Curso 2019-20

THE TIN SOLDIER

THE TIN SOLDIER é o nome da obra de teatro representada integramente en inglés polo grupo teatral "THEATRE 4 SCHOOLS" no Auditorio Municipal e, á que asistiron os nenos e nenas de 2º de Educación Primaria do noso centro o pasado 13 de novembro. 

A obra é unha adaptación do famoso conto "O SOLDADIÑO DE CHUMBO": "Pola noite, sen que ninguén se decate, os xoguetes cobran vida na habitación de Peter. O soldadiño namorase locamente dunha preciosa bailarina pero un bufón celoso botarao fóra da casa. Na rúa, o soldadiño fará novos amigos e amigas aínda que non será fácil porque unha choiva torrencial e un enorme peixe cruzaranse no seu camiño". 

O obxectivo desta representación é o de utilizar o teatro como ferramenta lúdica e pedagóxica que estimule aos alumnos e alumnas na aprendizaxe da lingua inglesa. 

Previamente traballamos na aula o vocabulario e as sinxelas estruturas gramaticais que se empregan na obra, mediante apoios visuais e xogos de vocabulario. Practicamos tamén as cancións que soan ao longo da representación, o que facilitou a comprensión por parte dos alumnos e alumnas, sendo ademais unha historia xa coñecida para eles.

A obra resultou moi entretida e os nenos/as participaron activamente na mesma, cantando as cancións e respostando as preguntas que sobre compresión lles fixeron os actores ao rematar. 

 

TROYA

O pasado 8 de novembro os alumnos e alumnas de 5º de Educación Primaria acudiron ao Auditorio Municipal para presenciar o espectáculo de teatro titulado TROYA, posto en escena pola compañía rioxana ZARÁNDULA S.C. e patrocinada por AFUNDACIÓN. Obra que ten como temática central os riscos das novas tecnoloxías. 

Cada día son máis habituais as fraudes tecnolóxicas cando navegamos pola rede cos ordenadores, tabletas ou móbiles e que permanecen ocultas como cabalos de Troia disfrazadas de "agasallos" e palabras como "de valde". Desde a intrusión con software de control remoto, Apps que duplican as SIM, captación de identidades e outros perigos menos evidentes coma o cobro por incrementar a calidade dos videoxogos gratuítos, a descarga de tons, as votacións en programas televisivos ou as compras on-line. 

Moitos mozos vense afectados por este tipo de estafas, como lles ocorre aos protagonistas desta obra, Héctor, Helena e Alejandro, que chegaran a tomar conciencia sobre os problemas do mal uso de Internet e dos móbiles. 

"Desde o programa de Educación Financeira de Afundación pretendemos dar resposta a esta problemática, tratando de concienciar o estudantado destes riscos e da necesidade de saber como protexer as súas finanzas persoais". (Sinopse extraída da páxina oficial de AFundación). 

 

SAMAÍN - HALLOWEEN 2019

Así celebramos o SAMAÍN-HALLOWEEN no colexio:

1. Adornamos aulas e corredores.

2. Decoramos portas.

3. Fixemos o tradicional obradoiro de cabazas na biblioteca.

4. Expuxemos as cabazas decoradas na entrada do cole.

5. Realizamos distintos tipos de manualidades.

6. Creamos "monstros" divertidos.

7. Lemos libros de "moito medo".

8. Tivemos merendas "terroríficas".

9. ... e viñemos ao cole disfrazados de bruxas, esqueletos, monstros, demos, vampiros e pantasmas!!!. 

 

(Se premedes en cada número da imaxe superior poderedes ver unha presentación de imaxes de cada actividade realizada). 

A VERBATECA

A VERBATECA (O Laboratorio das Verbas) foi a actividade de Animación á Lectura realizada o pasado 29 de outubro no noso cole e na que participaron os pequenos e pequenas de 4 e 5 anos. 

Premede na seguinte imaxe para acceder ao blog da biblioteca escolar para obter máis información sobre a mesma e ver a presentación de todas as fotos.

TEMOS PATOS NO COLE!!!

