Mes da Ciencia en Galego

Novembro é o Mes da Ciencias no IES García Barros e como parte desta efeméride o traballo conxunto do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, Biblioteca e Equipo de Normalización Lingúística, culminou hoxe 23 de novembro cunha mañá chea de experimentos e experiencias científicas relacionadas coas Ciencias da Saúde onde o alumnado de 1º Bacharelato (Bacharelato científico), fixo demostracións variadas ao alumnado de 2º e 3º da ESO.
Demostracións como extracción de ADN, visualización de amidón presente nos alimentos, valoración de Vitamina C en diferentes froitas ou experiencias para poñer a proba os nosos sentidos, convertiron a biblioteca escolar e a sala de usos múltiples nun laboratorio didáctico e divertido durante a mañá.

EDUsaúde. Formación do profesorado en técnicas de respiración e relaxación.

No marco do contrato programa de EDUsaúde, no que está implicado a maioría do profesorado do noso centro, o mércores 8 de novembro tivo lugar a primeira xornada de formación sobre técnicas de respiración e relaxación.
Durante o curso 2023-2024 pretendemos ampliar o ámbito e intervención  do proxecto EDUsaúde dos pasados anos, que estivo centrado na promoción da actividade física, a alimentación saudable, o risco do consumo de bebidas enerxéticas..., incorporando o descanso e tamén os hábitos saudables que axudan á nosa saúde mental.
A experiencia resultou moi positiva e esperamos darlle continuidade, aplicándoa co alumnado nas aulas e con outras actividades formativas no futuro.

III Liga Maker Drone - 1ª Xornada de Formación

O pasado venres, 10 de novembro, o grupo de alumnas e alumnos que participan este curso na III Liga Maker Drone, recibiron a 1ª formación e instrucción de voo de drones, impartida por persoal da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Máis imaxes na galería Flickr.

Charlas "Plan Director"

O pasado xoves, 9 de novembro, o alumnado de 2º e 3º da ESO asistiron a unhas charlas sobre riscos de Internet e acoso escolar, respectivamente. Foron impartidas por axentes da Garda Civil e enmarcadas dentro do Plan Director, para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e na súa contorna.

Máis imaxes na galería Flickr

DIGITAL, LEGAL, EMOCIONAL..."TODOS MIS YOS"

A realidade da vida descóbrenos actuacións e situacións que nunca serían elixidas para enfrontar novos retos versados na carencia humana e as novas tecnoloxías.

Sempre implicados desde a Prevención e a Educación do noso alumnado arriscamos en actuacións que deben abrir os nosos ollos ás realidades que acontecen...á reflexión dos porqués e á autocrítica e responsabilidade.

Este mércores día 8 de novembro o noso centro en colaboración con ACROFAM organizou "Digital, Legal, Emocional...todos mis YOs"

O feedback do noso alumnado e o profesional docente que asistiu, vén confirmar que estamos no camiño correcto.

Receitas de Lectura

   Dende a MeGaBiblioteca queremos contribuír á mellora da saúde de toda a comunidade escolar facéndovos chegar a primeira dunha serie de "Receitas de Lectura", que cunha periodicidade mensual serán publicadas e distribuídas por todo o Centro. Neste mes de novembro será o departamento de Latín e Grego o encargado de abrir a rolda de propostas con esta receita que nos invita á lectura de "Circe", a historia daquela famosa feiticeira que convertera aos compañeiros de Odiseo en animais.   

Inspección do río Barranqueira de Ponte Nova

O 3 de outubro o alumnado de bioloxía, xeoloxía e ciencias ambientais de 1º de bacharelato participou na inspección do estado do río Barranqueira da Ponte Nova, situado preto do instituto. Con esta actividade o noso centro colabora no Proxecto Ríos, unha iniciativa que pretende concienciar e educar na defensa dos nosos ríos. 
Os alumnos e alumnas analizaron parámetros físico-químicos e fixeron unha recollida e identificación de macroinvertebrados, animais bioindicadores que se empregan para determinar a calidade ecolóxica do río.
     

XORNADA DE COSMOLOXÍA!

   Na mañá do venres 3 de novembro contamos coa presenza do físico-teórico José Luis Bernal Mera quen coas súas explicacións conseguiu achegarnos a esta parte da astronomía que estuda as leis xerais, a orixe e a evolución do universo.

