O noso centro

QUEN SOMOS

O CEIP Plurilingüe Profesor Albino Núñez-Casardomato é un centro de ensino público situado na periferia da cidade de Ourense, concretamente preto da Estrada Nacional 120 que conduce de Ourense a Vigo.

O centro foi creado o 26 de outubro de 1979 (Real Decreto 2663/1979) como Colegio Nacional de Educación General Básica para 640 postos escolares de Educación General Básica e 15 de Educación Especial. Dende o ano 1980, por proposta do Concello de Ourense, leva o nome do escritor, pedagogo e poeta ourensán Albino Núñez (1901-1974), divulgador das novas técnicas pedagóxicas na provincia de Ourense. 

O noso alumnado procede da propia cidade de Ourense, concretamente do Barrio da Ponte e do Barrio do Vinteún e das seguintes parroquias pertencentes ao Concello de Ourense: Santa Cruz de Arrabaldo, Santa Baia de Beiro, Castro de Beiro, San Mamede de Palmés, Vilar de Astrés, Santo Estevo de Untes e San Miguel de Canedo.

Actualmente no centro impártense as etapas de educación infantil e educación primaria contando con 4 unidades de infantil e 8 de primaria (estando habilitadas dúas unidades de infantil a maiores e unha de educación primaria o presente curso escolar 2020-21). O centro está adscrito ao IES "Eduardo Blanco Amor". Ofértanse os servizos complementarios de transporte e comedor escolar, o cal está xestionado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional con cociña propia. Tamén se ofertan unha serie de actividades extraescolares despois da hora de xantar, aínda que sen confirmar no presente curso escolar, por mor da pandemia que estamos sufrindo.

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet