TEATRO: EU COCIÑO, TI COCIÑAS?

O 8 de abril os pequenos e pequenas de 1º e 2º de Educación Primaria acudiron ao Auditorio Municipal para presenciar o espectáculo: EU COCIÑO, TI COCIÑAS? de MAMÁ CABRA, espectáculo promovido pola obra social de AFundación e no que a música e a alimentación saudable son os protagonistas.

"Con esta nova montaxe, Mamá Cabra volve sorprender e enganchar a rapazada aos seus pegadizos sons e a unha historia onde a cociña é a protagonista. Unha proposta innovadora, onde a alimentación saudable se converte no medio perfecto para traballar novos aspectos curriculares.

Timoteo cambiou o seu quiosco por un restaurante que se chama COKI, xa que estaba preocupado porque os nenos e nenas comeran saudable. Ata fixo un blog para dar a coñecer as súas receitas con ingredientes moi especiais: sorrisos de mamá, empanadillas con amor... digo con xamón!, viaxes de papar e xogar, aventuras de piratas... Timoteo di que cociñando podemos percorrer o mundo e facer novas amizades". (Senopse extraída da páxina web de AFundación).

Recordamos que Mamá Cabra é un grupo musical galego adicado ao público infantil e formado por músicos que tocan de todo: batería, percusión tradicional, frautas e gaitas, baixo ecléctrico, acordeón, guitarra eléctrica e voz. 

Os seus espectáculos musicais son moi participativos e a súa música é divertida e incorpora valores didácticos, como a adquisición de hábitos saudables, ou o desenvolvemento das capacidades psicomotrices a través do baile e os movementos coordinados. Os ritmos modernos (rock, pop, funk…) dotan a Mamá Cabra dun especial atractivo que encanta non só aos nenos e nenas, senón tamén a toda a familia. 

 

Powered by Drupal - Design by artinet