Outras actividades

ENCONTRO CON ANTÍA YÁÑEZ

Un ano máis participamos na actividade ENCONTROS CO AUTOR/A, que promove o Concello de Ourense, co fin de poñer en contacto aos alumnos e alumnas cos escritores e/ou escritoras e, que coñezan de primeira man a súa obra. 

Este curso, debido ás medidas sanitarias que xa todos coñecedes, foi a propia autora a que se desprazou ata o noso centro para charlar cos rapaces e coas rapazas de 5º de primaria,  grupo ao que vai destinada esta actividade.

O encontro coa xove escritora ANTÍA YÁÑEZ, tivo lugar o pasado venres, 22 de xaneiro, na aula de 5º. Previamente os alumnos e alumnas xa leran un libro da autora, concretamente: PLAN DE RESCATE. 

Para coñecer mellor como resultou esta actividade, premede na imaxe que vos enlazará co blog da biblioteca onde se explica máis detalladamente. 

OBRADOIRO DE ECOPERCUSIÓN

O pasado xoves, 3 de decembro, os alumnos e alumnas de 6º de primaria participaron en dous obradoiros (un para 6º A e outro para 6º B) sobre ECOPERCUSION. Esta actividade promovida polo Concello de Ourense ten marcados os seguintes obxecivos a acadar:

1.Achegar á percusión ao alumnado

2.Recoñecer rítmos e sonoridades 

3.Montar unha banda de ecopercusión 

4.Desenvolver as capacidades cognitivas, musicais e sociais.

O obradoiro foi impartido por Didier, profesor de percusión, empregando materias reciclados: cubos, bidóns, rolos de cartón... os rapaces e rapazas aprenderon a empregar estes materiais, técnicas de agarre e golpeo, patróns rítmicos, experimentación con distintos ritmos... 

Para os rapaces foi unha experiencia moi motivadora,divertida e ao mesmo tempo aprenderon a gozar e sentir coa música e co ritmo.

  


TALLER DE ECOPERCUSIÓN - Kizoa Movie Maker

HEROES CONTRA O CORONAVIRUS

Sempre, e agora moito máis, a saúde é unha materia que ocupa un importante papel no noso currículo. O grupo de educación para a saúde PUPAS, SUSTOS E OUTROS DESGUSTOS, ven desenvolvendo, dende fai algún tempo, un programa de educación sanitaria escolar que agora se centra en formación específica de prevención e manexo da covid nos colexios. 

O pasado venres, 9 de outubro, estiveron no noso centro para presentar o programa HEROES FRONTE O CORONAVIRUS, que ten como obxectivo, achegar, a todo o alumnado, información sobre a covid de forma dinámica, amena e participativa, para motivalos e facelos responsables do seu propio autocoidado. 

Neste día realizaron dunhas charlas, unha para o alumnado de 5 anos, e outra para o alumnado de  4º de primaria. Faláronlles do coronavirus Sars-Cov2, da enfermidade que provocaba, dos síntomas, das 3 M (máscara, mans limpas e manter a distancia)... todo isto con apoio de vídeos e en constante diálogo cos nenos e nenas, polo que a eles lles gustou moito, sobre todo cando ao final lles mandaron "lavar as mans" con pintura azul, para comprobar cantas zonas deixaban sen frotar e que debían cubrir ben toda a man e o pulso cando se lavaban. 

PABLO NOGUEIRA E A BANDA DE RAIMUNDA

O xoves 27 de febreiro recibimos de novo no colexio ao escritor PABLO NOGUEIRA que veu compartir unha estupenda xornada cos pequenos e pequenas de segundo curso de Educación Primaria. 

Premede na seguinte imaxe, no blog da nosa biblioteca escolar tedes toda a información:

CONTACONTOS CON SABELA GAGO

Unha vez máis recibimos no colexio a sempre esperada visita de SABELA GAGO (actriz, dinamizadora cultural, pedagoga, directora teatral, contadora de historias...), que esta vez veu contarnos unha historia sobre igualdade: "NOA NO ESPELLO".  

Concretamente, o día 17 de xaneiro, venres, realizou dúas sesións de contacontos: unha para o alumnado de Educación Infantil  e outra para o alumnado de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria. 

Interactuando cos pequenos e pequenas e co seu saber facer para captar a súa atención e espertar a súa imaxinación, contoulles a historia de Noa, Uxía e Antón e como chegaron a respectarse e facerse amigos a pesares das súas diferenzas. Tamén a mamá, a avoa e a mestra de Noa terán algo que ver nesta historia... 

 

Para saber máis sobre esta actividade, premede na seguinte imaxe que vos levará ao blog da biblioteca do centro onde tedes máis información:

UNHA VISITA MOI ESPECIAL

O pasado 28 de novembro o escritor carballinés PABLO NOGUEIRA estivo na nosa biblioteca para contar aos pequenos e pequenas de infantil de 4 e 5 anos e aos de 1º de primaria a historia de NUBE BRANCA QUERE SER ARTISTA, un dos seus libros para os máis cativos.

