Skip to Content

RECOÑECEMENTOS AO ALUMNADO DO IES PLURILINGÜE ELVIÑA

HOMENAXE A JORGE E PAULA

   Aínda que, por moitas razóns, todo o alumnado do IES Elviña ben merecería galardón de cotío sexa pola súa calidade humana ou pola académica, tamén sucede, de cando en vez, que caia en alumnado do noso centro esa sorte de recoñecemento singular que, saído da esfera do esforzo persoal, premia o xenio, os talentos particulares dalgún dos nosos rapaces e rapazas.

Imaxe

Jorge01Jorge 02Jorge 03


     Hai dúas semanas, asistimos a unha desas venturosas ocasións, recoñecemento no eido das belas letras, cando o alumno de 2º de Bacharelato do noso centro Jorge Unzaga recibiu o I Premio de Poesía no Certame Rita Suárez Amado, convocado polo IES Plurilingüe Eusebio da Guarda.
     Ben é certo que para Jorge era esta a segunda vez que recibía un galardón polo seu talento coa expresión máis verdadeira das palabras: hai dous anos recibira xa un accésit polas súas composicións nesta mesma prestixiosa competición coruñesa. O paso do tempo colocouno desta vez no máis alto, amosando o xeito en que a experiencia e o coñecemento de un mesmo aprofondizan e decantan no poeta a exacta natureza do seu arte. 
Así o sinalaron os membros do xurado, que subliñaron a extraordinaria matureza e o talento único do noso xoven autor, que fan sospeitar un futuro destacado no eido das letras, se non decae o seu compromiso con elas.

    Alumno discreto e comedido, benquerido de toda a comunidade do IES, Jorge ben merecía polo seu labor e pola súa persoalidade este premio, que non será, a bo seguro, o último.

Noraboa, poeta!

*     *     *

 

Paula01Paula02
Fotografías tomadas do instagram do Club Ximnasia Tempo

   Pasamos agora desde o mundo das letras ao eido da formación física, pois falamos dunha alumna que foi noticia entre nós por converterse hai uns días en ximnasta profesional, máis que meritoria culminación -polo momento- do seu constante traballo por despuntar no difícil mundo da competición deportiva de alto nivel.

   Trátase de Paula López Villar, intrépida estudante de 2º de Bacharelato, que a maiores dos esforzos por resolver integrais e por desentrañar os misterios arcanos da bioquímica, é tamén experta nas non menos complexas artes da barra de equilibrios, das asimétricas, dos flip-flaps e dos mortais adiante e atrás...
    Que a súa condición e os seus talentos a leven lonxe neste competitivo mundo.
Desde o IES, ficamos atentos a atopar o seu nome nas competicións...

 

Recorte de prensa
Recorte do diario La Opinión e enlace coa noticia


page | by Dr. Radut