Curso 2017-18

O NOSO PATRIMONIO: AFONDANDO EN OURENSE

Seguramente moitos de vos vistes esta nova no xornal LA VOZ DE GALICIA o pasado sábado 16 de xuño. 

Se queredes saber como os alumnos e alumnas de 4º de primaria se converteron en guías turísticos por un día, non deixedes de premer no seguinte enlace e veredes todo o traballo previo de investigación que realizaron e o resultado final do seu esforzo: a guía turística da cidade de Ourense que elaboraron.

- ESTUDANDO O NOSO PATRIMONIO: AFONDANDO EN OURENSE.

SERVIZO DE COMEDOR ESCOLAR CURSO 2018/2019

Comunicamos a todas as familias que xa está aberto o prazo para presentar a solicitude para poder facer uso do servizo de comedor escolar o vindeiro curso 2018/2019, para iso deberán presentar a autodeclaración dos prezos públicos e as súas especificacións na secretaría do centro. 

Premendo na seguinte imaxe poden acceder a máis información sobre prazos, requisitos... e tamén poden descargar o modelo de autodeclaración:

 

Así mesmo tamén se comunica ás nais, pais ou titores legais dos/as alumnos/as que desexen colaborar de xeito altruísta nas tarefas de atención e apoio aos escolares usuarios do comedor escolar, que dende o día 22 de xuño e ata o 11 de setembro, está aberto o prazo de inscrición nas listas habilitadas para este fin na secretaría do centro. Recorden que para poder colaborar é requisito obrigatorio presentar unha certificación negativa do Rexistro Central de delincuentes sexuais (Lei 26/2015, de 28 de xullo, de Modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia).

FESTA VOZ NATURA

Xa temos aquí algunhas das fotos tomadas no PHOTOCALL que sobre o PATRIMONIO instalamos na FESTA DE VOZ NATURA 2018.

LETRAS GALEGAS 2018

O pasado 16 de maio un ano máis celebramos cun festival o remate das actividades que con motivo do DÍA DAS LETRAS GALEGAS  estivemos realizando ao longo deste mes. Participaron todos os niveis e cursos con cancións, bailes, representacións teatrais, ou recitados, nesta xornada festiva que compartimos todos xuntos con ilusión e ledicia.

(Premede en cada pequeno corazón para visualizar as distintas presentacións de imaxes)

VISITA Á CASA DO PATRÓN

O pasado martes, 16 de maio, todos os alumnos e alumnas de Educación Infantil foron de excursión a Doade (Lalín) para visitar "A CASA DO PATRÓN", un museo etnográfico onde realizaron unha serie de actividades relacionadas con oficios artesanais, visitaron as instalacións do museo e tamén viron o antigo castro de Doade, onde actualmente se están realizando excavacións. Na seguinte presentación podedes ver como pasaron a xornada os máis pequenos do cole.

 

(Premede nos pequenos círculos para visualizar as imaxes)

MATRÍCULA CURSO 2018-19

Premede na seguinte imaxe para acceder á lista definitiva de admitidos para o vindeiro curso 2018-19. Recordamos a todos que do 20 ao 30 de xuño tedes que pasar polo centro para formalizar a matrícula.

II CONCURSO FOTOGRAFÍA A METEOROLOXÍA

Xa temos aquí o resultado da segunda edición do noso concurso "FOTOGRAFÍA  A METEOROLOXÍA".

Recordamos que segundo as bases da convocatoria, as fotografías debían amosar distintos FENÓMENOS METEOROLÓXICOS (chuvia, nubes, arco da vella, neve, néboa, sarabia, treboadas, raios etc.) cun ou varios elementos do PATRIMONIO MATERIAL DA NOSA ZONA XEOGRÁFICA (enlazando así co proxecto que levamos a cabo este curso sobre o noso patrimonio material e inmaterial).

Destacamos a calidade dos traballos presentados e así mesmo agradecemos a todos a súa participación.

 A foto gañadora e as finalistas son:

1º PREMIO - "Sol e sombra nos muíños do Folón" Antía Conde Pérez de 2º de EP.

Finalistas:

"Agardando a treboada" Xián Almeida López de 6º EI

" A promesa a Noé" - Iria Iglesias González de 5º EI

"Remembranza invernal Ourense" - Sofía J. Serrano González - 5º de EI 

Na seguinte presentación podedes ver a foto gañadora, as finalistas e todas as presentadas:


No festival que realizaremos con motivo da celebración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS, entregaremos os premios aos gañadores e tamén un agasallo a todos os participantes. 

 

VISITA A METEOGALICIA E O PARLAMENTO GALEGO

UN MARTES METEOROLÓXICO!!                                     O martes 8 de maio amenceu cuberto de estratos de ilusión e nervios na cidade de Ourense. O alumnado de 4º e 5º de primaria cos profes do centro, e os nosos compañeiros do CEE O PINO, almorzamos cedo para iniciar unha pequena viaxe á capital de Galicia.

Unha néboa mesta de sorrisos acompañounos no autobús polo alto de San Martiño. Chegamos puntuais e fresquiños á nosa primeira parada: a sede de Meteogalicia!! Alí comezamos co lanzamento dunha radiosondaxe á estratosfera. Quedamos anubrados!!                                                

Logo disto, tivemos unha interesante xornada de formación sobre os meteoros máis habituais, os tipos e formación das nubes, o ciclo da auga e sobre como se forman as tormentas. Non quitamos ollo e respostamos moitas inquedanzas!.     

Tamén nos ensinaron diferentes instrumentos de medida das variables meteorolóxicas.               Fomos testemuñas de como funciona unha sala de predición e de onde se extraen os datos para facer as predicións que lemos todos os días nos xornais.

Con todo este orballo de datos meteorolóxicos, mentres o sol tentaba facerse camiño entre os estratos do ceo, encamiñámonos cara a segunda parada: o Parlamento de Galicia.

Alí o noso guía acompañounos pola Sala dos Reis, as bibliotecas, as salas onde se reúnen os grupos parlamentarios e por suposto a Sala de Plenos. Houbo unha chuvia intensa de datos e máis datos moi interesantes. Na sala de plenos tivemos unha gran sorpresa: un saúdo personalizado do mesmísimo presidente da Cámara!

Tamén tivemos unha visita dun deputado que nos explicou en que consistía o traballo dos parlamentarios.
Cheos de información e emoción no corpo (e tamén unhas pingas de fame) encamiñámonos cara a Alameda de Santiago, onde o sol xa quentaba. 
Xa pola tarde, cos estómagos cheos, paseamos coma un brisa suave polo belo Casco Vello da cidade, chegando á praza do Obradoiro e á praza de Praterías onde moitos descubrimos por primeira vez a Catedral!
Así, chegamos á fin desta experiencia que pasou rápida coma un raio. Xa estamos agardando a seguinte! 

 

Na páxina web de METEOGALICIA fixéronse eco, a través de twitter, da nosa visita:

 

AQUALOXÍA

Os alumnos e as alumnas de 3º de primaria realizaron no centro o pasado 27 de abril un taller práctico sobre a auga denominado "AQUALOXÍA", taller promovido por VIAQUA en colaboración co Concello de Ourense. 

O obxectivo desta actividade é o de concienciar aos rapaces e rapazas sobre a importancia do medio ambiente e da auga. Da man de dous monitores coñeceron o proceso que segue a auga nas cidades mediante recursos dixitais e interactivos.

Primeiramente nun vídeo coñeceron a Minerva, Qualo, Vitrubio, Clara e Salvador (personaxes de debuxos animados) que lles foron explicando o ciclo natural da auga e o seu ciclo urbán: a súa potabilización, a distribución, a depuración... ao mesmo tempo os nenos e nenas foron realizando xogos, actividades prácticas e experimentos: como analizar e limpar a auga, como facer que chegue ás casas...

 "Os principios pedagóxicos nos que se fundamenta Aqualogía baséanse en metodoloxías didácticas que posibilitan a educación urbana dos máis pequenos. Ademais de achegar aos estudantes o coñecemento dos ciclos natural e urbano da auga, a través de material audiovisual, de experimentos prácticos e xogos, este programa didáctico trata de potenciar a participación e interacción dos alumnos." (sinopse extraída da páxina de educación (programas) do Concello de Ourense). 

Ao final os alumnos recibiron un diploma pola súa participación neste taller que para eles resultou moi divertido e motivador polo seu carácter tan interactivo e práctico.

 

 

DÍA DA SOLIDARIEDADE INTERXERACIONAL

Dende o ano 2009 cada 29 de abril celebrase o DÍA EUROPEO DA SOLIDARIEDADE E COOPERACIÓN ENTRE XERACIÓNS co obxectivo de sensibilizar e dar impulso ás relacións interxeracionais como factor potenciador dunha maneira de envellecer activa e positiva. Unha iniciativa que pretende animar á sociedade a replantexarse o concepto de solidariedade interxeracional, e ensalzar as oportunidades que ofrece á hora de promover a cooperación mutua e a interacción xeracional entre xoves e maiores para compartir habilidades, valores e experiencias. 

 

Existen unha serie de beneficios que a convivencia interxeracional proporciona ás persoas maiores e algúns deles son que:

- Produce benestar físico, psicolóxico, emocional e social.

- Propicia a percepción e valora formas de vida distintas da propia. 

- Potencia a súa participación social e conectan co presente. 

- Fomenta o interese por aprender e estimulan a capacidade de aprendizaxe. 

- Aumenta as relacións sociais e disminúen as situacións de illamento e soidade. 

- Posibilita a transmisión da cultura e das tradicións ás novas xeracións. 

- Fai que a vida cotiá das persoas maiores sexa máis dinámica. 

Conscientes do gran valor que representan estas relacións tanto para os maiores coma para os máis pequenos, con motivo desta celebración promovemos un encontro entre xeracións facendo unha nova visita ao Centro Residencial de Maiores de San Amaro, alí vivimos o 27 de abril unha nova experiencia integradora. 

Premede nas seguintes imaxes para enlazar co blog do proxecto "Pedra, Auga, Sabedoría e Terra" onde tedes toda a información sobre este encontro:

 

Powered by Drupal - Design by artinet