TEMOS PATOS NO COLE!! Acabamos de pór en marcha un novo proxecto dentro do programa de VOZ NATURA que levamos a cabo no centro e que se titula: NOS SEUS ZA-PATOS. Trátase dun proxecto de empatía activa, co que pretendemos, en liñas xerais:

  • Conseguir unha zona de relax na nosa escola, na que os cativos se sintan cómodos e tranquilos, observando, alimentando ou xogando  cos patos.
  • Mellorar a autoestima dos nenos dándolles novas responsabilidades.
  • Fomentar a aprendizaxe dinámica e participativa no coidado dos animais.
  • Conectar aos nenos coa natureza a través do coidado dos patos.
  • Ensinar e aprender de maneira activa, por descubrimento, observando, tocando, e investigando.
  • Asimilar valores medio ambientais baseados no respecto aos animais e á natureza
  • Reducir o estres a través do contacto cos animais.
  • Sacar a escola das aulas para deseñar novos espazos de ensinanza e de aprendizaxe.

Despois de prepararlles unha casiña na pequena carballeira que temos no patio do cole, xa temos alí instalados a 5 patiños cos que conviviremos e teremos experiencias ao longo deste curso.

Se queredes ter máis información sobre este proxecto, premede na imaxe e accederedes ao blog de Voz Natura do noso centro. 

 

PLAN DIRECTOR 2019-20

Unha vez máis a Consellería de Educación en colaboración coa Delegación do Goberno en Galicia puxo en marcha  o "PLAN DIRECTOR PARA A CONVIVENCIA E A MELLORA DA SEGURIDADE NOS CENTROS EDUCATIVOS E OS SEUS CONTORNOS",  co fin de responder de maneira coordinada e eficaz ás cuestións relacionadas coa seguridade de menores e mozos na escola e o seu entorno, fortalecendo a cooperación policial coas autoridades educativas nas súas actuacións para mellorar a convivencia e a seguridade no ámbito escolar, reforzando o coñecemento e a confianza nos corpos policiais. 

Tres foron as actividades deste plan que se realizaron nestes últimos días no noso centro e coas cales pretendemos formar aos nosos alumnos e alumnas para previr situacións de risco e darlles pautas de actuación.  

1- Charla sobre acoso escolar. O pasado 10 de outubro, Lorena, unha axente da Policía Nacional deu unha charla sobre o acoso escolar aos alumnos e alumnas de 5º de Educación Primaria. Faloulles, apoiada por imaxes e presentacións,  dos diferentes tipos de acoso, que persoas interveñen no mesmo, actuacións a realizar polos distintos membros da comunidade educativa, o ciber-acoso...  Os rapaces interviron constantemente para explicar as súas experiencias sobre o tema e facer preguntas.  

 

 

2- Charla sobre a violencia de xénero. Esta vez enfocada para o alumnado de 6º de primaria, tivo lugar o pasado 17 de outubro na biblioteca do centro.  Esta charla realizada pola mesma axente policial, Lorena, explicoulles e deulles orientacións sobre este tema tan acuciante na nosa sociedade, ao mesmo tempo contestou as dúbidas que lle plantexaron os rapaces e rapazas. 

 

3- Exhibicións. Ademais de realizar actividades para axudar a mellorar a convivencia e a seguridade nos centros, outro dos osbxectivos do Plan Director é o de dar a coñecer o labor que realizan as forzas de seguridade e fomentar a confianza nelas. Así tamén, o pasado 17 de outubro, os pequenos e pequenas de educación infantil estiveron coa axente Lorena que lles mostrou algúns dos medios cos que conta para realizar o seu labor: coche policial, cascos, esposas, escudos de proteción... propiciando así un acercamento dos nenos, libre e sen temores, aos corpos policiais.  Como imaxinedes, pasarono fenomenal montando no coche policial, tocando a serea, poñéndose o casco...

 

BASI E OS SEUS AMIGOS

Comunicámosvos unha actividade que nos parece moi interesante, a presentación do libro BASI E OS SEUS AMIGOS, "unha historia que fala da integración, do amor á diferencia e do respecto polo que cada un é. Un libro que amosa que os problemas poden disolverse con boas intencións e determinación e no que a empatía é a palabra clave".

