Outras actividades

EDUCACIÓN INFANTIL - FIN DE ETAPA

INVITACIÓN PARA OS PAIS/NAIS, AVÓS/AVOAS... DOS NENOS DE CINCO ANOS QUE VAN CELEBRAR O REMATE DA SÚA ETAPA EN EDUCACIÓN INFANTIL!

 

 

CONTACONTOS

O venres, 23 de maio, tivo lugar na biblioteca do centro tres sesións de animación á lectura. Unha animadora relatou, representou e fixo participar aos nenos das seguintes historias:

- AS TRES GALIÑAS - para 1º, 2º , 3º e 4º de Educación Primaria

- MARTÍN E OS LAPIS MÁXICO - para Educación Infantil

Como podedes ver nas fotos, os nenos/as non perderon ni un detalle e pasárono pipa!

 

    (preme nas imaxes para acceder á galería de fotos)

TALLER PLÁSTICA E POESÍA DE 2º B

 

Este é o mural de Primavera que fixemos na aula de 2º e que está adicado a todos eses bechiños que reaparecen coa chegada desta estación. Cada neno encargouse de facer o seu bechiño e de pintalo coas témperas. Despois montámolo. Tamén compuxemos pequenas rimas. Este é o resultado.

 

RIMAS DE BECHIÑOS 

 

A libélula Úrsula,                     A ra Casandra,                     A lagartixa Marisa,

dun lado a outro pulula.            na charca moito salta.          está morta de risa.

 

A xoaniña Maruxiña,                A bolboreta Enriqueta,         A abella Sabela,

moitas flores tiña.                   sempre voa contenta.            leva o mel á colmea.

 

A formiga Tina,                       A mosca Rechoncha,             A araña Nerea,

leva todo o que pilla.               come enteira unha rosca.      a modo, tece a súa tea.

 

CHARLA SOBRE NUTRICIÓN

Entre os días 15 e 16 de maio, Sara –estudante do ciclo superior de dietética no CIFP A Carballeira- Marcos Valcárcel- ofreceulles aos alumnos do 2º ciclo de educación primaria unha charla sobre nutrición. Tamén  proxectou un vídeo sobre a dixestión e invitou os alumnos a realizar unha compra de alimentos saudables entre unha chea de alimentos expostos. Algúns alumnos miraban de esguello para as lambetadas pero foron quen de mercar os alimentos saudables de consumo diario, deixando os alimentos de consumo ocasional para outro día. Imos por bo camiño!

 

 

 

 

 

 

 

 

Consciente do papel fundamental da familia na alimentación dos nenos, Sara aproveita a oportunidade para remitir ás familias un pequeno manual sobre alimentación infantil, que espera lles sexa de utilidade.  

(premer na imaxe para acceder ao manual)

 

FAMILIAS ACOLLEDORAS!

Con motivo da celebración o día 15 de maio do "Día Internacional da Familia", o martes, 13 de maio, tivo lugar no centro unha charla promovida pola Cruz Vermella e dirixida aos alumnos/as de 4º de educación primaria co seguinte tema: "Acollemento familiar ...Todos os nenos e nenas teñen dereito a vivir en familia". A charla foi impartida por Dona Sonia López Seoane, psicóloga do programa de acollida familiar da Cruz Vermella e Dona Mónica Devesa, traballadora social tamén do citado programa.

A charla completouse coa realización dunha serie de actividades por parte dos nenos/as.

 

Hoxe queremos lembrar que todos os nenos e nenas teñen dereito a medrar baixo a protección, coidado e afecto dunha familia.

APRENDENDO A COMER BEN

Ao noso centro non só veñen os alumnos de maxisterio a facer as prácticas, mozos e mozas que estudan o Ciclo Superior de Dietética e Nutrición tamén realizan a súa fase de prácticas connosco. Este ano fixérono Sara Seoane, Beatriz Pereiro e Jorge Guedella que ademais de estudar e analizar todo o relacionado cos menús e o comedor escolar, déronlle unha charla aos nenos/as de educación infantil. Nesta charla faláronlles sobre os alimentos, hábitos saudables, como comer ben e tamén sobre o coidado do medio ambiente e da reciclaxe. Logo fixeron diferentes actividades... como veredes nas fotos ademais de aprender... pasárono pipa!   (Preme nas imaxes para acceder á galería de fotos)

 

CURSO DE PRIMEIROS AUXILIOS

Organizado polo Sindicato CSI-F, Ensino Galicia, celebrouse no noso centro un curso de primeiros auxilios destinado ao profesorado. O curso foi impartido polo médico do servizo galego de saúde Don José Benito González González. Celebrouse os días 31 de marzo e 9 de abril en horario de 17:00 a 20:00 h e asistiron ao mesmo 13 profesores/as do colexio.

Os contidos do mesmo foron os seguintes:

1. Introdución

2. Aspectos básicos dos primeiros auxilios  (definición, obxectivos dos primeiros auxilios, o socorrista, pautas xerais de actuación: conduta "PAS", o botiquín de primeiros auxilios)

3. Avaliación do accidentado

4. Parada cardiorrespiratoria:  a reanimación cardio-pulmonar

5. Obstrución da vía aérea

6. Desvanecemento ou lipotimia

7. Convulsións

8. Contusións

9. Feridas

10. Hemorraxias

11. Queimaduras

12. Traumatismos osteomusculares

13. Lesións oculares

14. Corpos extraños en nariz e oídos

15. Picaduras e mordeduras

16. Intoxicacións

17. Algunhas premisas de actuación en accidentes de tráfico

   

Os profes tamén aprenden...!

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet