You are herecontent / Charla sobre a Antartida a cargo de Javier Cristobo, director do Centro Oceanográfico de Xixón

Charla sobre a Antartida a cargo de Javier Cristobo, director do Centro Oceanográfico de Xixón


O pasado venres 4 de novembro dentro das actividades do día da ciencia en galego estivo no IES Javier Cristobo, director do Centro Oceanográfico de Xixón. Ofreceunos tres charlas e concedeulle tamén unha entrevista á radio do centro.

Grazas á súa visita puidemos coñecer mellor a Antártida, por exemplo a súa biodiversidade, como corais brancos, pulgas de mar, moluscos mariños, pingüíns e estrelas de mar entre moitas outras especies. Tamén soubemos que, a diferencia do Polo Norte, a Antártida é un continente rodeado de tres océanos e que o cambio climático estalle afectando especialmente, posto que cada ano está a perder máis auga.

Xa é a oitava ocasión que Cristobo aproveita para visitar o sexto continente. Esta última vez estivo na base española en Illa Decepción, posto que ao ser unha illa volcánica, que está composta por sedimentos formados por cinzas volcánicas e non por xeo, facilita que se poida mergullar nas súas xélidas augas para investigar. Ademáis contounos que cando van á Antártida, alí é verán e as temperaturas oscilan entre os 0ºC e os -15ºC, e é moito máis doado investigar que si foran no inverno, cando as temperaturas chegan aos -40ºC e unha capa de xeo de metros de grosor cobre o continente.

Tivemos a posibilidade de facerlle as preguntas que nos quedaran no tinteiro mentres el falaba. Puidemos aclarar que por razóns de seguridade, levan un traxe especial na auga para mergullarse e non botan dentro dela máis dunha hora. Ademáis soubemos que a primeira vez que pisou a Antártida se sentiu como unha “formiga no medio da nada”.

Na entrevista concedida á radio, contounos que o estudo dunha colección de esponxas foi o que o levou, dalgunha maneira, á Antártida e que unha especie de esponxa leva o seu nome, “Cristoboi”. Tamén nos confesou que a primeira expedición foi a máis emocionante para él posto que non sabía que ía volver, nin moito menos que ía ter a posibilidade de visitala oito veces. Sobre os seus plans de futuro, puidemos saber que vai investigar, en barcos oceanográficos, arrecifes de corais polas Azores, dende Canadá ata Noruega…

Dende aquí agradecémoslle a súa visita, así como os agasallos que nos deixou para o centro: unha pedra pómez recollida por él mesmo en Illa Decepción e un bote pequeno cheo de cinza volcánica recollida tamén no cono volcánico da mesma illa.

 


 

AS NOSAS CREACIONS

Radio na Biblio

CALENDARIO

Distribuir

Distribuir contido