha figura esencial na atención educativa, apoio e vixilancia.

O/a colaborador xoga un papel fundamental no control e na supervisión da inxesta de alimentos, así como en aspectos relacionados cos correctos hábitos alimentarios, hixiénicos e de comportamento na mesa.

Mensualmente celebraremos reunións co equipo  de comedor para avaliar o funcionamento deste servizo e buscar propostas de mellora.

NORMAS DO COMEDOR ESCOLAR:

 Baseándonos no anterior todo o alumnado do centro que utilice o servizo do Comedor Escolar deberá aterse ás seguintes normas:

1. Dentro do comedor rexen as mesmas normas que en todo o centro no relativo a que se debe camiñar (non correr) e falar nun ton de voz adecuado.

2. Cando os nenos  entren  ao comedor  dirixiranse a súa mesa e agardarán sentados a  que se lles sirva a comida. Ninguén se levantará ata que saia o grupo que lle corresponde. 

3. Todos os usuarios e usuarias do comedor deben adaptarse aos menús existentes no servizo de comedor escolar. Unicamente estarán exentos/as de determinados menús:

3.1. o alumnado que conte cun informe médico. Neste caso   entregaráselle ao colaborador  o menú especial para estes nenos.

3.2. O alumnado ao que non lle  permitan as súas crenzas relixiosas tomar algún dos alimentos que están no menú.

4. Os nenos terán que comer todos os pratos do menú escolar .

5.  Non está permitido sacar fora  do comedor ningún tipo de comida (sobremesa, froita,pan, etc.)

 6. Antes de entrar ao comedor escolar os nenos poderán ir ao baño.  Cando estean dentro do comedor non  poderá saír  para ir ao baño, salvo caso de extrema necesidade e previa comunicación aos  colaboradores.

 7.Ningún neno poderá saír do comedor escolar sen rematar de comer todos os pratos do menú.

8. Durante o período de comedor escolar o alumnado deberá acudir ao persoal aos colaboradores  para resolver os conflitos puntuais que se produzan.

ORGANIZACIÓN  DO COMEDOR E NORMAS PARA OS COLABORADORES

- Cada colaborador ocuparase ao longo de todo o curso  do mesmo grupo de nenos, co fin de que os coñeza mellor e poida atender as súas peculiaridades e necesidades.

 - En cada grupo teremos nenos dos distintos niveis educativos, co fin de que cooperen entre eles.

RECURSOS

Para fomentar os comportamentos idóneos dos nenos no comedor ( comer de todo, probar o que non lles gusta, falar cun ton de voz axeitado, manter bos hábitos de orde e de hixiene,  establecer relacións positivas entre eles e cos adultos), empregaremos os seguintes recursos:

Reforzo positivo: Puntos ( saudables, solidarios, silenciosos, sostibles e sorrintes). Cada día entregarémoslle un punto aos nenos que cumpran todos os obxectivos, ou que melloraron en algo  ( probar un alimento que non lles gustaba, falar cun ton de voz baixo, cooperar cos máis cativos) . Cando consigan  6 puntos terán un premio sostible e saudable.

O Rei da mesa: Aos nenos de educación infantil  colocarémoslle unha coroa e farémoslle unha foto a medida que vaian mellorando na consecución algún obxectivo.

Felicita que algo queda: Aqueles nenos que acaden todos os obxectivos serán os protagonistas da semana. En cada zona os venres proporemos un neno para mandarlle unha felicitación a casa  polo seu bo comportamento, e farémoslle unha foto, que colocaremos no taboleiro  do “protagonista da semana”.

Mascotas viaxeiras: Os nenos que acaden algún obxectivo novo poderán levar as súas casas as mascotas viaxeiras cunha nota informativa para as familias.

Ao entrar abre a ilusión, ao saír pecha o orgullo:  A través desta actividade todos os días os nenos e os adultos poderán manifestar os motivos polos que se senten orgullosos de alguén.

 

COMEDOR ESCOLAR


UN COMEDOR 4S


A educación para  a saúde na escola é un reto que se está convertendo nun dos  obxectivos  de moitos centros escolares dende a última  década do século XX.


A alimentación humana  é un dos asuntos de maior relevancia e actualidade, tanto dende o punto de vista educativo, como dende unha perspectiva  social, por iso require unha atención especial por parte dos profesionais dos diferentes niveis educativos.


O comedor  escolar forma parte do contexto educativo,  polo que a través del deben de poñerse marcha estratexias para estimular aos nenos cara a adquisición dunha alimentación correcta e duns hábitos e valores adecuados.


O  comedor escolar é un recurso moi interesante   para promover bos hábitos cara un mesmo e cara os demais.


Os principais obxectivos que pretendemos acadar  mediante unha intervención educativa  no comedor están relacionados coas catro palabras clave que lle dan nome propio ao noso comedor : un comedor 4S:


-        SAUDABLE:  Ao proporcionarlle aos usuarios  unha comida de calidade , garantindo unha dieta equilibrada e variada.


