Outras datas sinaladas

APADRIÑAMENTO LECTOR NA CASA

Queremos dar as grazas a tod@s pola vosa participación na actividade "APADRIÑAMENTO LECTOR NA CASA" que convocamos con motivo da celebración do DÍA MUNDIAL DO LIBRO, o pasado 23 de abril.

Aquí vos deixamos o vídeo co resumo das imaxes. E o máis importante, non esquezades que TODOS OS DÍAS TEN QUE HABER UN MOMENTO PARA A LECTURA NA CASA!!

DÍA DO LIBRO 2020: AGASALLO DE SABELA GAGO

Xa sabedes que hoxe, 23 de abril, celebramos O DÍA MUNDIAL DO LIBRO e aínda que estamos na casa, ímolo a festexar igualmente.

Os libros teñen que ser os nosos compañeiros todos os días, tanto para buscar información e coñecer cousas novas, coma para gozar nos tempos de lecer. Xa sabedes que o equipo de biblioteca propúxonos a actividade do APADRIÑAMENTO LECTOR (podedes envíar as fotografías dos padriños e madriñas léndolles aos afillados/as ata o domingo 26 de abril), un divertido xogo de adiviñas de libros para os pequenos de infantil, 1º e 2º de primaria e distintos enlaces á páxinas de lecturas online e xogos interactivos.  

Ademais temos unha sorpresa para vos neste día tan especial!! A gran contadora de historias e actriz, SABELA GAGO, que tantas veces ten vido ao cole a contarnos e facernos partícipes das súas historias, mandouvos este vídeo contándonos un simpático conto de XOÁN BABARRO. Non perdades detalle:

 

MOITAS GRAZAS SABELA POR ESTE AGASALLO TAN ESTUPENDO!!

DÍAS MUNDIALES DOS BOSQUES, DA AUGA E DA METEOROLOXÍA

Un ano máis celebramos na semana do 18 ao 24 de marzo o DÍA MUNDIAL DA AUGA (21 de marzo), o DÍA INTERNACIONAL DOS BOSQUES (22 de marzo) e o DÍA METEOROLÓXICO MUNDIAL (23 de marzo), con diversas actividades para destacar a importancia destes elementos na nosa vida e en toda a natureza e sensibilizar sobre o coidado e protección do medio ambiente en xeral. Destacamos algunha delas:

1- Plantación de árbores. Os máis pequenos/as do cole plantaron castiñeiros e carballos a partir de castañas e belotas que trouxeron das súas casas. 

2- Os maiores de 4º, 5º e 6 plantaron 3 bidueiros que nos enviou a Deputación Provincial. Primeiramente nas aulas traballaron o libro "DAMA DE AUGA E O SEGREDO DAS ÁRBORES", (enviado tamén pola Deputación Provincial), libro que ten como protagonista á Dama de Auga, amiga das augas e das árbores que vivía nas terras de Ourense xunto coas ninfas e os gnomos e que loitará para liberar e salvar da contaminación dez árbores que aparecen na historia.

 Cada curso púxolle o nome ao seu bidueiro e encargarase do seu coidado. 

3- Dende o equipo de biblioteca tamén quixeron que a sensibilización cara o coidado e protección do medio ambiente foran o eixe da temática para a celebración do DÍA MUNDIAL DA POESÍA (21 de marzo). Así xa expuxeron as poesías que sobre A NATUREZA  realizaron os alumnos e alumnas do centro.

 

 (Premede na imaxe para ver todas as poesías no blog do equipo da biblioteca escolar).

4- Realizouse a selección de fotografías do concurso fotográfico sobre o inverno que convocara o equipo de METEOESCOLAS do centro (da que vos informaremos en breve). 

DÍA UNIVERSAL DO NENO

No DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA (20 de novembro), recordamos os DEREITOS DE TODOS OS NENOS E DE TODAS AS NENAS.

Picade en cada número para ler un resumo de cada dereito.

DÍA DA SOLIDARIEDADE INTERXERACIONAL

Dende o ano 2009 cada 29 de abril celebrase o DÍA EUROPEO DA SOLIDARIEDADE E COOPERACIÓN ENTRE XERACIÓNS co obxectivo de sensibilizar e dar impulso ás relacións interxeracionais como factor potenciador dunha maneira de envellecer activa e positiva. Unha iniciativa que pretende animar á sociedade a replantexarse o concepto de solidariedade interxeracional, e ensalzar as oportunidades que ofrece á hora de promover a cooperación mutua e a interacción xeracional entre xoves e maiores para compartir habilidades, valores e experiencias. 

 

Existen unha serie de beneficios que a convivencia interxeracional proporciona ás persoas maiores e algúns deles son que:

- Produce benestar físico, psicolóxico, emocional e social.

- Propicia a percepción e valora formas de vida distintas da propia. 

- Potencia a súa participación social e conectan co presente. 

- Fomenta o interese por aprender e estimulan a capacidade de aprendizaxe. 

