O horto dos amigos de Cardio

TRABALLANDO NO HORTO: PLANTAMOS TOMATES

APRENDEMOS :

Cando medren teremos que podalos para obter  unha colleita mellor. Isto farémolo aos 15- 20 díasdo trasplante. Eliminaremos os tallos laterais e as follas máis vellas.

Cando medren, para manter a planta erguida, evitando o contacto das follas e dos froitos co chan, teremos que suxeitala con paus verticais e horizontais.

Son febles esoen ter varias enfermidades polo que teremos que revisalos a miúdo.

 

PROPIEDADES E BENEFICIOS DOS TOMATES:
AXUDAN A PREVER ENFERMIDADES CARDIOVASCULARES
PROTEXEN FRONTE AO CANCRO DE PULMÓN E DE INTESTINO
COMBATEN INFECCIÓNS

 

 

 

 

 

 

O NOSO HORTO

O HORTO DOS AMIGOS DE CARDIO

Estamos convencidos de que os elementos fundamentais de desenvolvemento dos nenos  e dos seus futuros medios de vida son unha nutrición e unha educación adecuadas, por iso dende hai un tempo viñamos  dándolle voltas a idea de construír un horto ecolóxico e un “ xardín dos sentidos" na nosa escola.

No segundo trimestre decidimos darlle un empurrón a esta idea e poñela en marcha cos cativos de educación infantil, aproveitando que estaban desenvolvendo o proxecto , un proxecto de saúde integral.

Cremos que a través desta actividade melloraremos a calidade educativa e ambiental do noso centro  aproveitando os recursos materiais e humanos dos que dispoñemos.

O horto dos amigos de Cardio e o xardín dos sentidos axudarannos a poñer en práctica os seguintes   procedementos de actuación establecidos no noso proxecto educativo:

  • Ofertar un proxecto integral e integrador, baseado nunha educación transmisora non só de coñecementos senón de valores, de competencias e de actitudes.
  • Converter aos alumnos en protagonistas e en construtores do seu propio proceso de aprendizaxe, fomentando a aprendizaxe por investigación e o descubrimento.
  • Aproveitar os recursos, partindo do concreto e do próximo para chegar ao abstracto e ao xeral.
  • Educar na e para a saúde, fomentando unha alimentación e uns hábitos saudables, promovendo e participando en todas as actividades que conduzan a este fin.
  • Educar na sensibilidade, na cooperación, na responsabilidade  e no respecto  cara o medio ambiente, programando e desenvolvendo actividades  que esperten a conciencia ecolóxica dos nosos cativos.
  • Fomentar unha ensinanza interdisciplinar.
  • Aplicar a teoría das intelixencias múltiples no proceso de ensinanza-aprendizaxe.

A través desta actividade teremos a oportunidade de aprender técnicas de agricultura ecolóxica relacionadas coa preparación da terra e con outras tarefas (abonar, sementar, controlar enfermidades…); os  nomes e a  utilidade das diferentes ferramentas, a influencia do tipo de chan nos cultivos, etc.
Tamén recompilaremos adiviñas, refráns e cantigas relacionadas coas diferentes verduras e hortalizas e analizaremos os beneficios e as propiedades de cada unha delas para a nosa saúde.
No horto dos amigos de cardio os cativos aprenderán a sementar, a coidar, a cultivar e a recoller as verduras e as hortalizas que logo comerán no comedor escolar.
Esta experiencia promoverá o benestar medioambiental, social e físico da comunidades escolar e favorecerá  unha mellor comprensión de como a natureza nos sustenta, e do efecto que poden ter as nosas accións sobre a terra e sobre a vida.
O horto abriranos un camiño para o intercambio de coñecementos e de experiencias entre a escola e a comunidade educativa.
Para implicar aos cativos  nesta experiencia comezamos buscando un nome e unha mascota para o noso horto. O nome “O horto dos amigos de Cardio”, relaciona, como xa dixemos anteriormente, este proxecto co proxecto   no que están traballando os docentes e os nenos de educación infantil e que fai que a día de hoxe estean familiarizados con  “Cardio”. Polo que no horto imos plantar hortalizas e verduras que axudarán  a que o  noso “Cardio” funcione moi ben e estea moi ledo.

A mascota será  un boneco que se  dedicará  a facer falcatruadas  e a propornos cada venres un xogo para repasar os nomes das verduras e das hortalizas,  lembrar como son as súas follas e os seus froitos, e , en  definitiva, sorprendernos e axudarnos a aprender  como se coidan estas plantas e porque son moi importantes para a nosa saúde.

                         

 

Powered by Drupal - Design by artinet