Día da paz

CIRCUITO: RODANDO CARA A PAZ

 

Para seguir conmemorando o DÍA DA PAZ, fixemos un circuito que chamamos RODANDO CARA A PAZ.

No patio preparáronse dous circuitos, un para infantil e outro para primaria. A actividade consistía en percorrer o circuito en parellas onde un dos membros se montaba nunha plataforma con rodas e o outro tiña que empurralo ou tirar del para ir chegando ás distintas probas do tramo.

Entre os dous tiñan que superar as distintas probas e superar así tamén un atranco para a paz que atopaban nos carteis das distintas probas.  Finalmente chegarían á meta onde se atopaban uns murais con palabras representativas de accións que fomentan a PAZ entre as persoas.

 

Cremos que foi unha actividade moi divertida e sobre todo unha forma de mostrar que para sortear as dificultades que podemos atopar para chegar á paz nada mellor que a axuda dos/as amigos/as!!!!

 

 

VISITA DE PACO NOGUEIRAS POLO DÍA DA PAZ

 

 

Hoxe conmemórase o DÍA MUNDIAL DA PAZ e veunos visitar nin máis nin menos ca PACO NOGUEIRAS.

 

Nas aulas estivemos escoitando dúas das súas cancións para a PAZ: APERTAS QUE VOAN E MÓVETE.

Cancións que puidemos cantar hoxe tamén con el.

 

Un concerto ao aire libre que nos encantou. Movémonos, participamos, bailamos e pasámolo xenial.

 

Moitas grazas PACO por vir a cantar e bailar connosco!!!!

 

  

Iris tivo a sorte de ser a elexida de bailar no escenario con Paco Nogueiras e que ben o fixo. Seguiuno xenial e axudounos a non perdernos no baile!! Fantástico Iris.

O NOSO CARTEL DA PAZ

Este cartel creuse de xeito colaborativo coa participación de nenos e nenas de diferentes aulas.

Queda exposto na entrada do centro.

O DÍA DA PAZ

 

O 30 de xaneiro celébrase este día adicado a conmemorar unha cultura de non violencia e paz. A educación para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto, a non violencia e a paz son motivos para recordalo cada ano.

É un dereito da infancia e de toda a humanidade.

Por tal motivo invitamos este ano a todo o alumnado a escribir unha mensaxe/desexo de paz nunhas cintas de cores que agora colgan da árbora da entrada do colexio, dando colorido e lembrando que xuntos podemos traballar eses valores que axudasn a forxar un mundo máis solidario, máis xusto, máis digno e libre.

Ademais desta iniciativa fixéronse outras actividades como murais, pombas, grúas, fotocall da paz, .... e incluso un gran símbolo da paz recheo de tapóns de plástico, que resaltan a importancia da reciclaxe para coidar o medioambiente.

Deixámosvos aquí uns vídeos coas fotos das actividades realizadas.

 

 

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ 2021

Un ano máis celebramos no colexio esta data tan significativa, aínda que dunha maneira un pouco diferente, ao non poder facer actos conxuntos, fóra dos grupos estables ou grupos "burbulla". 

Na clase traballáronse aqueles valores relacionados coa PAZ E A NON VIOLENCIA, con vídeos, cancións, lecturas... e todo isto reflectiuse nos traballos que se realizaron nas diferentes aulas: BRAZALETES para lucir estes días nos brazos con lemas, palabras e frases alusivas a esta conmemoración. Tamén se fixeron MUÍÑOS DE PAPEL e cartolina que se decoraron tamén con frases, palabras e debuxos e que logo se "plantaron" en macetas e noutros recipientes para decorar con eles corredores e ventás. 


 

DÍA ESCOLAR DA NON-VIOLENCIA E DA PAZ 2020

Un ano máis, o pasado 30 de xaneiro celebramos no colexio O DÍA ESCOLAR DA NON-VIOLENCIA E DA PAZ, como xa sabedes, data que se conmemora dende 1964 nos centros escolares por iniciativa do profesor Llorenç Vidal e que coincide co aniversario da morte do líder espiritual Mahatma Gandhi. Con este día preténdese reinvindicar a necesidade dunha educación para a paz, que promova valores coma o respecto, a igualdade, a tolerancia, a solidariedade, a cooperación e a non-violencia. 