- Aumenta as relacións sociais e disminúen as situacións de illamento e soidade. 

- Posibilita a transmisión da cultura e das tradicións ás novas xeracións. 

- Fai que a vida cotiá das persoas maiores sexa máis dinámica. 

Conscientes do gran valor que representan estas relacións tanto para os maiores coma para os máis pequenos, con motivo desta celebración promovemos un encontro entre xeracións facendo unha nova visita ao Centro Residencial de Maiores de San Amaro, alí vivimos o 27 de abril unha nova experiencia integradora. 

Premede nas seguintes imaxes para enlazar co blog do proxecto "Pedra, Auga, Sabedoría e Terra" onde tedes toda a información sobre este encontro:

DÍAS MUNDIALES DOS BOSQUES, DA AUGA E DA METEOROLOXÍA

Na semana do 19 ao 23 de marzo celebramos como cada ano o DÍA MUNDIAL DA AUGA (21 de marzo), o DÍA INTERNACIONAL DOS BOSQUES (22 de marzo) e dende o pasado curso tamén nos unimos (ao participar no proxecto de METEOESCOLAS) á celebración do DÍA METEOROLÓXICO MUNDIAL (23 de marzo). Celebracións moi relacionadas entre sí e que tratan de facer unha chamada ao coidado do medio ambiente e á defensa da natureza: sensibilizarnos a todos sobre a conservación dos bosques, o bo uso da auga e o seu aproveitamento, os beneficios que nos aportan os servizos meteorolóxicos para a seguridade e o benestar da sociedade e as medidas que mitiguen o cambio climático. Son en liñas básicas o que tratamos de transmitir aos nosos alumnos e alumnas a través de actividades relacionadas coas datas mencionadas. 

1- VISITA DE ANXO MOURE.

Tamén este ano nos visitou Anxo Moure, incansable defensor da natureza e do pacifismo e un referente na educación ambiental dos máis pequenos. Realizou tres sesións de contacontos: unha con todo o alumnado de infantil, outra cos alumnos e alumnas de 1º, 2º e 3º de primaria e unha terceira co alumnado de 4º 5º e 6º de primaria. Este vez chegou coa Barca dos Contos do pescador e barqueiro do río Miño, Pepe "Barbo" que nos falou do río e dos seres que o habitan, das xacias que acariñan para que haxa paz, do paxaro Martiño... e ensinounos a reciclar, convertendo as malas novas que traen os xornais en corazóns de papel reciclado cos que agasallar á nosa familia e amigos. E rematou bailando e cantando con todos con consignas sobre a vida do río e o coidado da natureza.

 2. PLANTACIÓN DE ÁRBORES.

Realizamos unha nova plantación de árbores, concretamente este ano foron 4 salgueiros que plantamos na zona traseira do colexio e que plantaron e apadriñaron os alumnos e alumnas de 3º, 4º. 5º e 6º de primaria.

Alumnos e alumnas de 3º con PELUSO  Os nenos e nenas de 4º con SALIX
LIGNUM foi o nome elexido polos rapaces e rapazas de 5º para o seu salgueiro E os maiores do cole puxéronlle ASPIRÍN a súa árbore 

 3. ENCONTROS 4X (4 XERACIÓNS): REFRÁNS POPULARES SOBRE O TEMPO.

Nunha celebración conxunta co colexio "CEE O PINO" que se atopa moi preto do noso, recibimos no cole a Sergio, membro da nosa comunidade educativa, que nos foi explicando ditos e refráns populares relacionados cos distintos fenómenos atmosféricos e de como estes refráns antigamente servían de guía para a previsión do tempo e para a planificación á hora de sementar ou recoller as colleitas. 

Premendo na seguinte imaxe tedes máis información, no blog do proxecto de Voz Natura do noso centro, sobre esta interesante charla impartida por Sergio para conmemorar o Día Meteorolóxico Mundial: 

 

ENCONTROS 4X: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Para celebrar o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER, entre outras actividades, propuxemos dentro dos Encontros 4X (4 XERACIÓNS) a nais e avoas da nosa comunidade educativa que viñeran ao noso centro a contar aos alumnos e ás alumnas a súa experiencia no mundo laboral, o traballo que desempeñaron, as súas dificultades, a desigualdade no trato recibido fronte ao traballo dos homes... Queremos dar as grazas a todas as nais que se acercaron ao centro ao longo do mes de marzo a compartir as súas experiencias cos cativos: Ana, Bárbara, Carolina, Esther, Flor, Isabel, Noelia, Paula, Sandra Lucía e Uxía e tamén a todas aquelas que, quixeron estar con nós pero que por falta de dispoñibilidade horaria a causa dos seus traballos ou cargas familiares non puideron facelo. 

No seguinte enlace ao blog do proxecto de Voz Natura do noso centro, podedes ver como resultou a experiencia e as conclusións extraídas da mesma:

- A VOZ DAS MULLERES

E na seguinte presentación podedes ver, como resumo do traballo realizado nas aulas, unha pequena mostra da exposición realizada sobre mulleres pioneiras que destacaron ao longo da historia:

 

OBRADOIRO DE POESÍA

O vindeiro 21 de marzo celebraremos un ano máis o DÍA MUNDIAL DA POESIA, data sinalada pola UNESCO para recordarnos que a "POESÍA É UNHA VENTÁ Á DIVERSIDADE EXCEPCIONAL DA HUMANIDADE". Ademais das actividades que, coma todos os anos organiza o Equipo de Dinamización da Biblioteca Escolar, os alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria participaron o pasado 14 de marzo nun obradoiro de poesía organizado polo Concello de Ourense chamado "OS NOSOS VERSOS-DÍA DA POESÍA".

Neste obradoiro, realizado no centro, os nenos e nenas traballaron a figura de María Victoria Moreno, autora a que se lle adica este ano o "DÍA DAS LETRAS GALEGAS   2018". A partir da lectura dalgún dos poemas desta escritora, os nenos foron coñecendo diferentes figuras literarias, a rima, a musicalidade dos versos...para logo interpretar por grupos os versos de María Victoria. 

 

     (Premede nas imaxes para acceder á galería de fotos)

No seguinte enlace ao blog da biblioteca do centro tedes máis información sobre a celebración desta data:

- DÍA DA POESÍA - A BIBLIOTECA DE LIBRÍN 

 

ENCONTROS 4 X

Como xa sabedes neste curso estamos desenvolvendo o proxecto: AUGA, PEDRA, SABEDORÍA E TERRA, a través dos encontros 4X,  entre 4 Xeracións, entre nenos/as, pais/nais, avós/avoas e bisavós/bisavoas. 

Para conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER (o vindeiro 8 de marzo), gustaríanos contar coa vosa axuda. Necesitamos que as mulleres da nosa comunidade educativa veñan ao centro para falarnos do seu traballo. Para iso só tedes que cubrir a ficha que os nenos e nenas levaron para as súas casas e enviala de volta ao cole antes do próximo martes.

Animádevos a participar nesta actividade e grazas de antemán a todas pola vosa colaboración.

DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO MUNDIAL

Cada 16 de novembro celébrase o DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO MUNDIAL, data na que se asinou, en 1972,  a acta da Convención para a Protección do Patrimonio Mundial Cultural e Natural, convención que sentaba as bases para desenvolver a protección de todos aqueles lugares da Terra cun valor universal excepcional e que por iso debían pertenecer ao patrimonio común da humanidade. A riqueza patrimonial pode ser de tipo Cultural (monumentos, conxuntos ou lugares cun valor extraordinario... dende o punto de vista da historia, arte, ciencia, antropoloxía ou etnoloxía), Natural (monumentos naturais, formacións xeolóxicas ou lugares excepcionais polas súas características estéticas, científicas, de conservación ou beleza natural) e Inmaterial ( festas, artes, tradicións que conforman o acervo cultural). 

Para conmemorar esta data no cole fixemos dúas actividades:

- A primeira delas consistiu nunha serie de charlas (unha por cada curso de primaria), sobre OS PARQUES NATURAIS DE GALICIA, parte do noso patrimonio natural, centrada principalmente nos Parques Naturais da provincia de Ourense: P.N. O Invernadeiro,  P.N. Baixa-Limia  Serra do Xurés e P.N. Serra da Enciña da Lastra. A charla estivo inpartida por Inma, uha integrante do grupo Sustinea, unha asosiación non lucrativa que se propón como obxectivos: 

"o estudo, a divulgación, defensa do Medioambiente e a promoción dun cambio posible e necesario, da relación do ser humano coa Natureza, actuando para promover un modelo sostible".

Inma, mediante unha presentación e dunha maneira moi amena, segundo o nivel dos nenos e nenas, foi explicandolles  que eran os Parques Naturais, cales eran os lugares da provincia de Ourense que ostentaban dita categoría, cales eran características básicas destes lugares, a súa flora e fauna, como podíamos protexelos e coidalos... Segundo o nivel dos alumnos, a relatora completou a charla con algún xogo e os nenos fixeron unha morea de preguntas. 

  

 - A segunda das actividades foi a realización da primeira exposición de fotos da riqueza cultural e natural do patrimonio da nosa contorna. Enmarcada dentro do noso proxecto "AUGA, PEDRA, SABEDORÍA E TERRA", co que queremos dar a coñecer e valorar os bens materiais, culturais e naturais da zona na que se atopa a noso centro, fíxose esta exposición despois de buscar e investigar polos distintos pobos. Así atopamos: fontes, lavadoiros, cruceiros, petroglifos, igrexas, pazos, muíños, un convento abandonado... ata un museo onde se recollen aparellos da labranza, ferramentas de distintos oficios...

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

       No seguinte enlace, ao blog de Voz Natura do cole, podedes ver máis ampliada esta información:

- AUGA, PEDRA, SABEDORÍA E TERRA

 

Powered by Drupal - Design by artinet