Skip to Content

Conferencia de astronomía. Estrelas, nebulosas, cúmulos e galaxias

O mércores 16 de xaneiro visitou o noso centro Pedro Pablo Campo, investigador do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago e membro do programa TodoCosmos, financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT)

Pedro Pablo Campo é graduado en Matemáticas pola USC, e actualmente está a desenvolver a súa tese doutoral, ademais de participar en investigacións e publicacións científicas, así como en actividades de observación e divulgación relacionadas coa astronomía.

Durante algo máis dunha hora, achegoulle ao alumnado do bacharelato científico aspectos sobre a formación, a evolución e a clasificación das estrelas: onde e como se forman, que características teñen, os principais aspectos que se estudan en relación con elas, cales son as categorías nas que se clasifican, e que obxectos producen cando rematan a súa vida como estrelas. Así mesmo, introduciu algúns aspectos en relación coas estrelas binarias, campo no que os investigadores do OARMA, dirixidos polo profesor J. Ángel Docobo Durántez, son unha referencia mundial.

Ao remate da exposición, tivo lugar un animado intercambio de cuestións sobre diferentes aspectos da astronomía e a cosmoloxía.

Pódense ver fotografías da conferencia en Fotos



page | by Dr. Radut