Saltar navegación.
Inicio

Tres "pelis" diferentes

Marisa Agulló, 12/01/2013

Os que me coñecen saben que me gusta moito o cine, e aproveitando estas pasadas vacacións visionei tres "pelis" de contido completamente diferente, pero que creo que merece a pena ver.

A primeira foi AS SESIÓNS, moi do estilo de INTOCABLE pero de factura diferente, esta é americana e penso que se nota. O tema é o seguinte: Un home novo, poeta, que está condenado a vivir suxeito a un pulmón de aceiro e, chegada a súa idade adulta, quere ter a primeira experiencia sexual pero ten dous problemas, á parte da súa propia inmobilidade; unha é que non sabe como poñelo en práctica, asunto que se resolve acudindo a unha especie de "coaching" sexual, e a outra -que é a que lle xera problemas de conciencia- é a súa educación católica e xa sabemos a postura da igrexa en canto ás relacións prematrimoniais.

O protagonista é un actor que eu non coñezo, o papel -boísimo- da "coaching" está interpretado por Helen Hunt (a de MELLOR IMPOSIBLE, onde traballaba con Jack Nicholson) e o papel do cura católico, interpretado por un actor maior que traballa moito cos irmáns Coen, é maxistral cuns diálogos moi agudos.

A segunda OS MISERABLES, imaxino que coñecedes a obra de Víctor Hugo, pois ben a película é un musical puro e duro. Moi ben feita, a maioría dos actores interpretan admirablemente, a escenografía alucinante (sobre todo a primeira escena), o vestiario moi logrado (creo, por certo, que é un español que ademais está nominado aos Óscar). Recomendable para quen lle gusten os musicais.

A terceira é a miña favorita: A NOITE MÁIS ESCURA, dirixida por Katrin Bigelow  (a primeira muller que consegue un Óscar pola "peli" EN TERRA HOSTIL).

O tema é a caza de Bin Laden pola CIA. Está baseada nun caso real: a obsesión dunha axente da CIA que dende o 2001 -cando ocorre o atentado das Torres Xemelgas e os EEUU se senten vulnerables- non acouga ata a súa captura en maio do 2011, non desiste ata dar con el e vai seguindo diferentes pistas dende Arabia Saudí, Afganistán e Pakistán, pistas que son un pouco desatinadas para os seus xefes pero que non impiden que siga co seu labor porque a consideran unha boa axente e con valor.

Nun principio parece que vas ver algo xa sabido pero durante case tres horas te mantén , feita con un ritmo perfecto, a música envólvete, a fotografía é tan real que parece que esteas nos mesmos escenarios e o que máis sobrecolle é que son feitos que sucederon "antonte" e a uns Kms. de casa.

Todos os actores están moi ben, pero o papel da protagonista, unha actriz nova -que está dando moito que falar- é maxistral (agora mesmo non recordo o seu nome pero sei que foi a que traballou con Brat Pit en A ÁRBORE DA VIDA estreada o ano pasado).

Espero que a  aqueles que lles guste ir ao cine, de cando en vez, se sintan animados a ver algunha delas. Aínda están na carteleira.

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com