Estas foron algunhas das actividades que realizamos ao longo da semana do 27 ao 31 de xaneiro:  

TODOS UNIDOS NUN MUNDO EN PAZ 


 

Este ano eleximos o lema "TODOS UNIDOS NUN MUNDO EN PAZ". Realizamos un mural que colocamos na entrada do colexio e tamén realizamos unha cadea de nenos unidos pola paz, a fraternidade, a solidariedade, a amistade, o compañeirismo, a cooperación, a axuda... 

Os alumnos e alumnas plasmaron plasticamente a nenos e nenas de todas as razas, países, culturas ...  Con eles realizamos unha cadea, que colocamos polos diferentes pasillos, para reinvidicar a igualdade, dentro das diferenzas propias de cada un, de todos os nenos e nenas do mundo.  

 

MENSAXES POLA PAZ   

 

 Os alumnos e alumnas  de 2º de primaria realizaron un gran mural con mensaxes pedindo a paz, a solidariedade e  a cooperación no mundo.

 

 

 XUNTOS FACEMOS A MESTURA PERFECTA 

          Nas clases de inglés os alumnos e alumnas tamén realizaron actividades conmemorativas desta data, traballando vocabulario e expresións axeitadas á mesma para entre todos acadar a mestura perfecta que nos axude a vivir en paz e harmonía.  

 

ATRAPASOÑOS E GLOBOS POLA PAZ 

Confeccionáronse "atrapasoños" co símbolo da paz, e decoráronse globos de papel (non se lanzaron globos ao aire para evitar o uso de plásticos) con mensaxes relativos á paz, tamén se confeccionaron outros adornos e manualidades alusivas. 

 

CANTAMOS E BAILAMOS POLA PAZ 

O día 30 realizamos un acto conxunto no pista cuberta do colexio. Primeiramente dous alumnos de 6º de primaria leron un manifesto  "DECÁLOGO PARA MEDRAR EN PAZ" coas pequenas accións que todos podemos realizar para contribuír á paz e á concordia ao noso arredor.

Logo cantamos e bailamos tres cancións: "PAZ, PAZ" de JUANES;  "O BAILE DA PAZ", de MAMÁ CABRA e "POLCA DA PAZ".  

 

 

SAÍMOS NO XORNAL

O pasado mércores, 6 de febreiro, saímos no xornal!!! No suplemento XORNAL ESCOLAR do xornal LA REGIÓN,  fíxéronse eco das actividades que realizamos con motivo da celebración do DÍA da PAZ e do DÍA da EDUCACIÓN AMBIENTAL, algunha das cales xa vos contamos nunha anterior entrada.  

DÍA DA NON-VIOLENCIA E DA PAZ 2019

Na semana do 28 de xaneiro ao 01 de febreiro celebramos no colexio diversas actividades con motivo da celebración o 30 de xaneiro do DÍA ESCOLAR DA NON-VIOLENCIA E DA PAZ, data na que se conmemora a morte do líder pacificista MAHATMA GANDHI. Pretendemos que os nenos e nenas aprendan valores como protección, coidado, solidariedade, diálogo, comprensión, non-discriminación, cooperación ... en contra da cultura imperante da violencia, da discriminación, da forza, do despilfarro, da explotación... 

En consonancia cos proxectos que se levan a cabo no centro (Proxecto Anual: "Entre salgueiros, bidueiros e carballos" e o programa de MeteoEscolas), este ano centrámonos máis en concreto no coidado e defensa das árbores e da natureza. A contaminación, os incendios... están provocando o cambio climático; a explotación indiscriminada da natureza e os recursos, está provocando as guerras nos países máis pobres... e todo isto rematará por acabar coa vida que sustentan a auga, as árbores e os bosques. 

