Skip to Content

Inauguración da exposición "Santiago 1936"

A inauguración da mostra “Santiago 1936” foi un evento de grande interese. O alumnado presente (2BACH e 2ESO) puido escoitar palabras que iluminaron as fotos, as portadas dos periódicos, os carteis anunciadores ou reivindicativos que están no vestíbulo do instituto.

No vestíbulo, entre os paneis da mostra escoitaron moitas palabras. As palabras, sempre as palabras. As palabras que teñen que estar por riba do asubío das balas, por riba do ruído das patadas e puñadas, por riba do ruído da terra caendo sobre as fosas dos corpos das persoas asasinadas.

Dende o grupo HISTAGRA quíxose construír un novo relato do sucedido en Santiago despois  do golpe de Estado de 1936, nese momento no que se empezou a deixar atrás unha República democrática para ir cara unha Ditadura pasando por unha Guerra Civil.

Ese desexo foi transmitido nas intervencións dos comisarios da mostra Lourenzo Fernández Prieto (catedrático de Historia Contemporánea da USC) e Antonio Míguez Macho (investigador contratado polo “Programa Ángeles Alvariño” no Departamento de Historia Contemporánea da USC) para  que o alumnado puidese contemplar a mostra como moito máis que un feixe de papeis antigos que nada teñen que ver co que hoxe sucede.

Na mesma liña foron pronunciadas as palabras por Manuel Dios Diz (Concelleiro de Educación e Cidadanía, Concello de Santiago de Compostela), Goretti Sanmartín Rei, (Vicepresidenta da Deputación Provincial de A Coruña, Representante do Concello de Santiago de Compostela no Consello Escolar do IES Xelmírez II) e Pilar Tobar Quintanar (Directora do IES Arcebispo Xelmírez II).

O doutorando e investigador de HISTAGRA, Rafael García Ferreira completou esta visión cunha excelente charla que tivo lugar no salón de actos. De novo palabras, agora tamén por parte do alumnado, que fixo preguntas moi interesantes tanto a Rafael García como a Gustavo Hervella García (Investigador-Documentalista do Departamento de Historia Contemporánea da USC). Pero tamén imaxes, e moitas, incluso da escola de xordo-mudos, que se convertería en cuartel militar e anos máis tarde albergaría o centro de ensinanza medias que se dividiría nos dous institutos “Xelmírez” que existen actualmente en Santiago de Compostela, onde agora están aloxados os edificios administrativos da Xunta de Galicia.

Moitas grazas a todas a persoas que fixeron posible que esta mostra, que ten a intención de ser viaxeira, empezara o seu periplo no noso centro. O grupo HISTAGRA fixo que todo fose doado e sinxelo.

Seguro que o noso alumnado vai a aprender moitas cousas do pasado e do presente e iso é porque hai persoas apaixonadas, traballadoras e xenerosas, moi cerca de nós, na USC. Que máis se pode pedir!

Pilar Tobar Quintanar. Directora do IES Arcebispo Xelmírez II

Manuel Dios Diz. Concelleiro de Educación e Cidadanía, Concello de Santiago de Compostela
 
Antonio Míguez Macho. Investigador contratado polo “Programa Ángeles Alvariño” no Departamento de Historia Contemporánea da USC
 

Lourenzo Fernández Prieto. Catedrático de Historia Contemporánea da USC
 
Goretti Sanmartín Rei. Vicepresidenta da Deputación Provincial de A Coruña e representante do Concello de Santiago de Compostela no Consello Escolar do IES Xelmírez II
 
Rafael García Ferreira. Doutorando e investigador de HISTAGRA

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos


page_ppp | by Dr. Radut