Skip to Content

UNHA AGRESIÓN AO NOSO ENTORNO NATURAL

 QUE SE QUERE FACER?

 A empresa TOYSAL pretende construir unha planta de xestión de residuos cunha extensión duns 135.000 metros cadrados na antiga canteira da Casalonga. Está pensada para tratar diversos tipos de residuos orgánicos, cun volume que segundo o proxecto da empresa se situaría entre as 80.000 e as 90.000 toneladas anuais. Os máis numerosos serían os lodos procedentes de depuradoras de augas residuais (25.000 toneladas ao ano), residuos de industrias agroalimentarias (22.000 toneladas anuais) e lodos de conserveiras (20.000 toneladas anuais). Ademais procesaría 10.000 toneladas ao ano de subprodutos animais non destinados ao consumo humano, tecnicamente coñecidos polas siglas SANDACH, e unhas 3.000 toneladas anuais de xurros e estercos.

 O proxecto contempla habilitar os camiños de acceso e construír unha nave de recepción dos residuos agroalimentarios con dous tanques para líquidos e semilíquidos e un búnker para sólidos, así como instalar dous dixestores anaeróbicos, un tanque de almacenamento dos dixestatos e a construción das oficinas.

O proceso ao que se someten os residuos serve para obter fertilizantes, metano para producir electricidade de autoconsumo da planta, augas de condensación e residuos inertes como plástico, metal e envases. As augas serían empregadas, segundo a compañía promotora do proxecto, para tarefas internas como o lavado de camións e para un hipotético rego de plantacións forestais. O proxecto practicamente non detalla o destino dos fertilizantes nin os estudos de demanda dos produtos obtidos..

 ONDE?

 Na antiga canteira da Casalonga, nunha zona moi habitada e moi cerca das vivendas. O terreo ten ademais unha forte pendente o que aumenta o risco de inundación con productos contaminados en caso de accidente.

 QUE PROBLEMAS PODE ORIXINAR?

 A actividade da planta e o tráfico intenso de camións de gran tonelaxe cargados de lixo, xerarían cheiros moi molestos para as poboacións próximas.

  • Un informe encargado polo Concello de Teo advirte que as instalacións estarían situadas nun terreo inestable, ao tratarse dunha antiga canteira que soportou durante anos o traballo con explosivos e o recheo con restos de pedra. No proxecto prevese a construcción dunha balsa. de 7.000 m³ para acumular auga que se produce durante o proceso de tratamento do lixo. Esa balsa construída sobre un terreo inestable podería dar lugar a accidentes como o que no ano 1998 se produciu en Aznalcóllar (Sevilla) ao que corresponde a imaxe da dereita.

  • A auga acumulada nesa balsa (7.000.000 de litros)  ademais do risco que se sinalaba no apartado anterior, produciría un problema ambiental que afectaría á poboación e a moitas especies animais que estarían en contacto con augas contaminadas ademais de favorecer a proliferación de pragas de insectos e roedores.

  • En resumo: trátase dun proxecto incompatible coa calidade de vida das poboacións e os ecosistemas da zona.

 LIGAZÓNS DE INTERESE

 

 



page | by Dr. Radut