Despois de traballar nas aulas estes valores, destacamos algunha das actividades realizadas en común:

PARAUGAS  DA PAZ - Realizamos  mensaxes pedindo a paz no mundo, desexando que esta  "caiga"  en forma de choiva (aludindo á importancia que ten a auga na vida). 

A ÁRBORE DA PAZ - tamén colgamos mensaxes na árbore da entrada do centro, árbore que representa a natureza e o coidado dos nosos bosques. 

 

 REALIZACIÓN DE MURAIS- En diferentes aulas realizáronse outros murais sobre a paz: nun deles, realizado polos nenos e nenas de 5 anos, destacan a figura de WANGARI MAATHAI, defensora dos bosques e dun mundo sostible; primeira muller africana en recibir o premio Nobel da Paz. Os pequenos e pequenas de 4 anos, decoraron a famosa pomba de Picasso... 

 

TEATRO: O BOSQUE DA PAZ- Alumnos e alumnas de 4º de primaria puxeron en escena para todos os seus compañeiros  (en dúas sesións: unha para o alumnado de infantil, e outra para o alumnado de primaria) a obra O BOSQUE DA PAZ. Obra, onde ademais de falar do coidado das árbores e da natureza, presentanos unha situación onde vemos como podemos resolver os conflitos de forma pacífica, usando a intelixencia e non a violencia. 

  

 

BAILAMOS E CANTAMOS- celebramos un pequeno acto conxunto (que por culpa do mal tempo tivemos que facer en dous turnos no salón de actos do colexio), comezando coa lectura dun manifesto en defensa da paz, realizado polos alumnos e alumnas de 6º de primaria. Logo cantamos e bailamos tres cancións: "REDUCIR, REUTILIZAR E RECICLAR", "BAILEMOS XUNTOS" e "PAZ, PAZ", vivindo unha vez máis a ledicia de sentirnos xuntos contaxiándonos dun sentimento común de cariño e felicidade.  

 

 

 

 

DÍA ESCOLAR DA PAZ 2018

O martes, 30 de xaneiro, celebramos o DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ como remate dunha serie de actividades sobre esta celebración que viñamos realizando en semanas anteriores no centro. Entre elas destacamos as que fixemos conxuntamente:

A PAZ EN-CAIXA: Para a entrada do cole realizamos con caixas de cartón as nosas mensaxes e debuxos alusivos á Paz.

 

 

  

LATAS (LATUCADA) POLA PAZ: aproveitamos tamén o reciclado de latas para mandar as nosas mensaxes de paz. Segundo a letra da canción LATAS POR LA PAZ decorámolas segundo as consignas: AMOR, BICOS, AMIGOS E SOÑOS.

 

 

ÁRBORES DA PAZ: quixemos tamén adornar a árbore da entrada do cole e unha das árbores do patio coas pombas da paz que decoramos previamente nas aulas. 

 

 

INVESTIGANDO SOBRE A PAZ E O ABECEDARIO DA PAZ: o equipo de dinamización da bilioteca escolar, ademais da tradicional exposición de libros sobre a paz,  preparou dúas actividades. Para o alumnado de primaria, un traballo de investigación sobre a paz e para todo o alumnado, tanto de infantil comode  primaria, a realización dun abecedario da paz, onde cada letra fai alusión a unha palabra relacionada coa paz. 

 

CANTANDO POLA PAZ: fixemos un acto conxunto no patio dianteiro do colexio onde quixemos expresar os nosos desexos de paz, amizade, solidariedade e cariño con tres cancións: LATAS POLA PAZ, canción que cantamos acompañamos tocando as latas decoradas previamente, PAZ, PAZ, PAZ (Juanes) e BAJO EL MISMO SOL (Álvaro Soler e Jennifer López). Previamente alumnos de 6º leron un pequeno manifesto sobre a paz e o que pedimos co noso pequeno acto. 

