COMEDOR ESCOLAR


UN COMEDOR 4S


A educación para  a saúde na escola é un reto que se está convertendo nun dos  obxectivos  de moitos centros escolares dende a última  década do século XX.


A alimentación humana  é un dos asuntos de maior relevancia e actualidade, tanto dende o punto de vista educativo, como dende unha perspectiva  social, por iso require unha atención especial por parte dos profesionais dos diferentes niveis educativos.


O comedor  escolar forma parte do contexto educativo,  polo que a través del deben de poñerse marcha estratexias para estimular aos nenos cara a adquisición dunha alimentación correcta e duns hábitos e valores adecuados.


O  comedor escolar é un recurso moi interesante   para promover bos hábitos cara un mesmo e cara os demais.


Os principais obxectivos que pretendemos acadar  mediante unha intervención educativa  no comedor están relacionados coas catro palabras clave que lle dan nome propio ao noso comedor : un comedor 4S:


-        SAUDABLE:  Ao proporcionarlle aos usuarios  unha comida de calidade , garantindo unha dieta equilibrada e variada.


-          SOLIDARIO: Capaz de promover nos cativos actitudes positivas cara eles mesmos, aprendendo a coidar da súa saúde; e cara os demais fomentando a cooperación, a responsabilidade e  a solidariedade.


-          SILENCIOSO: Favorecedor de comportamentos adecuados de convivencia.


-          SORRINTE:  Creando un espazo de convivencia agradable e cómodo, no que todos nos sintamos a gusto.


ATENCIÓN Á DIVERSIDADE NO NOSO COMEDOR


No noso  comedor atendemos ás características do alumnado: idade, historia persoal, diversidade cultural, capacidade de inxestión, ritmos, etc, intentando darlle a resposta adecuada a cada situación.


  • A idade terase en conta á hora de elaborar os menús ( ingredientes, incorporación progresiva de alimentos novos...) e á hora de  servir  as cantidades que necesitan os nenos.

  • O coñecemento da súa historia persoal permitiranos saber, ademais das posibles patoloxías, a relación que ten cada neno  coa comida, para poder vincular o acto de comer  con  propostas gratificantes: responsabilizalos de algunha tarefa que lle poida resultar motivadora, premiar os seus esforzos, eloxiar o seu bo comportamento, etc.

  • Debemos coñecer a capacidade de inxestión e o ritmo de cada neno para facer unha intervención adecuada.

  • O estado fisiolóxico (enfermidades dixestivas, trastornos alimentarios, alerxias…) e psicolóxico  (tristeza, preocupación, ansiedade,…)  porque  todas as súas necesidades alimenticias poden verse  afectadas.

  • Por último as diferenzas culturais terán que ser contempladas na organización dos  menús,  e nos tempos de adaptación dos nenos a estes , así como na planificación  de menús adecuados cando se trate de diferenzas relativas a preceptos relixiosos ou morais.

    METODOLOXÍA

    Distribución dos/as nenos/as  e dos colaboradores/as

  • Distribuiremos   aos/as  nenos/as  de maneira que en todas as mesas  haxa  cativos  de diferentes idades,  incluídos os de  educación infantil. Con esta organización pretendemos que os nenos maiores cooperen, dentro das súas posibilidades, cos máis cativos,  pondo en práctica os principios de responsabilidade e de solidariedade.

  • No caso de nenos de educación infantil que teñen irmáns, ou curmáns  no centro,  consultaremos  coas  familias  para saber se queren que se senten  xuntos ou separados á hora de comer,  co fin de lograr unha maior adaptación ao comedor escolar. Seguiremos  o criterio que as familias  consideren  idóneo.

  • A cada neno/a, ao comezo do curso, adxudicaráselle  un sitio fixo que, deberá de ocupar ao longo de todo o curso.  Salvo naqueles casos, nos que polo ben do neno, ou polo ben do grupo,  os colaboradores decidan un cambio para outra mesa, ou dentro da mesma mesa para outro sitio.

  • Con esta organización pretendemos  favorecer os hábitos de orde e eliminar ruído e alboroto  no comedor escolar.

  • Tamén se lle adxudicará   a cada colaborador/a  mesas fixas, co fin de que se familiarice cos/as  nenos/as  do seu grupo para poder axudalos, partindo  da realidade de cada neno/a, do seu momento evolutivo, das súas necesidades e dificultades.

  • Esta organización favorece que se estableza unha relación máis afectiva entre os/as coidadores/as  e os/as  nenos/as. Desta maneira os cativos, sobre todo os de educación infantil, sentiranse  máis seguros e cómodos no comedor ao identificarse sempre coa mesma persoa.

  • Esta organización facilita que o/a  educador/a poida avaliar a evolución dos/as  nenos/as e informar periodicamente ás familias.


AVALIACIÓN


  • Ao longo do mes de setembro cada colaborador/a  observará  aos nenos do seu grupo para detectar as dificultades que puideran presentar estes.

  • A finais de setembro teremos unha reunión conxunta na que  comentaremos as dificultades detectadas e elaboraremos  plans de mellora  individuais. Nestes  plans individualizados establecemos os  obxectivos específicos para cada neno/a, e  seleccionamos os recursos que consideramos máis idóneos para favorecer a  súa evolución.

  • O último xoves de cada mes teremos unha reunión conxunta para analizar o funcionamento do comedor escolar, a evolución dos/as nenos/as, as dificultades que puideran xurdir e as propostas de mellora.

  • Ao final de cada trimestre, cada colaborador/a , avaliará o grado de consecución dos obxectivos por parte do seu grupo.

    RECURSOS

    Para lograr que o noso comedor sexa saudable, solidario, silencioso e sorrinte empregaremos reforzos positivos e actividades que  poidan animar e motivar aos nenos/as.

Powered by Drupal - Design by artinet