Estimadas familias:
No CEIP Plurilingüe da Ramallosa, somos conscientes da relevancia da transformación das comunidades de aprendizaxe, e esforzámonos día a día para seguir incorporando metodoloxías innovadoras e motivadoras na aula. Sen esquencer outros contidos e actividades máis tradicionais que non deixan de ser importantes por moito que pase o tempo. Para todo isto desenvolvemos diferentes proxectos e actividades que nos parecen de gran interese para os nenos. Moitos están directamente vinculados á Área de Ed. Musical; Proxecto UkeCole, Proxecto Percusión Tradicional Galega, Radio Escolar, Polos Creativos, Proxecto Recollida...
Dende a Área de Educación Musical, continuaremos tentando facer o máis enriquecedora e motivadora posible para os cativos área de Ed. Músical.
Seguiremos sen empregar de forma protagonista a frauta, polo que, un anos máis, non terán que mercala en ningún curso. Isto non significa que non vaiamos a dar ningún tipo de formación relativa a este instrumento de vento.
Darémoslle continuidade, por cuarto ano consecutivo ao "Proxecto Ukecole", mantendo a dinámica do ano pasado de traballar con este instrumento dende 4º ata 6º de Ed. Primaria.
Tamén seguiremos traballando no "Proxecto de Percusión Tradicional Galega", para o que lles solicitaremos a compra dunha pandeireta a partir do 3º curso de Ed. Primaria, instrumento que seguirán tocando durante toda a etapa de Ed. Primaria.
En 1º e 2º de Ed. Primaria, os discentes tamén aprenderán a tocar diversos instrumentos relacionados coa música tradicional; cunchas, culleres, tixola, bombo.... pero non é preciso que merquen nin traian nada á aula. O mesmo ocorre co alumnado de Ed. Infantil.
Como todos estes anos pasados, non empregaremos libro de texto, pero si estou a confeccionar uns cadernos por niveis coa teoría básica e actividades para traballar aspectos importantes relacionados coa linguaxe musical e outra teoría. Ireivos informando a vós e aos nenos sobre este tema ao longo do trimestre.
Como xa mencionamos, a todo este traballo sumaranse outras moitas propostas e proxectos musicais, instrumentos de aula (Placas ORFF, Baixo eléctrico, batería,...)
Pódese visionar toda a liña de traballo da área a través da nosa propia páxina web da Área de Música "RAMALLOSA MUSICAL"
Moitos dos contidos da área, son tamén parte do xerme que propiciou o premio que recibimos do "Proxecto Didáctico Antonio Fraguas". Unha recompensa á nosa labor educativa e ao empeño por poñer en valor a nosa música, cultura, tradición, lingua, natureza...
O resultado de todo este traballo que estamos a facer tamén o expoñeremos en diferentes formatos en setembro-outubro do 2023 no "Museo do Pobo Galego", que xunto a "Fundación Antonio Fraguas" e o apoio de Política Lingüística convocan este importante galardón educativo.
INFORMACIÓN COMPRA DE MATERIAL:
No seguinte PDF dispoñen de información para facilitarlles a compra dos instrumentos e outro material complementario; pandeireta e ukelele, afinador, púas e cordas de reposto...
- BANCO SOLIDARIO DE INSTRUMENTOS:
O centro dispón, dun "banco solidario de instrumentos" grazas á colaboración da "ANPA Río Tella".
A través do mesmo, poñeríamos en marcha un sistema de préstamo do instrumento se algunha familia ten dificultades para mercalo
Consulte toda a info aquí
DÚBIDAS HABITUAIS:
1. Cando teñen que levar a clase os instrumentos? Cando "empezan"?
Tanto co ukelele como coa pandeireta, a intención sería poder empregalos o antes posible, pero non quero poñer prazos, porque entendo que a volta ao cole sempre é un pouco estresante co material e toda a reorganización familiar. En todo caso, nós xa estamos traballando en aula en contidos relacionados con estes instrumentos.
De feito, quixen compartir agora toda a información para deixar un tempo prudencial e deixarvos respirar un pouco despois do atracón de libros, material etc.
Aproveito para aconsellarvos que se tendes pensado mercar unha pandeireta tradicional, dependedes tamén de que os artesáns teñan en "stock" instrumentos feitos (co que non soe haber problema). Pero si sería bo que fixerades o encargo en tempo.
Como soemos facer nos cursos de 4º, 5º e 6º, iremos rotando os instrumentos! Unha semana ukelele, outra pandeireta (e así sucesivamente).
(A vindeira semana centrarémonos na parte de Música Tradicional/pandeireta.)
Os motivos de rotar son varios:
- Rendabilizar máis o traballo na aula, dado o escaso tempo semanal que temos para a materia de Ed. Musical.
- Evitar que os discentes veñan moi cargados de peso, tendo en conta que xa a mochila lles supón un peso máis que suficiente.
- Tentar darlle tempo aos cativ@s para traballar cos diferentes instrumentos. Para o que tamén preciso da vosa axuda, fomentando que leven o traballo de música día a día! Basta con que estedes pendentes de que practican o que facemos na aula.
Que organicemos o traballo de cada instrumento semanalmente non significa que só poidan tocar cada instrumento de 15 en 15 días. Senón todo o contrario. A práctica instrumental, como todas as cousas, require dun mínimo de adicación personal constante. Contarán con todas as ferramentas e tempo para poder facelo e o nivel de esixencia será acorde á presenza da área no currículo.
Nota metodolóxica: É mellor que toquen 5 minutos cada día, que deixar para o día antes da clase a práctica do traballo proposto dúas semanas antes. Non tería sentido! Non se lembrarían de nada e o avance no instrumento sería nulo. Para iso, a vosa colaboración é vital! Non digo que teñades que ensinarlle cousas de música, simplemente que vos interesedes polo traballo da área diante deles. Preguntándolle o que teñen que facer igual que facemos os papis/mamis noutras áreas, pedíndolles que vos ensinen e toquen o que están a aprender, etc
Así, xuntos motivarémolos e faremos que aprendan a ser disciplinad@s, organizad@s e responsables do seu
2. Poden compartir instrumento dous irmás? Váleme un que teño na casa?
Tanto no caso do ukelele como da pandeireta, se teñen algún na casa que esté en "bo estado" (dun irmá, regalado,...) vale perfectamente, sempre que esté en bo estado e sexa axeitado para a práctica instrumental.
Tamén podedes compartir entre irmáns o mesmo instrumento. Incluso no cole! Sempre que non estean no mesmo grupo-clase. Aínda que coincida a clase de música no mesmo día, podemos organizar para que na hora de música poidan empregar o da/o irmán indo a recollelo á súa clase.
3. Que tamaño de pandeireta compro? Sete ou nove pares (de ferreñas)? Agora mesmo (polo tamaño da súa man, forza e demais...), a que mellor lle viría sería a de 7 pares (especialmente ao alumnado de 3º e 4º. Pero por outra banda, a de 9 pares é "definitiva". É dicir, aforrarían de volver a mercar pandeireta. Valeríalle para toda a vida! Por iso é difícil ás veces recomendar unha ou outra a estas idades. Resumindo, para o que sería a etapa de primaria, quedaríalle xenial a de 7 pares porque é máis manexable. Pero se a seguen tocando, máis adiante, terían que mercar unha de 9 pares, porque lle quedaría pequena a de 7. Agardo que lles axudara na decisión☺
4. Terían que levar e volver a levar o instrumento para a casa? Poden deixalo no cole? O instrumento teñen que traelo e levalo, para que poidan ir tocando na casa e avanzando. Como en calquera instrumento ou actividade, a práctica é fundamental para avanzar nas apredizaxes que iremos traballando na aula. E tamén de cara á avaliación final dos mesmos.
5. Onde deixan o instrumento unha vez cheguen ao cole? Haberá un sitio no centro asignado para poder gardar os instrumentos o día que teñen música.
6. Teñen que "levar o nome posto"? Igual que coa roupa, é importantísimo identificar co nome do alumno tanto os instrumentos como a funda. Fágano do xeito que prefiran, coidando non estropear moito o instrumento, que sería unha mágoa. No caso do ukelele podedes poñelo na zona onde está o "clavijero" (onde se afina, por detrás, en pequeno). E coa pandeireta, facelo tamén na parte interior da madeira en pequeniño (queda máis escondida). Coas fundas é máis sinxelo! Seguro que teñen ideas incluso mellores, pero é por darlles eu algunha opción.
Para calquera outra dúbida, poden contactar comigo a través do seguintes medios:
- correo electrónico: oscar@ramallosa.org
- Vindeira asamblea e reunións de titoría que se farán proximamente no centro trala comunicación de cada titor/a.
Atte. Óscar (Mestre Especialista de Ed. Musical)
Anexo | Tamaño |
---|---|
Info familias Ed. Musical 2022_23.pdf | 617.45 KB |