 

 

 

DÍA DA NON-VIOLENCIA E DA PAZ 2017

Ao longo das últimas semanas realizamos nas aulas actividades relacionadas coa PAZ para preparar a celebración, o 30 de xaneiro, do DÍA ESCOLAR DA NON-VIOLENCIA E DA PAZ. Este ano, como novidade, aunamos tamén esta celebración co DÍA MUNDIAL DA EDUCACIÓN AMBIENTAL, que se conmemora o 26 de xaneiro. Deixámosvos unha mostra dos traballos realizados:

RECICLAMOS PALABRAS...

Como este curso o noso proxecto de VOZ NATURA versa sobre a reciclaxe e o aproveitamento dos recursos, os alumnos e alumnas de 5º de primaria, decidiron que tamén podíamos reciclar palabras:

Reciclar palabras contrarias á paz e pasalas por unha planta de tratamento para obter palabras renovadas, cheas de ilusión, solidariedade, comprensión...  

E así realizaron un mural sobre a RECICLAXE DE SENTIMENTOS. 

RECICLAMOS TAPÓNS...

 

 

Ademais de reciclar palabras, quixemos reciclar materiais que empregamos habitualmente e aproveitalos para realizar un mural conxunto.

Con tapóns usados tratamos de expresar neste mural os nosos desexos de paz e solidariedade e, ao mesmo tempo, lanzar unha mensaxe sobre o coidado do noso planeta e sobre o aproveitamento dos recursos. 

REALIZAMOS MANDALAS POLA PAZ E POLO COIDADO DO MEDIO AMBIENTE...

Os nenos e nenas tamén colorearon mandalas co fin de activar a nosa enerxía positiva e manifestar os nosos desexos de paz, amor, respecto, coidado.. Con elas decoraron a árbore da entrada do cole. 

No seguinte enlace podedes coñecer algo máis sobre o significado das mandalas:

 

 QUE SON AS MANDALAS? 

 

 RECORDAMOS FRASES E PERSOAS QUE LOITARON POLA PAZ...

Os nenos e nenas de 2ºB quixeron recordarnos frases famosas relacionadas coa paz que pronunciaron diferentes dirixentes internacionais, pacifistas ou artistas... A figura de Malala Yousafzai, Premio Nobel da Paz, foi recordada polos alumnos de 6º.

EXPRESAMOS COAS MANS E CO CORAZÓN OS NOSOS DESEXOS DE PAZ...

Os pequenos e pequenas de infantil plasmaron as súas mans pola paz do mundo e con corazóns quixeron expresar os rapaces e rapazas de 3º o significado da paz para eles...

BUSCAMOS AS CORES DA PAZ...

Alumnos e alumnas de 1º de primaria realizaron unha experiencia sobre as cores e a paz, con educadoras do grupo XARELA.

Premede no enlace ao blog de VOZ NATURA onde se explica a actividade:

BLOG VOZ NATURA 

FIXEMOS NUBES DE ETIQUETAS SOBRE A PAZ...

Alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º expresaron, a partir dun remuíño de palabras cal era para eles o significado da palabra paz, e logo plasmáronno visualmente mediante o emprego de nubes de etiquetas realizadas co ordenador. A actividade foi realizada nas tres linguas que estudamos no centro: galego, castelán e inglés. 

 

 

ELABORAMOS RECEITAS PARA A PAZ...

O equipo da biblioteca escolar e o equipo de comedor axiña se puxeron de acordo: que mellor para estas datas que facer receitas pola paz!!.

Dito e feito, xa veredes que receitas tan saborosas realizaron:

RECEITAS PARA A PAZ...

 

 E FINALMENTE BAILAMOS POLA PAZ.

E o 30 de xaneiro culminamos todas as actividades relacionadas con estas datas cun pequeno acto conxunto.

Primeiro lemos o manifesto sobre a Paz onde expresamos os nosos desexos cara un mundo pacífico e en harmonía coa natureza e logo bailamos dúas danzas:

- LA HORA DEL PLANETA (JUAN D e BEATRIZ)

- DANZA DA PAZ (MAMÁ CABRA)

Powered by Drupal - Design by artinet