Skip to Content

Banco de libros da Anpa

Como quizais xa sabedes, no ano académico que está finalizando mudaron os libros de textos dos cursos impares (1º ESO, 3º ESO, 1º Bacharelato), e no próximo ano académico 2023-2024 mudarán os dos cursos pares (2º ESO, 4º ESO, 2º Bacharelato).

Por este motivo, os libros que foron prestados este ano non se van recoller porque xa non son válidos para o futuro.

Ademas, tal como foi decidido na asemblea celebrada en novembro, a anpa deixa de organizar o banco de libros polos seguintes motivos:

  • Para o curso que comeza en setembro non teriamos libros dos cursos pares, xa que son libros novos.
  • Para os cursos impares só teriamos libros se os doan as familias que este ano compraron eses libros, pero eles non podería recibir ningún libro do curso par que irían cursar porque serían libros novos. Por este motivo, o previsible é que ninguén doase libros e non teriamos fondo de préstamo tampouco nos cursos impares.
  • Xa nos últimos anos se viña observando que se doaban moi poucos libros, que é a base do funcionamento dun banco de libros. Sirva como dato que no curso que agora comeza recibiron libros 191 estudantes, dos cales só 67 doaron algún. Obsérvase que na actualidade a maioría das familias prefiren vender os libros en plataformas de segundo man en vez de doalos ó banco da anpa.
  • Cada ano temos casos de familias que reciben libros de texto do banco da anpa e non os devolven ó finalizar o curso. Isto é especialmente común en 2º de bacharelato. Por este motivo cada ano tiñamos menos libros no banco.
  • Polo tanto, o éxito do noso banco de libros baseábase en que a maioría das persoas recibían libros sen ter que doar ningún. Isto era posible porque había un grande fondo de libros no banco, froito dunha grande compra que unha anterior directiva da anpa fixera hai nove anos. Nós, pola contra, consideramos que a anpa ten a función de organizar sistemas que poidan beneficiar ó colectivo de familias, pero non facer gastos en compra de libros que en xeral só benefician a algunhas persoas.
  • Desde hai moitos anos a maioría das anpas de Galicia vimos reclamando que debe ser a administración educativa quen establece un sistema universal de préstamos de libros, como xa existiu entre os anos 2005 e 2008 e que mesmo resultaba máis barato e máis doado de organizar que o sistema actual. Por este motivo xa hai seis anos que a case totalidade de anpas decidiu deixar de organizar un sistema de préstamo que non lle compete (senón que é responsabilidade das autoridades educativas) e aumentou os esforzos en reclamar das autoridades que poñan os medios para que o ensino sexa realmente gratuíto (incluído os libros e material). 


page | by Dr. Radut