Os nenos acudiron ataviados coas súas diademas de plumas e moi ilusionados por coñecer a Pablo, do que tanto lles falaran as súas profes. Ademais cunha sorpresa engadida: unha tipi na biblio para meterse a ler e escoitar contos!!. 

A xornada foi todo un éxito, os pequenos disfrutaron coa historia de Pablo e participaron activamente seguindo as súas indicacións. 

Ao rematar entregaronlle a Pablo uns agasallos moi especiais e el asinoulles os seus libros.

 

Premede na seguinte imaxe, no blog da biblioteca tedes máis información e imaxes da sesión: 

I SEMANA DA DIVERSIDADE E DA IGUALDADE

I SEMANA DA DIVERSIDADE E DA IGUALDADE

DO 18 AO 25 DE NOVEMBRO 

IGUALDADE NA DIVERSIDADE 

  CEIP P. ALBINO NÚÑEZ

PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES

LUNS, 18 - Charlas e obradoiros impartidos por Tatiana (Orientadora do centro) e Idoya (mestra de PT)  ao alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º  de primaria.

MARTES, 19- Charlas e obradoiros para o alumnado de 5º e 6º de primaria.

MÉRCORES, 20 - Contos para a igualdade e o respecto á diversidade. Con libros seleccionados sobre o tema faranse sesións de lecturas e/ou contacontos por cursos. 

XOVES, 21 - Sesións de cine con proxección en cada curso de curtas ou películas. 

VENRES, 22 - Música, baile e cancións nunha celebración conxunta para reinvindicar a "igualdade na diversidade". 

 

A VERBATECA

A VERBATECA (O Laboratorio das Verbas) foi a actividade de Animación á Lectura realizada o pasado 29 de outubro no noso cole e na que participaron os pequenos e pequenas de 4 e 5 anos. 

Premede na seguinte imaxe para acceder ao blog da biblioteca escolar para obter máis información sobre a mesma e ver a presentación de todas as fotos.

PLAN DIRECTOR 2019-20

Unha vez máis a Consellería de Educación en colaboración coa Delegación do Goberno en Galicia puxo en marcha  o "PLAN DIRECTOR PARA A CONVIVENCIA E A MELLORA DA SEGURIDADE NOS CENTROS EDUCATIVOS E OS SEUS CONTORNOS",  co fin de responder de maneira coordinada e eficaz ás cuestións relacionadas coa seguridade de menores e mozos na escola e o seu entorno, fortalecendo a cooperación policial coas autoridades educativas nas súas actuacións para mellorar a convivencia e a seguridade no ámbito escolar, reforzando o coñecemento e a confianza nos corpos policiais. 

Tres foron as actividades deste plan que se realizaron nestes últimos días no noso centro e coas cales pretendemos formar aos nosos alumnos e alumnas para previr situacións de risco e darlles pautas de actuación.  

1- Charla sobre acoso escolar. O pasado 10 de outubro, Lorena, unha axente da Policía Nacional deu unha charla sobre o acoso escolar aos alumnos e alumnas de 5º de Educación Primaria. Faloulles, apoiada por imaxes e presentacións,  dos diferentes tipos de acoso, que persoas interveñen no mesmo, actuacións a realizar polos distintos membros da comunidade educativa, o ciber-acoso...  Os rapaces interviron constantemente para explicar as súas experiencias sobre o tema e facer preguntas.  

 

 

2- Charla sobre a violencia de xénero. Esta vez enfocada para o alumnado de 6º de primaria, tivo lugar o pasado 17 de outubro na biblioteca do centro.  Esta charla realizada pola mesma axente policial, Lorena, explicoulles e deulles orientacións sobre este tema tan acuciante na nosa sociedade, ao mesmo tempo contestou as dúbidas que lle plantexaron os rapaces e rapazas. 

 

3- Exhibicións. Ademais de realizar actividades para axudar a mellorar a convivencia e a seguridade nos centros, outro dos osbxectivos do Plan Director é o de dar a coñecer o labor que realizan as forzas de seguridade e fomentar a confianza nelas. Así tamén, o pasado 17 de outubro, os pequenos e pequenas de educación infantil estiveron coa axente Lorena que lles mostrou algúns dos medios cos que conta para realizar o seu labor: coche policial, cascos, esposas, escudos de proteción... propiciando así un acercamento dos nenos, libre e sen temores, aos corpos policiais.  Como imaxinedes, pasarono fenomenal montando no coche policial, tocando a serea, poñéndose o casco...

 

SESIÓNS DE CONTACONTOS CON SABELA GAGO

Unha vez máis recibimos no noso centro a visita da estupenda contacontos SABELA GAGO que deleitou nunha primeira sesión aos pequenos e pequenas de 1º e 2º de primaria e nunha segunda ao alumnado de 3º e 4º de primaria. Xogar coa imaxinación é a poderosa arma que emprega Sabela nas súas sesións que encantan aos nenos e as nenas que interactuando con ela expresan estados de ánimo, emocións... pasando uns momentos inolvidables. 

Se queredes saber máis sobre esta actividade premede nas imaxes, no blog da biblioteca escolar tedes máis información:

Powered by Drupal - Design by artinet