Skip to Content

A nosa experiencia no UniStem Day 2018 na Facultade de Medicina da USC

O pasado venres 16 de marzo o alumnado das materias Psicoloxía e Bioloxía de 2º de Bacharelato participou no UniStem Day 2018 que se celebrou na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, acompañado polos profesores Cecilia, David e Marita.

En total 365 estudantes e profesores participaron neste evento internacional de divulgación sobre células nai que é o máis importante de Europa. O UniStem Day desenvólvese de xeito simultáneo en 74 universidades e centros de investigación de 60 cidades de varios países europeos.

En Santiago de Compostela o acto de inauguración tivo lugar no Salón de Actos Novoa Santos da Facultade de Medicina presidido pola vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, coa presenza do vicedecano do centro José Martín Carreira Villamor e Jannette Rodríguez Pallares, do comité organizador da xornada e investigadora do Laboratorio Neurobioloxía da Enfermidade de Parkinson.

Ademais de conexións por videoconferencia coas universidades participantes, proxeccións e xogos, o programa incluía charlas impartidas por investigadores da USC que achegaron ao alumnado o valor do traballo realizado nos laboratorios en relación coas células nai para espertar o interese do alumnado pola investigación e a ciencia neste ámbito. Outra marabillosa experiencia para sumar á súa aprendizaxe, a súa motivación e tamén aos seus bos recordos.

Máis información | Neurolab e Unistem Santiago



story | by Dr. Radut