-          SOLIDARIO: Capaz de promover nos cativos actitudes positivas cara eles mesmos, aprendendo a coidar da súa saúde; e cara os demais fomentando a cooperación, a responsabilidade e  a solidariedade.


-          SILENCIOSO: Favorecedor de comportamentos adecuados de convivencia.


-          SORRINTE:  Creando un espazo de convivencia agradable e cómodo, no que todos nos sintamos a gusto.


ATENCIÓN Á DIVERSIDADE NO NOSO COMEDOR


No noso  comedor atendemos ás características do alumnado: idade, historia persoal, diversidade cultural, capacidade de inxestión, ritmos, etc, intentando darlle a resposta adecuada a cada situación.


  • A idade terase en conta á hora de elaborar os menús ( ingredientes, incorporación progresiva de alimentos novos...) e á hora de  servir  as cantidades que necesitan os nenos.

  • O coñecemento da súa historia persoal permitiranos saber, ademais das posibles patoloxías, a relación que ten cada neno  coa comida, para poder vincular o acto de comer  con  propostas gratificantes: responsabilizalos de algunha tarefa que lle poida resultar motivadora, premiar os seus esforzos, eloxiar o seu bo comportamento, etc.

  • Debemos coñecer a capacidade de inxestión e o ritmo de cada neno para facer unha intervención adecuada.

  • O estado fisiolóxico (enfermidades dixestivas, trastornos alimentarios, alerxias…) e psicolóxico  (tristeza, preocupación, ansiedade,…)  porque  todas as súas necesidades alimenticias poden verse  afectadas.

  • Por último as diferenzas culturais terán que ser contempladas na organización dos  menús,  e nos tempos de adaptación dos nenos a estes , así como na planificación  de menús adecuados cando se trate de diferenzas relativas a preceptos relixiosos ou morais.

    METODOLOXÍA

    Distribución dos/as nenos/as  e dos colaboradores/as

  • Distribuiremos   aos/as  nenos/as  de maneira que en todas as mesas  haxa  cativos  de diferentes idades,  incluídos os de  educación infantil. Con esta organización pretendemos que os nenos maiores cooperen, dentro das súas posibilidades, cos máis cativos,  pondo en práctica os principios de responsabilidade e de solidariedade.

  • No caso de nenos de educación infantil que teñen irmáns, ou curmáns  no centro,  consultaremos  coas  familias  para saber se queren que se senten  xuntos ou separados á hora de comer,  co fin de lograr unha maior adaptación ao comedor escolar. Seguiremos  o criterio que as familias  consideren  idóneo.

  • A cada neno/a, ao comezo do curso, adxudicaráselle  un sitio fixo que, deberá de ocupar ao longo de todo o curso.  Salvo naqueles casos, nos que polo ben do neno, ou polo ben do grupo,  os colaboradores decidan un cambio para outra mesa, ou dentro da mesma mesa para outro sitio.

  • Con esta organización pretendemos  favorecer os hábitos de orde e eliminar ruído e alboroto  no comedor escolar.

  • Tamén se lle adxudicará   a cada colaborador/a  mesas fixas, co fin de que se familiarice cos/as  nenos/as  do seu grupo para poder axudalos, partindo  da realidade de cada neno/a, do seu momento evolutivo, das súas necesidades e dificultades.

  • Esta organización favorece que se estableza unha relación máis afectiva entre os/as coidadores/as  e os/as  nenos/as. Desta maneira os cativos, sobre todo os de educación infantil, sentiranse  máis seguros e cómodos no comedor ao identificarse sempre coa mesma persoa.

  • Esta organización facilita que o/a  educador/a poida avaliar a evolución dos/as  nenos/as e informar periodicamente ás familias.


AVALIACIÓN


  • Ao longo do mes de setembro cada colaborador/a  observará  aos nenos do seu grupo para detectar as dificultades que puideran presentar estes.

  • A finais de setembro teremos unha reunión conxunta na que  comentaremos as dificultades detectadas e elaboraremos  plans de mellora  individuais. Nestes  plans individualizados establecemos os  obxectivos específicos para cada neno/a, e  seleccionamos os recursos que consideramos máis idóneos para favorecer a  súa evolución.

  • O último xoves de cada mes teremos unha reunión conxunta para analizar o funcionamento do comedor escolar, a evolución dos/as nenos/as, as dificultades que puideran xurdir e as propostas de mellora.

  • Ao final de cada trimestre, cada colaborador/a , avaliará o grado de consecución dos obxectivos por parte do seu grupo.

    RECURSOS

    Para lograr que o noso comedor sexa saudable, solidario, silencioso e sorrinte empregaremos reforzos positivos e actividades que  poidan animar e motivar aos nenos/as.

Powered by Drupal - Design by artinet