Skip to Content

Charla de emprendemento TIC por Daniel Seijo, CEO de Menéame, fundador de Diariomotor e exalumno do centro

Continuando cunha semana frenética en actividades complementarias, hoxe tivemos no centro unha visita moi especial. Daniel Seijo, ademáis de CEO de Menéame, fundador de Diariomotor e artífice de outros moitos proxectos de emprendemento TIC, é exalumno do IES Arcebispo Xelmírez II e, polo tanto, estivo moitas veces sentado escoitando charlas na mesma sala na que hoxe o recibía a él o alumnado de 4ºESO e 1ºBAC.

O feito de que o ponente fora antes alumno do mesmo IES incrementou o nivel de empatía entre el e os rapaces e rapazas. Alumnos e alumnas tiveron ocasión de coñecer de primera man a evolución da traxectoria dun emprendedor de éxito en tempos de crise, que naceu, creceu e estudou no mesmo lugar no que elas e eles o fan agora. Un extra de motivación para o seu futuro.

Entre as frases que dixo Daniel e que na cabeza do alumnado quedarán para o recordo están as de "Unhas veces se gaña e outras se aprende" ou que "É mellor nacer en Vite que en Silicon Valley"... As veces o alumnado pensa que desde a súa posición, situación ou condición non poderá chegar a moito e Daniel explicou que realmente a clave está en entender e crer que si se pode e en empezar a intentalo canto antes e moitas veces. 

Daniel Seijo falou dos seus proxectos pasados, presentes e futuros. O alumnado escoitou atentamente como chegou a ser o máximo responsable de varias empresas TIC de moita importancia no sector. Despois chegou o turno do debate e das preguntas. En público e á saida, xa en petit comité, alumnos e alumnas puxeron sobre a mesa ideas de negocio para recibir consellos e comentar con Daniel a súa viabilidade, xurdiron temas moi interesantes que esperamos ver materializados en pouco tempo.

Aproveitamos a ocasión para agradecer a Daniel Seijo o seu tempo e a súa visita. Foi un pracer escoitar a súa historia, que o alumnado tivese a ocasión de conversar con el sobre as súas inquietudes e, en definitiva, contar con el no que xa era e segue a ser o seu instituto. 



story | by Dr. Radut