SABOREANDO AS LETRAS

O venres, 27 de maio, os alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil foron ao Museo Municipal de Ourense para a ver a XXVII EXPOSICIÓN DE ANIMACIÓN Á LECTURA: SABOREANDO AS LETRAS, unha divertida exposición que este ano 2016, ANO INTERNACIONAL DOS LEGUMES, céntrase no mundo dos sabores e dos alimentos saudables. 

"O Pazo das Fabas será o nome imaxinario que reciba o edificio do Museo Municipal durante as sesións lúdico - didácticas da presente campaña de Animación á Lectura do Concello de Ourense.

Catro personaxes (actores) recibirán aos pequenos visitantes para guialos ao longo dunha aventura no interior do Pazo: Dente, Quino, Lavanda e Néboa.

Personaxes que mesturan realidade e ficción e cos que aprenderán xogando, creando e observando no Ministerio dos Legumes e no Ministerio das Nubes." (Sinopse extraída da páxina de Educación do Concello de Ourense).

Os obxectivos principais desta actividade son os de achegar aos nenos e nenas o mundo da lectura dun xeito atractivo e lúdico, fomentando a creatividade e a imaxinación a nivel individual e colectivo. Como este ano a exposición xira ao redor da boa alimentación e os legumes, ademais trátase de familiarizar aos nenos e nenas coa linguaxe dos alimentos, das cociñas e de que valoren a importancia dunha alimentación saudable na que os legumes son unha parte fundamental.

Os pequenos e pequenas de infantil recorreron entusiasmados os dous andares que ocupa a exposición, ocupados por imaxes e decorados especiais.

-A planta baixa do edificio estaba ocupada polo  MINISTERIO DOS LEGUMES, onde había unha mestura de cociña, horta e biblioteca. Alí os nenos/as leron e escoitaron contos, xogaron a clasificar legumes, a cociñar receitas máxicas...

-Na planta alta estaba o MINISTERIO DAS NUBES. Un mundo máxico entre nubes onde vive a GRAN FABA, unha planta leguminosa xigante. Aquí os nenos e nenas aprenderon o importante que son as nubes e a auga para que medren os legumes e a importancia do coidado da natureza. 

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet