Skip to Content

Gabita, o club de ciencia do IES Praia Barraña

 

Gabitas mariscando na Praia de Barraña

 

Comezamos este curso estreando un club de ciencia dedicado á observación e investigación das aves. Un club que ten nome propio, Gabita. As gabitas (Haematopus ostralegus) son esas aves que aparecen na imaxe mariscando na Praia de Barraña. Escollemos as aves como centro de interese porque son moitas as que podemos observar na contorna do centro. Algunhas son residentes, outras visítannos cada ano. Unhas poucas chegan até as nosas costas, empuxadas fóra das súas rutas migratorias por fortes ventos. As menos, son especies exóticas, escapadas de parques ou de gaiolas de particulares. Todas nos interesan e o noso obxectivo é ir coñecéndoas e colaborar na súa conservación.

Dentro das actividades do club de ciencia imos levar a cabo observacións e fotografía de aves; construción de comedeiros e caixas niño; experimentos de física que nos permitirán comprender como voan  e como se orientan nas súas migracións; papiroflexia; estatística; análise de augas e estudo das rochas.  Iremos publicando os resultados do noso traballo.

Nesta aventura vainos acompañar, Gabi, unha gabita ruidosa e inconfundible, co seu longo peteiro vermello e as súas patas rosas. Vive na Praia de Barraña e vai estar encantada de axudarnos a descubrir os segredos dos seus colegas, eses pequenos dinosauros emplumados, supervivintes da última gran extinción, que seguen entre nós e teñen moito que aprendernos.Se sentides curiosidade pola ornitoloxía,  invítamosvos a unirvos ao club.

Ana Urbieta

 

 



page | by Dr. Radut