Curso 2018-19

FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO: LISTAS DEFINITIVAS

No seguinte enlace podedes consultar as listas definitivas correspondentes ao reparto de libros do fondo solidario para o vindeiro curso 2019-20 cos libros que lle corresponden a cada alumno/a:

 

- Lista definitiva de solicitudes admitidas 

 

 

 

IMPORTANTE: 

- Xa sabedes que tedes que pasar polo colexio os días 2, 4 ou 5 de setembro para recoller os libros. 

FONDO SOLIDARIO E AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR 2019/20

Do 21 de maio ao 21 de xuño de 2019 está aberto o prazo para solicitar a participación no fondo solidario de libros de texto e para solicitar axudas para adquirir libros de texto e material escolar para o vindeiro curso 2019/2020. Nos seguintes enlaces tedes toda a información:

- Orde do 03 de maio de 2019 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar  (DOG do 20-05-2019)

 - Resumo/información ás familias   

- Impreso de solicitude 

- Enlace á sede electrónica da Xunta de Galicia  

Recordade que estas axudas son para o alumnado de primaria e secundaria (non está incluído o alumnado de educación infantil).

LETRAS GALEGAS 2019

A celebración das LETRAS GALEGAS foi este ano dedicada á figura de ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS, escritor, historiador, antropólogo e etnógrafo, defensor da lingua e da cultura galega. No colexio quixemos renderlle a nosa pequena homenaxe coa celebración dun festival o pasado 16 de maio. Escoitamos cantigas que recolleu na súa famosa obra Aportacións ó Cancioneiro de Cotobade, o famoso casamento da pulga (peza tamén recollida no citado cancioneiro), algunha canción inspirada nalgún episodio da súa vida e outras cancións e ritmos máis modernos.

Na seguinte presentación podedes ver os vídeos das diferentes actuacións: 

(PREMEDE NOS SÍMBOLOS  E PASADE AS DIFERENTES PÁXINAS)

AVALDÍA 2018-19

Nas seguintes circulares informamos:  primeiro sobre a AVALIACIÓN INDIVIDUALIZA DE 3º DE EDUCACIÓN PRIMARIA que se realizará en todos os centros educativos de Galicia:

 

E segundo sobre a AVALIACIÓN FINAL DE EDUCACIÓN PRIMARIA que só se celebra en determinados centros, sendo este curso o noso colexio un dos seleccionados:

REFORESTACIÓN NO MONTE DE PALMÉS

Os alumnos e alumnas de 6º de Educación Infantil e de 6º de Educación Primaria realizaron o 3 de maio unha saída aos montes de Palmés para realizar unha reforestación en zonas nas que houbera incendios en anos pasados. Para elo contaron coa axuda do axente forestal Pepe Santos, que xa estivera no noso centro falando precisamente dos incendios forestais, como vos contamos no seu día. Pero non só plantaron árbores, fixeron e aprenderon moitas máis cousas que nos explican no blog de VOZ NATURA. 

Premede nas imaxes:

No xornal LA VOZ DE GALICIA fixéronse eco desta saída:

 

ACTIVIDADES NO CENTRO ACOUGO

Un estupendo día pasaron os alumnos e alumnas de educación infantil o pasado 14 de maio no centro de ocio e actividades na natureza ACOUGO situado no concello de Vilamarín (Ourense). Ali realizaron diversas actividades: montaron en tirolina, pasearon en barca, descubriron e déronlle de comer aos animais (galiñas, parrulos, galos, cabras, ovellas...), practicaron o equilibrio no slackline e xogaron e gozaron na natureza nun día especial e lúdico no que compartiron a ledicia de estar e xogar todos xuntos. 

 

 

SESIÓNS DE CONTACONTOS CON SABELA GAGO

Unha vez máis recibimos no noso centro a visita da estupenda contacontos SABELA GAGO que deleitou nunha primeira sesión aos pequenos e pequenas de 1º e 2º de primaria e nunha segunda ao alumnado de 3º e 4º de primaria. Xogar coa imaxinación é a poderosa arma que emprega Sabela nas súas sesións que encantan aos nenos e as nenas que interactuando con ela expresan estados de ánimo, emocións... pasando uns momentos inolvidables. 

Se queredes saber máis sobre esta actividade premede nas imaxes, no blog da biblioteca escolar tedes máis información:

 

MATRÍCULA 2019-2020

Premede na imaxe seguinte para visualizar a lista definitiva de admitidos para o vindeiro curso escolar 2019/20:

Recordade que do 20 ao 30 de xuño é o prazo para a formalización da matrícula para todos os que foron admitidos.

TALLERES PROGRAMA LEITE E OS PRODUTOS LÁCTEOS

Este curso tamén participamos no PROGRAMA ESCOLAR DE CONSUMO DE FROITAS, HORTALIZAS E LEITE que patrocina a Unión Europea en colaboración cos distintos estados membros interesados na distribución destes produtos nos centros escolares para promover o seu consumo e contribuír á promoción de hábitos saudables, á disminución da obesidade e enfermidades asociadas.

Dentro das medidas de aompañamento que se desenvolven para a promoción e difusión deste programa, realizáronse no centro o día 10 de maio uns obradoiros específicos sobre o consumo de leite e os produtos lácteos. Concretamente realizaronse dous talleres: 1 para o alumnado de 2º de primaria e outro para o alumnado de 5º de primaria. 

Os obradoiros tiveron unha parte máis teórica onde os nenos e nenas coñeceron á vaca Lucy que lles falou da familia dos lácteos e do proceso de produción do leite e dos produtos lácteos. Tamén lles explicaron a importancia de levar uns hábitos de vida saudable incluíndo tres racións de lácteos ao día. Os alumnos e alumnas tamén comentaron coa monitora os seus coñecementos sobre estes produtos e a frecuencia de consumo nas súas casas. 

A continuación realizaron unha parte práctica na que os nenos e nenas completaron fichas e realizaron algún xogo. 

 No seguinte enlace tedes máis información sobre o programa e a implicación coas familias:

- Díptico para as familias

- Lucy e a pandilla láctea

- De onde procede o leite?

- Tres lácteos ao día 

Aquí tamén podedes acceder a páxina da vaca Lucy con diferentes actividades e xogos:

DISFRUTA CON LUCY E OS LÁCTEOS  

ENCONTRO COA AUTORA LEDICIA COSTAS

O pasado 2 de maio a escritora LEDICIA COSTAS estivo no noso centro para asistir a un encontro cos alumnos e alumnas de 5º e de 6º de Educación Primaria. Ledicia, unha das mellores escritoras actuais de literatura infantil e xuvenil en galego, quixo comentar cos nenos e coas nenas aspectos das súas obras, sobre todo das que estes xa leran: AS PERICIPECIAS DE EXTRAVAGANZZA PÉREZ e ESCARLATINA, A COCIÑEIRA DEFUNTA. 

No blog da biblioteca escolar tedes máis información, premede na seguinte imaxe:

 

Powered by Drupal - Design by artinet