O FOGAR DE SAUDÍN: COME CO (N) RAZON

O FOGAR DE SAUDÍN

O comedor escolar ten unhas funcións que exceden a estrita nutrición dos escolares, este servizo ten unha finalidade educativa, a través del pretendemos:

  1. Proporcionar unha alimentación de calidade adaptada ás necesidades e ás características dos escolares.
  2. Ensinar  as pautas dunha dieta equilibrada.
  3. Educar aos cativos en hábitos de alimentación sans, solidarios e responsables.
  4. Educar en normas e en valores ( respecto, solidariedade, coidado da saúde, responsabilidade co medio ambiente...).
  5. Ensinarlles aos nenos  a comer e  a relacionarse de maneira positiva.

O noso comedor   é  un  bo recurso  para o desenvolvemento de habilidades individuais e sociais: utilización de garfos, comportamento correcto na mesa, lavado de mans, mastigar correctamente os alimentos, axudar aos que están a nosa beira...

Debido ao aumento de matrícula en educación infantil e á situación actual destes nenos,  decidimos presentar un proxecto novo para o comedor.: O fogar de Saudín: COME CON (n)RAZÓN”.

Pretende ser un modelo de comedor educativo no que destaquen a afectividade dos adultos  que participan no comedor escolar, a adaptación ás necesidades e aos ritmos de cada neno, a elaboración de menús saudables e de calidade, a comunicación coas  familias, e  a motivación para que os nenos proben a través do diálogo e da razón.

OBXECTIVOS:

Co proxecto : “ O fogar de Saudín” pretendemos:

1-Fomentar a relación familia-escola, e a continuidade dos hábitos saudables no fogar:
  - Coñecendo a situación de partida dos nenos, a través da reunión conxunta  coas familias.

  - Detectando posibles dificultades e buscando  estratexias de solución.

  - Incidindo na importancia do contacto permanente ao longo do curso, para avaliar os logros.

  - Reforzando xuntos,  positivamente,  aos nenos.

2-Educar para a saúde, e para a vida: “Comemos o que aprendemos a comer”. Avanzando cara a inxesta de todo tipo de alimentos superando rabechas, prexuízos e manías.

3-Crear un ambiente saudable e agradable:

- Logrando un comportamento correcto na mesa.

- Intentando reducir o ruído, e fomentando o diálogo de forma distendida.

- Dándolle razóns para comer: COME CO(n) RAZÓN, e para probar novos sabores, reforzando o papel  do  colaborador como educador.

En canto aos menús:

* Basearemos a programación dos menús estacionais  en produtos de temporada e de produción local.

* Vincularemos o horto coa cociña ( aproveitando a produción do  noso horto escolar para o comedor).

* Preveremos o  reaproveitamento dalgún alimento no menú do día seguinte.

* Seguiremos elaborando menús equilibrados nutricionalmente.

* Empregaremos técnicas culinarias variadas e saudables.

* Calcularemos as cantidades de comida dunha maneira equilibrada evitando sempre despilfarrar alimentos e recursos.

* Iremos introducindo progresivamente produtos ecolóxicos segundo o presuposto.

* Vincularemos o horto á cociña aproveitando a produción do mesmo para o consumo no comedor.

* Vincularemos a cociña ao horto a través da compostaxe.

* Promoveremos o consumo responsable de alimentos, de enerxía e de papel.

* Reduciremos o uso de auga.

* Reduciremos a cantidade de residuos aproveitando os botes  de iogur, de  natillas e os cartóns de leite para facer sementeiros.

* Promoveremos o uso responsable do transporte facéndolle os nosos pedidos aos provedores que estean máis preto.

 * Prescindiremos do innecesario.

 * As cantidades de comida serán equilibradas para evitar o despilfarro de recursos.

 * Consumiremos alimentos ecolóxicos, de temporada e de proximidade.

 

OBXECTIVOS ESPECÍFICOS:

O modelo educativo que seguimos no comedor está vinculado ao proxecto educativo do centro, na medida na que  pretendemos educar  en valores, tales como a saúde, a convivencia, a responsabilidade, a autonomía, o respecto á  diversidade, e o benestar.

Educación para a saúde:   

  • Aprender  en que consiste unha dieta equilibrada.Ser conscientes da relación entre dieta e saúde.
  • Recoñecer  os alimentos necesarios para unha alimentación equilibrada, así como a   forma idónea de consumo.       
  • Desenvolver e fomentar hábitos alimentarios saudables dende a escola, educar nutricionalmente
  • Cubrir unha parte importante das necesidades nutricionais dos nenos, proporcionando menús escolares saudables.
  • Proporcionar unha  alimentación variada para garanti-la inxestión suficiente e adecuada de nutrientes e enriquece-la capacidade de adaptación dos nenos aos diferentes alimentos, sabores e texturas.
  • Por en práctica normas hixiénicas e saudables aprendidas  na aula.
  • Manter posturas correctas na mesa.
  • Desenvolver hábitos no uso adecuado dos utensilios relacionados coa comida.
  • Adquirir e poñer en práctica hábitos relacionados coas normas de educación básicas na mesa, ensinándoos a:

 

Sentarse ben, co lombo recto e sen apoiar os cóbados nin a cabeza na mesa.
Desdobrar os panos  e colocalos nos xeonllos , asegurándose de que saben darlle o uso correcto.
Utilizar ben os garfos, os coitelos, as culleres e os vasos.
Non xogar coa comida.
Mastigar coa boca pechada e sen facer ruído, non falando nunca coa boca chea.
Comer bocados pequenos, sen encher a boca e sen devolver a comida ao prato unha vez que foi mastigada.
Non beber atropeladamente, nin facer ruídos mentres beben.
Esperar que todos estean  servidos para comezar a comer.
Non interromper aos compañeiros de mesa mentres están falando en voz baixa.
Non balancearse nas cadeiras.
Pedir as cousas por favor, dar as grazas, e desexarlle bo proveito aos compañeiros da mesa.
Non levantarse antes de que todos terminen de comer, e en caso de urxencia pedilo por favor.
Limpar a boca e as mans cos panos, e se fora necesario lavalas.

  • Concienciar ás familias nos patróns de conduta adquiridos no comedor escolar e da importancia de continuar cos mesmos no fogar.
  • Capacitar aos nenos para que saiban coidar de si mesmos.
  • Estimular os estilos de vida que eleven o seu perfil de bos consumidores.

Educación para a convivencia:

  • Ensinar un comportamento social, e ser centro de desenvolvemento de habilidades e de convivencia.
  • Atender, educar  e acompañar  aos/ás nenos/as, tanto no momento da comida como nas actividades posteriores, dun xeito coordinado.
  • Adquirir e poñer en práctica hábitos de convivencia e cooperación nas tarefas
  • Espertar nos alumnos o espírito de colaboración, implicándoos, segundo as súas posibilidades, nas tarefas do comedor.
  • Fomentar actitudes de respecto cara todos os membros da comunidade educativa.
  • Lograr un ambiente  agradable, evitando o exceso de ruído e dialogando de forma distendida.
  • Coidar e respectar locais, mobiliario e utensilios de uso comunitario.
  • Adquirir e mostrar autonomía á hora de comida, intentando  depender o menos posible dos adultos.
  • Utilizar á hora do comedor como espazo de relación con outras persoas coas que compartimos un rato agradable.

 

Educación para o ocio e para o benestar:

  • Crear hábitos e proporcionar estratexias para a utilización correcta do tempo libre.
  • Planificar e desenvolver actividades de ocio e tempo libre que promovan un desenvolvemento harmónico da persoa.

 

Powered by Drupal - Design by artinet