Skip to Content

Intercambio Climático con Canarias 2016

 

Entre os días 11 e 18 de marzo, o IES Praia Barraña  participou no Intercambio Climático con Canarias, dentro do proxecto educativo Climántica. Este proxecto enmárcase dentro da educación para o desenvolvemento sostible que ten como obxectivo permitir que os estudantes adquiran os coñecementos, competencias, actitudes e valores necesarios para un futuro sostible. Tamara Pérez, Marta Santamaría, Miguel Lamas e Xoel Blanco de 3º de ESO A, desprazáronse a Tenerife coa profesora de Bioloxía e Xeoloxía, Ana Urbieta. Formaban parte dun grupo de 21 alumnos e alumnas e 5 docentes de 5 centros galegos, o IES Virxe do Mar de Noia, o IES Poeta Añón de Outes, o IES Praia Barraña de Boiro, o IES Rosalía de Castro de Santiago e o CIP dos Dices de Rois.

A delegación galega chegou o venres á illa de Tenerife e os alumnos dedicaron a fin de semana a iniciar a convivencia coas familias, que os levaron a coñecer a illa. A única actividade incluída no programa durante a fin de semana foi unha observación nocturna dende o Teide das principais constelacións, así como da lúa e do Planeta Xúpiter e os seus satélites. Esta actividade foi dirixida polo pai dun alumno canario, implicado no intercambio, experto en Astronomía. Na actividade participaron os estudantes e docentes galegos e canarios, así como as vinte familias de acollida. A actividade pechouse cunha cea picnic na que se degustaron produtos típicos da gastronomía canaria.

O luns 14 foi o primeiro día do plan de actividades desenvolto en horario escolar. As actividades que se desenvolveron o primeiro día iniciáronse ás 8:30 co desprazamento ao Instituto Tecnolóxico das Enerxías Renovables (ITER) situado no Sur da illa de Tenerife. Neste centro de investigación e divulgación das enerxías renovables, de referencia en España, os estudantes abordaron ao longo da mañá as actividades relacionadas con tres ámbitos diferentes: 1) Itinerario das demostracións prácticas do paseo das enerxías renovables, 2) Charla coloquio impartida por unha técnica do Instituto Vulcanolóxico, integrado no ITER e que tratou sobre os riscos volcánicos e o potencial da vulcanoloxía en relación á enerxía xeotérmica; 3) Visita a dúas vivendas bioclimáticas que aluga  o ITER a familias e sobre as que fai un seguimento das condicións de temperatura e humidade durante o tempo no que están ocupadas polas familias.

 

Na primeira parte das actividades do ITER os alumnos foron seguindo un itinerario por diferentes simuladores do funcionamento das enerxías renovables, acompañados da técnica de divulgación do ITER. Con cada unha das demostracións fixo unha serie de preguntas ás que os alumnos responderon aplicando os coñecementos que tiñan acadados sobre enerxía renovable. As actividades centráronse nun forno solar, onde analizaron os diferentes elementos claves do seu funcionamento a través dunha serie de preguntas que lles formulou a técnica. A continuación visitaron unha placa solar térmica, procedendo coa mesma metodoloxía, e facendo fincapé na relevancia desta enerxía nas illas, que coa insolación característica do clima, permite abastecer a práctica totalidade de auga quente das vivendas.

A seguinte parada fíxose na placa fotovoltaica. Nela a técnica, Natalia, explicou o fundamento para xerar electricidade mediante o efecto da luz sobre os electróns do silicio, que impulsa aos electróns que se conducen xerando a enerxía eléctrica. En relación a este tipo de enerxía renovable analizáronse de forma comparativa as políticas actuais en relación a este recurso que se están a seguir en España e en Alemaña.

O itinerario das enerxías renovables rematou coa análise do funcionamento dunha desalgadora solar capaz de xerar 4 litros de auga doce por día desalgando auga do mar. A partires deste dato analizouse a relevancia deste recurso para obter auga doce nas illas, sen consumo enerxético, a partires de auga do mar.

Unha vez rematado itinerario das enerxías renovables, os 42 estudantes das dúas comunidades autónomas desprazáronse ao salón de actos para analizar as relacións dos volcáns coa enerxía xeotérmica e valorar os riscos do vulcanismo en Canarias.

As actividades no ITER remataron ás 14 horas visitando vivendas bioclimáticas para descubrir as estratexias arquitectónicas relativas ao tipo de materiais de construción, á orientación e aos sistemas de ventilación utilizados para manter a temperatura constante. Tamén puideron comprobar cómo se obtiñan os datos relativos aos efectos sobre a temperatura e humidade  derivados da ocupación das vivendas por parte das familias que as alugaban.

Unha vez finalizadas as actividades no ITER, a comunidade educativa implicada no intercambio desprazouse á praia que se atopa na ladeira do volcán Montaña Vermella, onde chegaron ás 14.15 para proceder a bañarse e a comer. Xa pola tarde iniciaron o itinerario de ascenso ao volcán de Montaña Vermella, analizando o cono volcánico recente e a xeomorfoloxía que se contempla desde os seus 171 m de altura.

As actividades do seguintes catro días.

O martes as actividades desenvolvéronse no Parque Nacional do Teide pasando polo Val da Orotava, percorrendo o camiño que seguiu o famoso naturalista Alexander Von Humboldt na exploración que realizou á illa en 1799.

O mércores as actividades foron de investigación mediante o mergullo para observar a recuperación do ecosistema degradado do fondo oceánico do porto de Adeje. Mergullámonos no marco dunha actividade de achegamento ao proxecto SeaLab/Aula Mariña. Esta experiencia consistíu en sumerxerse para participar na conservación baixo as augas da futura micro reserva mariña do Puertito de Adeje. As inmersións foron guiadas por profesionais.

O xoves os estudantes traballaron no centro de investigación atmosférico de Izaña, un centro de investigación internacional  que leva a cabo a vixilancia e investigación dos compoñentes atmosféricos capaces de propiciar un cambio no clima da Terra (gases de efecto invernadoiro e aerosois) e un deterioro da capa de ozono mundial, así como o daqueles compoñentes que xogan un papel fundamental na calidade do aire, tanto a escala local como global. As actividades, que se desenvolveronn en grupos de tres, centráronse no ámbito da fenoloxía, ciencia que estuda a relación entre os factores climáticos e os ciclos dos seres vivos, explicándonos como variou a flora e a fauna nesta zona debido ao cambio climático.

O venres celebrouse o acto académico de clausura da fase do intercambio 2016 en Canarias. Aquí os alumnos galegos presentaron os seus proxectos escolares. Os alumnos do IES Virxe de Mar (Noia) abordaron o tema da sustentabilidade do berberecho no contexto do cambio climático, nós, os do IES Praia de Barraña de Boiro presentamos, O mexillón da batea á conserveira, os do IES Poeta Añón (Outes) presentaron A lamprea e o cambio climático no río Tambre, os do IES Rosalía de Castro (Santiago) abordaron o proxecto A biodiversidade e dominios climáticos das plantas da Alameda de Santiago e os estudantes do CPI dos Dices de Rois, presentaron o proxecto Bosque de ribeira no río Rois.

Foi unha marabillosa experiencia educativa. 

Podedes ver o vídeo do intercambio neste  enlace

 

 

 

 



page | by Dr. Radut