Skip to Content

LINGUA GALEGA COAS TANXUGUEIRAS

FUSIÓN EDUCATIVA:
"TANXUGUEIRAS" NAS AULAS DE GALEGO

Tanxugueiras

     Este sábado moitos acordaron coa noticia educativa do finde nos xornais: un xoven profesor de lingua galega do IES Elviña espertaba a admiración dos docentes da comunidade galega pola súa unidade didáctica "veñen para quedar" sobre as Tanxugueiras, coa que está a traballar desde hai uns días co noso entusiasta alumnado cousas tan peregrinas coma a fonética da lingua galega, a gramática, a sociolingüística e demais asuntos de lingua. 

Veñen para quedar

 O xoven profesor, de prácticas no noso centro (fermoso presente e futuro venturoso), escritor de novelas nos ratos libres (de seguro non moitos), leva por nome Cándido Paniagua, e xunta talento, discreción, compromiso co traballo e xenerosidade a partes iguais. É de xustiza ese aplauso colectivo que recibe Cándido estes días. Entre as cousas que merecen eloxio, non semella a menor o traballo ben feito, o desexo de educar aos xóvenes na lingua galega e o amor pola propria cultura.

 A cousa está, pois, en que a Cándido deulle por acercar a reflexión sobre a lingua galega co orixinal método de recurrir ás novas tecnoloxías e á música das Tanxugueiras, das que moito se fala nestes días por esta súa Terra, canción coa que loitan na Benidorm Fest por representar a España na Eurovisión. E do mesmo xeito que estas tres potentes rapazas levan o son electrónico da música máis moderna á poderosa tradición das cantareiras e das pandereteiras, así o noso Cándido fai bandeira da fusión de música e gramática nas aulas. Disque os rapaces e rapazas están encantados co intento, e que os alalás das Tanxugueiras lles encenderon o aquel da curiosidade pola cultura galega. Diso se trataba. Ben feito!

     Por todos os esforzos semellantes que de cote hai nas aulas de Galiza, cómpre tamén un aplauso. Desta vez tocoulle a Cándido, que ben o merece. Sorte para nós, a comunidade do IES Elviña, que podemos contar con el. Grazas, Cándido!  



page | by Dr. Radut