No seguinte cartel tedes a información sobre o lugar de celebración, data e horarios. 

PROGRAMA SI - CURSO 2019-20

Igual que xa comezamos co programa de VOZ NATURA, xa comezamos tamén a traballar co PROGRAMA SI, SAÚDE INTEGRAL, que recordamos:  "é un programa de intervención escolar dirixido a nenos e nenas de 3 a 16 anos cun claro obxectivo: demostrar que a adquisición de hábitos saudables dende a infancia reduce os riscos das enfermidades cardiovasculares e mellora a calidade de vida na idade adulta".

E tamén coma en anos anteriores comezamos coa carta que o Doctor Fuster vos envía ás familias para animarvos a colaborar co programa:

Unha das novidades deste curso é a realización duns obradoiros de formación, para profesores e tamén para pais e nais. 

O pasado 1 de outubro xa tivo lugar no centro o taller dirixido ao profesorado: "AUTOXESTIÓN EN SAÚDE: DA ALIMENTACIÓN Á NUTRICIÓN". Impartido pola doctora Estefanía Zardoya Cabo, médica especialista en medicina de familia e comunitaria e coach polo ICC., combinando teoría con práctica e auto-reflexión. Estes foron algúns dos obxectivos propostos:

- Tomar consciencia do proceso da nutrición. Pasar de vivir para comer a comer para vivir.

- Reflexionar sobre os coñecementos sobre nutrición: proporcionar puntos claves con evidencia científica.

- Información actualizada sobre conceptos básicos en nutrición.

- Axudar a integrar os coñecementos na nosa vida cotiá. 

  (Nota sobre o obradoiro no xornal La Región o 2-10-2019)

 

Agora queda pendente de realizar o obradoiro dirixido aos pais e nais. En canto coñezamos a data de celebración seredes avisados. Contamos convosco, a vosa participación é fundamental para que continuedes nas casas cos hábitos saudables que dende a escola queremos inculcar aos nenos e ás nenas. 

Lembrade entrar tamén na páxina web do programa: https://www.programasi.org/. Alí atoparedes materiais e recursos que vos axudarán a fomentar un estilo de vida saudable. 

 As claves de acceso para as familias:

 Usuario: FAM32008458

 Contrasinal:   FAM32008458NS

 

·        

VOZ NATURA 2019-20

Comezamos o curso e comezamos tamén a nosa participación, un ano máis, no programa de educación medio-ambiental VOZ NATURA, que celebra xa a súa 23ª edición. O lema deste curso é "CONSTRUAMOS UN FUTURO SEN PLÁSTICO":

"O obxectivo principal deste curso é a erradicación dos plásticos de todos os ecosistemas. Os equipos realizan actividades orientadas a reducir a produción e consumo de plásticos, buscando alternativas máis sostibles e respectuosas co medio ambiente. Unha temática coa que Voz Natura quérese sumar ao imparable movemento a nivel mundial para combater os efectos prexudiciais dos plásticos na natureza" (sinopse extraída da páxina oficial de Voz Natura).

O título do noso proxecto é o de DESPLASTIFÍCATE!!! e con el tamén queremos contribuír á redución do consumo de plásticos, na nosa contorna, na escola e nas casas, polo que solicitamos tamén a vosa colaboración.

(Preme na imaxe para descargar a selección de centros participantes)

As actividades que realizaremos ao longo do curso quedarán plasmadas, coma en cursos anteriores,  no noso blog de Voz Natura que, de acordo co novo proxecto, estrea cabeceira:

Premendo na imaxe irás ao noso blog onde xa hai publicadas algunhas ideas para axudarnos a reciclar e reducir o consumo de plásticos.

Tamén vos deixamos un sinxelo cartel publicado por SOGAMA (Sociedade Galega do Medio Ambiente) cuns consellos básicos sobre a redución dos plásticos. ANÍMATE E COLABORA NA PROTECCIÓN DO MEDIO AMBIENTE. DI NON AOS PLÁSTICOS!!.


 

Powered by Drupal - Design by artinet