   José compartiu co alumnado de ciencias, tanto de Bacharelato como de 4ºESO, a súa experiencia investigadora nos Institutos de Ciencias do Cosmos da Universidade de Barcelona e no Max Planck de Astrofísica de Munich.

  ¡ Alegrámonos que grazas a unha beca Ramón y Cajal esté de volta no noso país traballando na Universidade de Santander!

Día das bibliotecas escolares

   A MeGaBiblio acolleu este pasado venres 27 de outubro o acto de entrega de diplomas aos estudantes que o curso pasado participaron no programa Voluntariado nas Bibliotecas Escolares, promovido pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Cultura e Educación e a Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Política Social. A ex profesora do centro, Noni Araújo, exerceu de mestra de cerimonias nun acto no que tamén se deu a benvida aos novos  voluntarios deste curso. Podedes ler a nova publicada na Voz de Galicia

III Liga Maker Drone

Un grupo de 9 alumnas e alumnos do IES Manuel García Barros forman o equipo que participará, xunto con outros 17 equipos de centros de toda Galicia, na III Liga Maker Drone, competición organizada pola Fundación Barrie de la Maza e o Instituto Tecnológico de Galicia e na que deberán deseñar un drone que resolva un problema real.

O pasado venres, 27 de outubro, asistiron á Xornada de Presentación na Cidade das TIC en A Coruña. Nesta xornada presentaronse todos os equipos participantes e realizaron diversos obradoiros: pilotaxe de drones, realidade virtual, drone finder, programación, circuítos electrónicos e robótica. Para finalizar o evento coa presentación do recto desta edición: neutralizar niños de velutinas.

         

Máis imaxes do evento nesta ligazón.

Novas na prensa:

Día das Bibliotecas Escolares, 27* de outubro

   A celebración do Día das Bibliotecas Escolares (24 de outubro) foi adiada para o venres 27. Neste día:
  
   – No primeiro recreo, entregaranse os diplomas da Consellería ao alumnado axudante do curso pasado. 
  
   – No segundo recreo, enroscarémosvos á lectura. 
  
O luns 23, comezará a colaborar o alumnado axudante deste curso e viaxará ás casas a mochila viaxeira.

Fase zonal do Campo a través XOGADE 2023

   O mércores 11 de outubro o alumnado de 1º e 2º da ESO participou dunha xornada deportiva nas instalacións das pisicinas municipais da Estrada, compartindo as carreiras de campo a través co alumnado dos centro educativos de primaria e secundaria da nosa contorna.
   O noso centro contou cunha ampla representación e estiveron acompañados tamén por unha boa parte do profesorado do centro, co que puideron disfrutar dunha xornada lectiva diferente na que a climatoloxía tamén axudou.
   Destacar os bos resultados dos nenos e nenas do noso centro en todas as categorías, grazas ao seu esforzo e participación, que lles permitirá clasificarse para participar nas seguintes fases das probas de XOGADE, na modalidade de campo a través.

Día das escritoras

O alumnado do ámbito lingüístico de 3º PDC celebrou o 16 de outubro, Día das Escritoras, lendo textos recomendados desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares e elaborando carteis alusivos a alguhas das escritoras. Animámosvos a ler eses ou outros escritos de autoras e a ver as fotos do noso traballo.

Máis imaxes na galería Flick.

Probas para acreditar a competencia en lingua estranxeira do alumnado nos niveis B1, B2 e C1

A Consellería de Cultura, Educación e Formación Profesional e Universidades convoca, a través da Resolución do 29 de setembro de 2023 publicada no seu portal, a xestión das probas de nivel lingüístico para o alumnado. Destinado ao alumnado matriculado en Bacharelato e 4º de ESO no curso 2023-2024, que poderá acreditar a competencia en lingua estranxeira non niveis B1, B2 e C1.

O IES Manuel García Barros solicitará participar nesta convocatoria, para o que é necesario determinar o alumnado interesado, que debe entregar no centro, antes do día 27 de outubro de 2023, o compromiso individual asinado pola familia que pode descargar nesta ligazón.

HORA DE LER, iniciamos un novo curso

   Nesta primeira semana de Outubro comeza Hora de Ler. Nas aulas da ESO, alumnado e profesorado disfrutarán dos primeiros vinte minutos de lectura silenciosa. Podes ler o que traias da casa ou escoller da caixa que tes na túa aula.

Recorda que a próxima semana terás outros 20 minutos. Consulta o calendario, porque sempre cambia.

Distribuir contido